Pasar al contenido principal

Arredor do rural. Aprendizaxes dende as voces das mulleres

Detalle do cartel
Detalle do cartel

A Cátedra Juana de Vega da USC organiza no Campus Terra de Lugo, o vindeiro 5 de decembro, unha xornada para fomentar a colaboración entre a Universidade e as iniciativas para a sustentabilidade e a xustiza no medio rural galego. Baixo o título 'Arredor do rural. Aprendizaxes dende as voces das mulleres' levaranse a cabo actividades focalizadas no recoñecemento do labor pola innovación social no rural feita polo emprendemento das mulleres que o habitan, e pensada para promover a creación de sinerxías e a colaboración con profesorado e estudantado unviersitario. O prazo de inscrición permanece aberto a través dun formulario en liña. 

Este evento xorde da colaboración entre a Cátedra Juana de Vega, destinada ao estudo de iniciativas e procesos de modernización do sector primario de Galicia e a reflexionar sobre o papel xogado neles polas mulleres, e o colectivo interdisciplinario Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural, formado por persoal universitario, estudantado e profesionais e activistas do medio rural, que levan tempo promovendo a colaboración entre academia e medio rural a través de prácticas docentes e de investigación que derruben os muros entre contextos e asenten territorios para o coñecemento.

A xornada comezará en quenda de mañá na Escola Politécnica Superior de Enxeñería (EPSE) da USC, ás 10.30 horas, coas palestras das profesoras Mar Pérez Fra (departamento de Economía Aplicada) sobre 'Mulleres e espazos rurais en Galicia: desafíos e conquistas' e Elena Freire Paz (departamento de Filosofía e Antropoloxía) sobre as 'Facedoras de marca. Mulleres rurais na Galicia do século XXI'. A seguir, haberá unha sesión de microconversatorios entre os proxectos asistentes, dando espazo para o coñecemento mutuo e o fervedoiro de ideas.

A cooperativa A Carqueixa dos Ancares proporcionará o xantar na Facultade de Humanidades, de maneira que poida continuar a conversa informal. Xa en quenda de tarde haberá unha feira na que diferentes organizacións amosarán o seu traballo a partir das 15.30 horas, para logo deixar paso ao faladoiro entre experiencias de emprendemento socioeducativo, no que participarán as Cooperativas Arabías e Amarelante, a Asociación Darredor, o Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas e a Asociación de Productoras Eo Alimenta. Un faladoiro que será gravado en formato podcast para ampliar o seu alcance. Rematarase o encontro ás 19.00 horas coa elaboración dunhas conclusións comúns. Xuvenlab, spin-off da USC, organizará talleres científicos para a cativada durante a sesión de tarde para posibilitar a conciliación das participantes e asistentes.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.11.2024.