
É a oficina encargada de xestionar os programas de mobilidade, de captación e de cooperación. Tamén tramita, rexistra e dá seguimento aos convenios de cooperación no ámbito académico. Os estudantes reciben asesoramento e respaldo institucional nas diferentes fases da mobilidade. Do mesmo xeito encárgase da recepción, acreditación e acollida dos estudantes de intercambio procedentes doutras universidades.
A Oficina de Mobilidade (OM) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) é un servizo administrativo que depende directamente da Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización. O seu obxectivo é darlles resposta ás necesidades de estudantes, docentes e PAS no eido da mobilidade nacional e internacional. Así, os estudantes da USC reciben desde a OM asesoramento e respaldo institucional nas diferentes fases da súa mobilidade, encargándose tamén da recepción, acreditación e acollida dos estudantes de intercambio procedentes das universidades socias. O equipo que forma a OM é un equipo dinámico e entusiasta que desde as súas oficinas (unha situada en Santiago e outra no Campus de Lugo) traballa pola mellora continuada dos servizos ofertados aos estudantes: información, axuda, seguemento e asesoramento integral, atención específica e personalizada no que respecta ás mobilidades e aos intercambios. Dentro da mobilidade nacional, ofrécense máis de 1300 prazas de intercambio con case a totalidade de universidades españolas.
Existen numerosos programas de mobilidade para realizar un intercambio fóra da USC ou para vir a ela, tanto a nivel nacional como internacional: programa SICUE de mobilidade en España, programa Erasmus+ para Europa e países asociados extracomunitarios ou o programa de Convenios Bilaterais subscritos con universidades de países fóra do Espazo Europeo de Educación Superior.