TasteLab enriquecerá os seus estudos de análise sensorial coas destrezas da innovación artística grazas ao proxecto ‘Hungry Ecocities’
A empresa de base tecnolóxica da USC TasteLab liderará unha residencia artística xunto a un artista de renome internacional para levar a cabo un proxecto de cocreación que ampliará a capacidade da análise sensorial que desenvolve esta spin-off mediante a incorporación do know-how da innovación artística. O proxecto, chamado ‘Hungry Ecocities’, ten como obxectivo “explorar un dos desafíos máis urxentes do noso tempo: a necesidade dun sistema agroalimentario máis saudable, sostible, responsable e alcanzable para todas as persoas”, explica unha das promotoras da empresa e catedrática da USC no Campus de Lugo, Ángeles Romero. Ata finais de 2025, a compañía traballará xunto ao artista na intersección entre arte, empresa e ciencia, en colaboración con universidades e espazos creativos do consorcio S+T+ARTS, no que se enmarca este proxecto financiado pola Comisión Europea.
A análise sensorial xoga un papel crucial na mellora da calidade dos alimentos e na promoción dun sistema agroalimentario máis saudable, sostible e responsable. “A percepción é un elemento chave para o consumo, case tanto como o prezo”, sinalan dende TasteLab. Coñecer o sabor, o aroma ou a textura dos alimentos son factores decisivos na elección da persoa usuaria final. De feito, estímase que o 80% dos produtos no mercado fracasan, ou non duran máis dun ano, debido á percepción sensorial da persoa consumidora. “Esta taxa de éxito podería mellorar ao coñecer de primeira man as sensacións do consumidor fronte a un produto innovador”, sinalan.
Dende 2015, TasteLab, unha spin-off da Universidade de Santiago de Compostela fundada por doutoras especializadas no sector farmacéutico e alimentario, xunto con científicas matemáticas, desenvolveu un complexo mecanismo para entender como inflúe a percepción alimentaria na decisión de compra do consumidor. Entre os fitos da compañía atópase a creación dun software innovador chamado SENSESBIT, que predí e analiza as percepcións sensoriais e os gustos das persoas consumidoras a través de algoritmos. Esta constante aposta pola innovación permitiu a TasteLab dar un salto adiante ao participar nunha plataforma europea que busca combinar ciencia, tecnoloxía e arte (S+T+ARTS).
Este consorcio está liderado por institucións e entidades como a Brno University of Technology, KU Leuven, CRA–Carlo Ratti Associati, Studio Other Spaces, In4Art, Mendel University, NethWork e FundingBox. “A iniciativa destaca polo seu potencial extraordinario para a innovación”, subliña a profesora Romero. Neste senso, S+T+ARTS enfócase en proxectos e persoas co potencial de facer contribucións significativas aos desafíos sociais, ecolóxicos e económicos que Europa enfrontará no futuro. Agora, o reto para o Campus Terra da USC consiste en ser quen de artellar un espazo colaborativo de intersección no que arte e ciencia se dean a man.