Mostra a realidade de Gaza a través da ollada dos reporteiros gráficos gazatís Mohammed Zaanoun, Ahmed Zakot e Abood Abu Salama

A Universidade de Santiago e a Fundación Araguaney-Puente de Culturas organizan, no marco da Cátedra USC-Araguaney para o Diálogo entre Culturas, a exposición ‘Gaza: o eco dos esquecidos’ na Igrexa da Universidade.
A exposición
‘Gaza: o eco dos esquecidos’ presenta a realidade do xenocidio en Gaza a través da perspectiva dos reporteiros gráficos gazatís Mohammed Zaanoun, Ahmed Zakot e Abood Abu Salam, que documentan os actos do exército israelí desde dentro, ofrecendo unha visión real sobre os crimes contra a humanidade. Esta exposición busca ademais destacar as vítimas, os “esquecidos”, os seres humanos con nome e apelidos que en moitas ocasións só atraen a atención dos medios de comunicación de masas, mostrando a súa vida cotiá e o impacto real do masacre nas súas vidas.
A mostra pretende rachar coa barreira disposta “desde a maioría dos medios tradicionais” á hora de mostrar a información “converténdoa nunha guerra discursiva de dous bandos cunha clara desigualdade entre eles, na que o gran público queda cos “ecos”, as pequenas pinceladas que se mostran nos informativos e sen coñecer en profundidade a realidade dun conflito que está a acabar cun pobo enteiro”, explican os organizadores.
A montaxe estrutúrase seguindo os diferentes aspectos que mostran a complexidade do xenocidio desde as perspectivas descritas polos tres fotoxornalistas palestinos e desde distintas ópticas: histórica, atemporal, xornalística, fotográfica, informativa e audiovisual, o que permitirá ao visitante obter unha “visión integral, poliédrica e multidisciplinar” do conflito.
26 fotografías, o documental Hospital Al Shifa: os crimes soterrados cedido pola televisión Al Jazeera, vídeo-testemuños dos reporteiros gráficos e unha creación artística compoñen esta mostra que poderá visitarse ata o 31 de marzo, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.
Os autores
Mohammed Zaanoun é reporteiro gráfico independente gazatí de 38 anos. Dende o comezo do asedio total da Franxa de Gaza fotografou a devastación de Gaza baixo as bombas israelís e as súas fotos son testemuño do terror dos civís que son branco dos bombardeos israelís. Abu Salama é un periodista e fotógrafo palestino da cidade de Gaza. Aboud describe a través das súas fotografías a tráxica situación que presencia en Gaza. Establece unha comparación entre os momentos de alegría previa á guerra e a tristeza posterior. O soño gazatí converteuse simplemente en durmir e espertar con vida. Ahmed Zakot é natural da cidade de Gaza. Cubriu as catro guerras na Franxa de Gaza, así como a súa vida cotiá e a vaga de divisións e disputas internas. Traballa como operador de cámara independente para moitas institucións de ONG na Franxa, traballando na coordinación e cobertura das súas actividades e proxectos.
