Pasar al contenido principal

Máis de 100 días con propostas culturais este curso no Campus Terra

Máis de 100 días con propostas culturais este curso no Campus Terra
Máis de 100 días con propostas culturais este curso no Campus Terra
Distintos obradoiros de fotografía, danza, teatro e cine configuran o mapa de ‘Espazos Cultura’ para os vindeiros meses
Lugo

Coa chegada do outono cada vez é máis difícil atopar eses agradables raios do sol que dan na cara, que enchen o noso corpo de enerxía e grazas aos que podemos afrontar o día cun gran sorriso. Porén, no Campus Terra creamos o noso propio sol e orixe da felicidade: unha completa programación cultural para este curso 21-22.

 

Co título de ‘Espazos Cultura’, a Área de Cultura da USC do Campus de Lugo propón uns meses ateigados de cursos e actividades de formación cultural nos que o máis complicado será escoller. Este mapa presenta catro universos distintos polos que o alumnado vai poder viaxar e descubrir de primeira man diferentes aspectos da fotografía, a danza, o teatro, e o cine.

 

Deste xeito, no noroeste sitúase o Espazo Fotografía, dividido en dous módulos impartidos por Adra Pallón e que permitirán ás persoas participantes afondar sobre a linguaxe fotográfica. Ao desprazarnos cara ao sur atopamos o Espazo de Danza no que, dende outubro ata abril, Rosa Acuña vai ofrecer tres cursos sobre distintos aspectos deste baile: danza contemporánea, danza creativa e ioga danza. Igualmente, as persoas interesadas en unirse á Compañía de Danza da USC-Lugo poderán facelo baixo a dirección de Juan Carlos Zahera.

 

Neste senso, se o noso desexo é subirnos a un escenario para actuar, só será cuestión de poñer rumbo cara ao nordés con destino á Aula de Teatro USC-Lugo. Neste lugar, Esther Latorre, Sybila Gutiérrez Poveda, Clara Ferrāo Diz e mais Fran Martínez impartirán o seminario “O corpo habitado”, da mesma forma que Roberto Salgueiro será o encargado dunha formación de interpretación.

 

Pola súa banda, Marga Portomeñe levará a cabo dende outubro ata decembro o “Taller de teatro de monicreques e as súas posibilidades” e ata abril o “Taller de Teatro IV Ciclo”. A partir de xaneiro, Alberto Cabarcos abrirá o pano da Compañía de teatro USC-Lugo para aquelas persoas atraídas pola maxia da actuación.

 

Por último, a gran pantalla será o sinal de termos aterrado no sueste, onde Alicia Taboada nos achegará á dobraxe, mentres que da man de Pepe Coira seremos quen de descubrir todos os detalles agochados na escritura de guións.

 

Se queres gozar da maxia dalgunha destas actividades, ou de todas, lembra inscribirte no correo cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es), onde tamén podes solicitar máis información sobre os seus contidos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.02.2022.