O luns 3 de febreiro ás 19.00 horas na Igrexa da Universidade inaugúrase a exposición ‘Gaza: o eco dos esquecidos'. O acto estará presidido polo reitor da USC, Antonio López Díaz. Tamén asistirán o presidente da Fundación USC-Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Martínez; a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividad González Rodríguez; o co director da Cátedra Araguaney para o diálogo entre culturas, Francisco Javier Sanjiao Otero; e o comisario da exposición, Cibrán Meléndez Cabo.
"Nesta mostra, Mohammed Zaanoun, Abood Abu Salama e Ahmed Zakot documentan os actos do exército israelí dende dentro, dando unha visión real sobre os crimes contra a humanidade. Dende a maioría dos medios tradicionais dispúxose unha barreira á hora de mostrar a información e converteuse nunha guerra discursiva de dous bandos cunha clara desigualdade entre eles, na que o gran público queda cos 'ecos', as pequenas pinceladas que se mostran nos informativos e sen coñecer en profundidade a realidade dun conflito que está a acabar cun pobo enteiro. Esta exposición tamén busca destacar ás vítimas, aos 'esquecidos', aos seres humanos con nome e apelidos, que son ignorados de mutuo acordo nos medios de comunicación de masas, mostrando a súa vida cotiá e o impacto real do masacre nas súas vidas.", explican desde a organización.
Mohammed Zaanoun é reporteiro gráfico independente gazatí de 38 anos. Dende o comezo do asedio total da Franxa de Gaza fotografou a devastación de Gaza baixo as bombas israelís e as súas fotos son testemuño do terror dos civís que son branco dos bombardeos israelís. Abu Salama é un periodista e fotógrafo palestino da cidade de Gaza. Aboud describe a través das súas fotografías a tráxica situación que presencia en Gaza. Establece unha comparación entre os momentos de alegría previa á guerra e a tristeza posterior. O soño gazatí converteuse simplemente en durmir e espertar con vida. Ahmed Zakot é natural da cidade de Gaza. Cubriu as catro guerras na Franxa de Gaza, así como a súa vida cotiá e a vaga de divisións e disputas internas. Traballa como operador de cámara independente para moitas institucións de ONG na Franxa, traballando na coordinación e cobertura das súas actividades e proxectos.
A mostra poderá visitarse de luns a venres, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas.