O xurado do Premio de Relato Curto da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC emite o seu ditame este martes
O xurado do Premio de Relato Curto da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (AAAAUSC) reunirase este martes, día 25, para emitir o fallo na súa terceira convocatoria. A xuntanza terá lugar ás 19:00 horas na Casa da Concha (Rúa da Conga, nº 1), en Santiago.
Presidido pola profesora de Filoloxía Galega Blanca Ana Roig, o xurado componse ademais da tesoureira da AAAAUSC, María del Carmen Pardiñas, como secretaria; e a voceira Alicia López Gallego, profesora do curso de creación literaria organizado pola Asociación. O premiado recibirá 300 euros, unha figura da colección ‘Alba da Groria’ de Castelao realizada por Sargadelos e un diploma.
Este certame da AAAAUSC foi galardoado pola Federación de Asociacións de Antigos Alumnos e Amigos das Universidades Españolas co Premio Alumni pola súa “aposta de carácter marcadamente cultural e vertebradora da necesaria unión entre Universidade e sociedade civil”.