Ir o contido principal

Bolsas e estadías de formación en catalán 2024

Estadías lingüística de verán. Convocatoria 2024

O Institut Ramon Llull, conxuntamente con outras institucións, organiza estadías de formación de verán en diversas poboacións do dominio lingüístico dirixidas a persoas que seguen cursos de lingua e cultura catalás en universidades e centros de estudo de todo o mundo.

De Valencia a Andorra pasando por Palma, Eivissa e Girona, os estudantes de catalán da USC (Facultade de Filoloxía e CLM) poden solicitar unha de entre estas 4 estadías para seguiren coa súa formación. A matrícula é gratuíta e só hai que cubrir os gastos do desprazamento.

A Acadèmia Valenciana de la Llengua e o Institut Ramon Llull organizan durante o mes de xullo unha estadía lingüística dirixida aos estudantes de català/valencià das universidades e outros centros docentes do exterior. Este programa é unha boa oportunidade para todas aquelas persoas que queiran aproveitar o verán para melloraren os seus coñecementos de lingua e coñeceren a cidade de València.

A estadía combina cursos de lingua (niveis B1-B2) cun programa de actividades culturais e de lecer. 

  • Calendario de inscrición: meses abril-maio. 
  • Período da estadía: mes de xullo. 
  • Requisitos: Cursar ou ter cursado estudos de lingua (català/valencià) en calquera universidade de fóra do dominio lingüístico, e ter un coñecemento do idioma de nivel A2 ou superior (MECR).

NOTA: Como universidade cofinanciada pola Generalitat Valenciana, a USC conta cunha praza reservada para os estudantes do Módulo Optativo de Catalán da Facultade de Filoloxía e da sección de catalán do CLM.

Froito da colaboración entre o Goberno de Andorra e o Instituto Ramon Llull, o campus ofrece aos estudantes, grazas aos cursos de lingua e a participación nun amplo abano de actividades culturais e de lecer, a posibilidade de integrarse no tecido social e o contexto natural de Cataluña e Andorra. Esta inmersión lingüística e cultural a cabalo entre a Costa Brava e o Pirineu andorrà permite aos participantes poder vivir plenamente en catalán durante uns días.

A estadía combina cursos de lingua (niveis A2-B2) cun programa de actividades culturais e de lecer. 

  • Calendario de inscrición e aceptación: meses abril-maio. 
  • Período da estadía: Finais de xullo e principios de agosto. 
  • Requisitos: Cursar ou ter cursado un mínimo de 50 horas de estudos de lingua catalá en calquera universidade de fóra do dominio lingüístico e ter un coñecemento e dominio básicos do catalán oral.

O institut Ramon Llull en colaboración coa Universitat de les Illes Balears, organiza durante o mes de setembro unha estadía lingüística dirixida a estudantes de catalán das universidades e outros centros docentes do exterior. Unha boa ocpión para todas aquelas persoas que queiran aproveitar o verán para melloraren os seus coñecementos de lingua catalá e coñeceren a cidade de Palma e a illa de Mallorca.

A estadía combina cursos de lingua (niveis B1-B2) e cultura catalás cun programa de actividades culturais e de lecer vencelladas ao turismo cultural da illa. 

  • Calendario de inscrición e aceptación: meses abril-maio. 
  • Período da estadía: principios de setembro 
  • Requisitos: Cursar ou ter cursado un mínimo de 100 horas de estudos de lingua catalá en calquera universidade ou centro de fóra do dominio lingüístico.

A estadía virtual nos territorios de fala catalá ofrece a posibilidade de seguir un curso de expresión oral aos estudantes da XarxaLlull que non se poden desprazar a territorios de fala catalá ao longo do verán.

A estadía combina un curso de lingua (niveis B1-B2) e de aspectos culturais. 

  • Calendario de inscrición e aceptación: meses abril-maio. 
  • Período da estadía: principios de xullo 
  • Requisitos: Cursar ou ter cursado un mínimo de 50 horas de estudos de lingua catalá en calquera universidade ou centro de fóra do dominio lingüístico.
Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.05.2024.