Ir o contido principal

O Xuventude Crea 2025 chega á Igrexa da Universidade para amosar o talento da mocidade galega en moda e deseño de xoias

O Xuventude Crea recoñeceu na categoría de moda o proxecto ‘La forma del miedo’, de Nahir Álvarez, da Guarda. FOTO: Santi Alvite
O Xuventude Crea recoñeceu na categoría de moda o proxecto ‘La forma del miedo’, de Nahir Álvarez, da Guarda. FOTO: Santi Alvite
A mostra coas obras finalistas do certame pode visitarse de balde ata o 2 de decembro
Santiago de Compostela

A mostra coas obras finalistas nas categorías de Moda e Deseño de Xoias do Xuventude Crea 2025 xa pode visitarse na Igrexa da Universidade ata o 2 de decembro, en horario de 11.00 a 14.00 e 17.00 a 20.30 horas con entrada de balde. Estas son tan só dúas das 16 especialidades que compoñen a convocatoria deste certame, que este ano segue a consolidar a súa alta participación, volvendo rexistrar ao redor de 600 persoas inscritas. A exposición inaugurouse este martes 18 nun acto no que participou a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández, xunto á directora xeral de Xuventude, Lara Meneses.

O Xuventude Crea recoñeceu na categoría de moda o proxecto ‘La forma del miedo’, de Nahir Álvarez, da Guarda. Trátase dunha colección inspirada nas películas de terror dos anos 20 con recursos como formas afiadas, deformación das prendas, manipulación manual dos tecidos e repetición obsesiva de elementos, para xerar un aire propio de distorsión, ansiedade visual e decadencia. Outro dos galardoados foi ‘Liturxias: superficial e ficticia’, de Lucía Beltrán, de Pontevedra, no que se explora o ascenso e a caída de mulleres da clase alta americana que pasan do privilexio dos anos 30 á ruína nos 50. Pola súa banda, Sara Cancela, de Rois, resultou gañadora coa iniciativa ‘Ruliña’, que inclúe pezas inspiradas en momentos máxicos e imaxinais, un reflexo da infancia.

Na especialidade de deseño de xoias, o proxecto ‘Parque de bólas’, de Carlota Cao, de Ourense, foi a primeira gañadora, cunha colección que transforma un símbolo da infancia en ornamento , reinterpretando e trasladando ao corpo tres elementos icónicos do parque infantil: tobogáns, xanelas burbulla e bólas. Seguidamente, recoñeceuse a proposta ‘Isomorfías’, de Sandra Marcuño, de Rianxo, unha serie conceptual e minimalista que nace da observación da natureza. Pola súa banda, Rebeca García, de Pobra do Caramiñal, resultou gañadora coa iniciativa ‘Tradición e vangarda’, inspirada nos oficios artesanais e ancestrais, representativos da cultura galega, concretamente na cestería de castaño. 
 

Na especialidade de deseño de xoias, o proxecto ‘Parque de bólas’, de Carlota Cao, de Ourense, foi a primeira gañadora. FOTO: Santi Alvite
Na especialidade de deseño de xoias, o proxecto ‘Parque de bólas’, de Carlota Cao, de Ourense, foi a primeira gañadora. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.11.2025.