Ir o contido principal

O XXI Congreso Nacional da Sociedade Española de Bioloxía Celular desenvólvese en Santiago a vindeira semana

Estudantes nun laboratorio de Bioloxía. Foto: Santi Alvite
Estudantes nun laboratorio de Bioloxía. Foto: Santi Alvite
O acollemento desta cita científica, que inclúe actividades divulgativas para todos os públicos, reforza a traxectoria investigadora da USC neste campo da bioloxía
Santiago de Compostela

A Universidade de Santiago de Compostela acolle entre os días 21 e 24 de outubro o XXI Congreso Nacional da Sociedade Española de Bioloxía Celular (SEBC), que incluirá conferencias plenarias, sesións de comunicacións orais e presentacións en formato póster nas que se abordarán moi diversas temáticas de actualidade nesta disciplina.

O campo da Bioloxía Celular conta cunha ampla tradición e actividade investigadora na USC, de xeito que o desenvolvemento en Santiago desta importante cita científica reforza aínda máis esta traxectoria. A USC será así eses días o epicentro da bioloxía celular en España, reunindo persoal investigador de talla internacional con outro en formación. O comité científico organizador está composto polos investigadores e investigadoras do CiMUS Manuel Collado, Aurora Gómez-Durán, Carmen Rivas e Anxo Vidal.

Nos catro días desta cita científica haberá tamén espazo para un encontro de persoal investigador con estudantado de Bioloxía, unha charla sobre transparencia en experimentación animal ou a celebración da asemblea xeral da Sociedade.

Tempo para a divulgación científica

O congreso, a desenvolver na Aula Magna da Facultade de Bioloxía, inaugurarase o día 21 ás 19.00 horas cunha conferencia do biólogo Alfonso Martínez Arias, profesor da Universidade Pompeu Fabra, que previamente (17.00 horas no IES Rosalía de Castro) presentará nun acto público o seu libro Las arquitectas de la vida. Cómo la nueva ciencia celular está reescribiendo la historia del ser humano co que revoluciona o campo da bioloxía ao formular un cambio de paradigma: o que nos define non son os xenes, senón as células. O acto moderarao o divulgador e responsable do programa Efervesciencia da Radio Galega, Manuel Vicente.

Xa o día 24, logo de tres días compartindo experiencias investigadoras,  terá lugar a cerimonia  de clausura, que pronunciará ás 12.45 horas Ana María Cuervo, do Albert Einstein College of Medicine (NYC, EE.UU).

Precisamente será Ana Cuervo quen, xunto coa catedrática de Bioloxía Celular da Universitat de Valencia Isabel Fariñas, referente internacional no estudo das células nai neurais, participen na última das actividades enmarcadas no SEBC como é un diálogo aberto ao público, que leva o título ‘Cando o cerebro envellece: retos e esperanzas’.

A sesión, a desenvolver o día 24 ás 18.30 horas no Centro Obra Social ABANCA en Santiago (Praza de Cervantes s/n), abre unha nova edición dos Diálogos sobre lonxevidade e envellecemento que organiza Afundación e que tentará dar resposta a preguntas como: Teremos cura para enfermidades como o alzhéimer e o párkinson? Por que algúns transtornos neurodexenerativos son máis comúns na vellez? Que é a xerociencia?.

A conversa entre as dúas científicas de prestixio internacional estará moderada polo doutor Manuel Collado, investigador do Centro Nacional de Biotecnoloxía, dependente do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, e que dirixe o seu grupo de investigación no CIMUS da Universidade de Santiago de Compostela.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.10.2025.