Pasar al contenido principal

Por que a Filosofía

O Grao en Filosofía

 

As preguntas da filosofía

A filosofía xurdiu do intento de responder a preguntas aparentemente sinxelas: que podemos saber? como queremos vivir as nosas vidas?, dando lugar a un campo de reflexión sobre o pensar, o coñecer, o actuar; desenvolvendo unha visión crítica sobre as opinións recibidas, enfrontando grandes cuestións: que é a verdade?, que é a xustiza?, que é a beleza?, que é a liberdade?, podemos estar totalmente seguros de algo?, é posible coñecer o mundo tal cal é?, como queremos vivir xuntos?

Son cuestións que remiten ás ideas, aos valores, á experiencia e aos problemas fundamentais que preocupan en cada momento histórico e no noso en particular.

Son preguntas que poñen de manifesto a necesidade de comprensión do ser humano, así como de todo aquilo que lle concirne e interesa, que desbordan as respostas que proporcionan outras disciplinas como a economía, o dereito, a literatura, ou as diversas ciencias.

Son o tipo de cuestións cuxa elucidación recoñeceuse ao longo dos séculos como propia da indagación filosófica, por máis que esta se faga tendo presente as achegas doutros ámbitos do saber cos que a filosofía mantén importantes vínculos.

 

As disciplinas filosóficas

Actualmente as disciplinas filosóficas nas que o Grao de Filosofía permite afondar están agrupadas en tres grandes áreas:

  • Filosofía
  • Lóxica e Filosofía da Ciencia
  • Filosofía Moral

Estas disciplinas abordan, ademais da historia da filosofía, ámbitos de estudo como a linguaxe, a ciencia, a tecnoloxía, a ética, a política….

Neste plan de estudos o enfoque propio destas áreas compleméntase coa presenza de materias da área de Antropoloxía Social que achegan un enmarque socio-cultural.

 

Competencias

O Grao en Filosofía capacita aos seus estudantes en competencias de carácter xeral e, por tanto, transferibles a outros dominios.

Isto débese a que desde a filosofía analízanse moitos ámbitos do coñecemento e a que as metodoloxías de traballo en filosofía son transversais e aplícanse noutras disciplinas.

O carácter xeral das mesmas fai que non queden obsoletas nun mundo tan cambiante como o que vivimos.

Así, a filosofía capacítanos para avaliar problemas e cuestións actuais que abarcan moitos aspectos. Sirva de exemplo a que expón o filósofo Michael Sandel, recoñecido co premio Princesa de Asturias 2018, acerca de “lo que el dinero no puede comprar” e que nos convida a reflexionar sobre o papel do mercado nas nosas sociedades. Problemas que esixen tamén este enfoque global, propio da filosofía, son os que teñen que ver coa bioética, a igualdade de xénero, a cidadanía e a xustiza social, os novos sistemas de comunicación, a ecoloxía e a valoración de outros seres vivos, etc.

A análise é unha ferramenta de traballo fundamental para a filosofía que nos conduce a formular as preguntas adecuadas e a valorar criticamente o seu obxecto, sexa este económico, político, social, científico, ou ético.

O exercicio do razoamento é outro alicerce esencial da metodoloxía filosófica. A formación en filosofía capacita para analizar argumentos desde un punto de vista lóxico, para desvelar os supostos que están latentes nas nosas conclusións, para extraer e perseguir ata o final as consecuencias e implicacións das nosas teses e para idear e formular argumentos e contra-argumentos de forma clara.

A Filosofía capacita para desafiar a ortodoxia adestrándonos en cuestionar todo aquilo que asumimos irreflexivamente, en detectar diferentes puntos de vista desde os que se pode abordar un mesmo problema contemplando os seus matices. Todo isto redunda non só no desenvolvemento da capacidade crítica, senón tamén na capacidade para resolver problemas complexos e ofrecer solucións creativas aos mesmos abordándoos de forma independente e responsable.

 

A formación

Por iso o Grao en Filosofía prepara para a adaptación e flexibilidade requiridos nun mundo interdependente, global e laboral cambiante.

A especialidade en Filosofía, ademais de ser unha especialidade en si mesma, é unha boa base sobre a que asentar estudos posteriores de máster en diversas especialidades; é tamén un complemento para outros estudos previamente realizados.

 

Saídas profesionais

  • O Grao en Filosofía capacita para os seguintes exercicios profesionais:
  • Docencia en educación secundaria, bacharelato
  • Capacitación inicial para a docencia e investigación a nivel universitario
  • Carreira administrativa en institucións públicas (local, autonómica, estatal, europea) e institucións privadas
  • Xestión de persoal e recursos humanos
  • Comisións de ética en institucións públicas e privadas
  • Asesoría, responsabilidade corporativa, ONGs, fundacións
  • Actividade editorial
  • Comunicación social
  • Dinamización cultural
  • Industrias da cultura
  • Relaciones públicas, política
  • Diplomacia
Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.05.2021.