Ir o contido principal

TasteLab enriquecerá os seus estudos de análise sensorial coas destrezas da innovación artística grazas ao proxecto ‘Hungry Ecocities’

Imaxe de arquivo dunha das actividades de análise sensorial impulsada dende TasteLab. FOTO: https://tastelab.es/
Imaxe de arquivo dunha das actividades de análise sensorial impulsada dende TasteLab. FOTO: https://tastelab.es/
A spin-off da USC acollerá un creador de proxección internacional para explorar de forma conxunta as interseccións entre o estudo da percepción e o proceso creativo na procura dun “sistema agroalimentario máis saudable, sostible, responsable e alcanzable para todas as persoas”
Lugo

A empresa de base tecnolóxica da USC TasteLab liderará unha residencia artística xunto a un artista de renome internacional para levar a cabo un proxecto de cocreación que ampliará a capacidade da análise sensorial que desenvolve esta spin-off mediante a incorporación do know-how da innovación artística. O proxecto, chamado ‘Hungry Ecocities’, ten como obxectivo “explorar un dos desafíos máis urxentes do noso tempo: a necesidade dun sistema agroalimentario máis saudable, sostible, responsable e alcanzable para todas as persoas”, explica unha das promotoras da empresa e catedrática da USC no Campus de Lugo, Ángeles Romero. Ata finais de 2025, a compañía traballará xunto ao artista na intersección entre arte, empresa e ciencia, en colaboración con universidades e espazos creativos do consorcio S+T+ARTS, no que se enmarca este proxecto financiado pola Comisión Europea.

A análise sensorial xoga un papel crucial na mellora da calidade dos alimentos e na promoción dun sistema agroalimentario máis saudable, sostible e responsable. “A percepción é un elemento chave para o consumo, case tanto como o prezo”, sinalan dende TasteLab. Coñecer o sabor, o aroma ou a textura dos alimentos son factores decisivos na elección da persoa usuaria final. De feito, estímase que o 80% dos produtos no mercado fracasan, ou non duran máis dun ano, debido á percepción sensorial da persoa consumidora. “Esta taxa de éxito podería mellorar ao coñecer de primeira man as sensacións do consumidor fronte a un produto innovador”, sinalan.

Dende 2015, TasteLab, unha spin-off da Universidade de Santiago de Compostela fundada por doutoras especializadas no sector farmacéutico e alimentario, xunto con científicas matemáticas, desenvolveu un complexo mecanismo para entender como inflúe a percepción alimentaria na decisión de compra do consumidor. Entre os fitos da compañía atópase a creación dun software innovador chamado SENSESBIT, que predí e analiza as percepcións sensoriais e os gustos das persoas consumidoras a través de algoritmos. Esta constante aposta pola innovación permitiu a TasteLab dar un salto adiante ao participar nunha plataforma europea que busca combinar ciencia, tecnoloxía e arte (S+T+ARTS).

Este consorcio está liderado por institucións e entidades como a Brno University of Technology,  KU Leuven, CRA–Carlo Ratti Associati, Studio Other Spaces, In4Art, Mendel University, NethWork e FundingBox. “A iniciativa destaca polo seu potencial extraordinario para a innovación”, subliña a profesora Romero. Neste senso, S+T+ARTS enfócase en proxectos e persoas co potencial de facer contribucións significativas aos desafíos sociais, ecolóxicos e económicos que Europa enfrontará no futuro. Agora, o reto para o Campus Terra da USC consiste en ser quen de artellar un espazo colaborativo de intersección no que arte e ciencia se dean a man. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.10.2024.