Ir o contido principal

O Proxecto

Campus de Especialización Campus Terra

Campus de Lugo
Campus de Lugo

O Campus Terra de Lugo, promovido pola Secretaría Xeral de Universidades, nace como resultado do acordo entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, co obxectivo principal de transformar o campus de Lugo nun referente científico e social nos ámbitos de coñecemento vinculados á sustentabilidade económica, social e ambiental do uso da TERRA, polo cal foi acreditado como campus de especialización do SUG por un período de 4 anos (2022-2025).

Este campus conforma un entorno universitario especializado no eido agroalimentario desde unha perspectiva multidisciplinar que abarca os eidos medioambiental, económico, social e cultural, tanto na súa vertente docente -con titulacións de grao, máster e programas de doutoramento-, como na súa dimensión investigadora, con actividades de transferencia e difusión ao sector produtivo e á sociedade en xeral. 

A natureza dinámica do proceso de especialización, as capacidades desenvolvidas no Campus Terra nos últimos anos e a procura da singularidade desta iniciativa na contorna económica e social, conduciron a focalizar a especialización sobre catro eixos principais: Produción Vexetal e Agricultura Sostible, Produción e Saúde Animal Sostibles, Alimentación Segura e Saudable e Xestión Forestal Sostible. Estes catro eixos científicos principais están relacionados con outros tres transversais, como son a utilización das TICs e as Ómicas, o Cambio Climático, e a Biodiversidade e Infraestruturas Verdes.

Mellora da calidade docente e do emprego

Docencia CT

O campus de especialización considérase un núcleo de actividade académica e de relación coa sociedade no uso sustentable da terra. O modelo docente das titulacións que se imparten no campus é intensivamente práctico e completamente coordinado cos seus respectivos sectores de aplicación e coas actividades propias do conxunto das facultades e escolas que o integran: Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Facultade de Veterinaria, Facultade de Ciencias, Facultade de Humanidades, Facultade de Formación do Profesorado e Facultade de Administración e Dirección de Empresas

Afonda, pois, na obtención de coñecementos e competencias que favorezan a empregabilidade. Neste sentido, dáselle moita importancia ao conxunto de actividades formais e informais que se promoven desde o campus, as cales proporcionan saber e valores. Esta formación enriquécese cos centos de convenios que promoven a realización de prácticas externas. A oferta oficial de graos compleméntase coa oferta de másteres, algúns dos cales son de natureza interuniversitaria. Ademais, a oferta docente nútrese de cursos de especialización e cursos de formación continua.

Captación e retención do talento investigador

Investigación CT

A investigación que se desenvolve no Campus Terra de Lugo ten o seu epicentro administrativo no edificio Cactus e lévana a cabo un conxunto de investigadores e PDI que integran aos 27 grupos de investigación pertencentes ás distintas facultades e escolas o así como ao IBADER e ao CEBIOVET. Ademais, o Campus Terra de Lugo posúe catro plataformas tecnolóxicas: Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías AlimentariasEnxeñaría da Madeira EstruturalSecuenciación e Xenómica FuncionalSistema de Información Territorial.

É necesario poñer énfase en situar a investigación do Campus Terra a un nivel de excelencia e competitividade internacional. Para elo trabállase na reorganización das estruturas de investigación xa existentes no campus, co fin de agregar capacidades e incluso consolidar unha nova figura de Centro de Referencia. 

A colaboración e transferencia co tecido produtivo

Transferencia CT

A transferencia de coñecemento e tecnoloxía, a promoción da innovación (empresarial e social) e as actividades ligadas á responsabilidade social universitaria tamén son eixos fundamentais do Campus Terra de Lugo. Nesta liña, o campus impulsa cada ano distintos programas de emprendemento. Paralelamente, unha das prioridades do Campus Terra de Lugo está relacionada cos aspectos culturais e sociais do uso da terra. Neste senso, resulta capital mencionar a creación en xullo de 2016 da Cátedra do Pan e do Cereal, que alberga como obxectivos xerais a investigación, o fomento da docencia e a difusión dos coñecementos no ámbito do pan e dos cereais, tanto dende a perspectiva da historia da súa elaboración, como da mellora dos cereais que permiten a produción do pan galego, así como os procesos de panificación con metodoloxías innovadoras e alternativas para conseguir un valor engadido.