Ir o contido principal

As ‘I Xornadas de Software Libre na empresa’ reúnen na ETSE a estudosos e profesionais

As ‘I Xornadas de Software Libre na empresa’ desenvolveranse este venres 21, de 16.00 a 20:30 horas, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da Universidade compostelá co obxectivo de mostrar as oportunidades que este tipo de aplicacións ofrecen aos proxectos empresariais. Forman parte das actividades que a USC, a través da Oficina de Software Libre do Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG), realiza ao abeiro do convenio asinado coa Fundación para o Fomento de Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2012 da Xunta de Galicia. Estas xornadas pretenden amosar aos futuros profesionais galegos en xeral, e aos alumnos da USC en particular, que o software libre é unha aposta de calidade á hora de afrontar un proxecto empresarial e que tamén hai moitas oportunidades no mercado laboral para o profesional experto en software libre. O programa comezará cunha presentación da Oficina de Software Libre das Universidades galegas e da Asociación Galega de empresas de Software Libre. A continuación cada empresa participante explicará brevemente como utiliza o software libre, dará unha visión dos proxectos nos que está involucrada e explicará porque decidiu apostar po resta alternativa. Para rematar este bloque, realizarase unha mesa redonda coas empresas participantes nas que se debaterá sobre o emprendemento con Software Libre. No segundo bloque, profesionais do software libre falaran sobre a súa experiencia, explicando as razóns que os levaron a formarse nestas tecnoloxías e como e porque colaboran coas comunidades de software libre. Para rematar, realizarase unha mesa redonda sobre as Oportunidades de traballo para o profesional do software libre. As persoas interesadas poden acadar máis información en http://osl.cixug.es/xornadas/

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.09.2012.