Ir o contido principal

As xornadas ‘Palabra e imaxe’ profundarán nos xeitos de narrar Compostela

De esquerda a dereita, Francisco Morales, Valentín García, Pilar Murias e Daniel Chapela. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Francisco Morales, Valentín García, Pilar Murias e Daniel Chapela. FOTO: Santi Alvite
Desenvolveranse do 29 de setembro ao 1 de outubro e acollerán concertos, rutas, conferencias e mesmo un obradoiro teatral
Santiago de Compostela

As xornadas ‘Palabra e imaxe ou xeitos de narrar Compostela’ desenvolveranse dende o venres 29 de setembro ata o domingo 1 de outubro. Concertos, rutas, conferencias e mesmo un obradoiro teatral servirán para abordar os lazos entre a literatura e Compostela a través de tres obras senlleiras: Trece badaladas de Suso de Toro, Doentes de Roberto Vidal Bolaño e Seis poemas galegos de Federico García Lorca.

A vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, participou este mércores 20 na presentación das xornadas, un evento organizado polo estudante da USC Daniel Chapela e que conta co patrocinio da Universidade, da Xunta de Galicia e do Consello do Estudantado da USC. No transcurso da rolda de prensa, que tivo lugar no Salón Teatro, Murias salientou “o papel que está a xogar o estudantado da Universidade á hora de dotar de máis vida cultural a Universidade e a cidade”, destacando que “as liñas de traballo que foi implementando a Vicerreitoría nestes anos van dando os seus froitos”, como a convocatoria de axudas para o desenvolvemento de proxectos de dinamización físico-deportiva e cultural nos centros da USC.

Así, Pilar Murias quixo “poñer en valor a colaboración entre a USC e as Administracións Públicas”, agradecendo o apoio da Xunta de Galicia nesta actividade, ao tempo que manifestou “o orgullo que produce que as novas xeracións estean a desenvolver proxectos propios de forma independente, contribuíndo a un Santiago de Compostela máis aberto e dinámico”.

Logo de Murias, quen tamén subliñou “a importancia que ten a igualdade de xénero neste programa, con voces maioritariamente femininas”, interveu Francisco Morales, tesoureiro do Consello do Estudantado da USC, quen destacou “a relevancia de contar con actividades concibidas dende o estudantado e para o estudantado”, así como que “se estean a dar claros pasos cara a adiante para aumentar o peso do alumnado tanto na Universidade como na propia cidade, o que dá boa conta de que somos persoas 100% preparadas para ocupar espazos e ter voz en todos os asuntos”. Tamén participaron na rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez; o organizador das xornadas, Daniel Chapela, e a creadora do cartel das xornadas, Beatriz Pereira.

Unha cidade de cinema

O Salón Teatro, o Babylon Garden, as escaleiras da Facultade de Xeografía e Historia, a praza das Pratarías e o conxunto da zona vella serán testemuña dunhas xornadas que integran 16 actividades e máis de 20 participantes. En palabras do organizador, “é unha homenaxe literaria a obras e figuras cun forte impacto na cidade, tendo en Vidal Bolaño e na súa pulsión teatral o mellor exemplo”. Así, sinalou que a “xoia da coroa” será un obradoiro teatral con fragmentos da obra teatral de Bolaño a cargo de Mónica Camaño e Zé Paredes, que terá lugar no Salón Teatro o venres en horario de 17.00 a 20.00 horas, o sábado de 10.00 a 20.00 horas e o domingo de 10.00 a 19.00 horas. Esta actividade, ademais, enlaza co propio peche das xornadas, un ensaio aberto ao público no Salón Teatro.

Ademais, realizaranse tres obradoiros de escrita en relación ás tres obras, coordinados por Anna R. Figueiredo, Vanesa Sotelo e Míriam Ferradáns; relatorios a cargo de Dolores Vilavedra, Malores Villanueva e Miguel García-Fernández; unha mesa redonda con Inma López Silva e Afonso Becerra; rutas literarias con Roi Vidal Ponte e Lito Vila Baleato; un recital con Marilar Aleixandre, Iria Pinheiro, Ana Lorenzo e Daniel Chapela; proxeccións de cine con coloquios; unha presentación con Henrique Alvarellos e Andrea Valle; e un concerto do grupo Algarada.

As actividades, que son de balde, requiren inscrición previa no caso do obradoiro teatral –antes do martes 26 ás 23.00 horas, remitindo unha fotografía e mais, de habela, experiencia– e dos obradoiros de escrita e rutas –o prazo remata o xoves 28 ás 23.00 horas–. As inscricións poden formalizarse a través do mail daniel.chapela.duran [at] rai.usc.es (daniel[dot]chapela[dot]duran[at]rai[dot]usc[dot]es)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.09.2023.