Ir o contido principal

Programa "TÁNDEM" de Intercambio Lingüístico

O programa TÁNDEM promovido dende o Centro de Linguas Modernas (CLM) da Universidade de Santiago de Compostela permite establecer contactos lingüísticos entre estudantes internacionais e alumnos do CLM no Campus de Santiago e de Lugo.

En que consiste o programa CLM-TÁNDEM?

O tándem é un método de aprendizaxe aberta que se basea no principio da colaboración voluntaria entre dúas persoas que estudan cada unha a lingua materna da outra. É un método interactivo de reciprocidade que implica contribuír na mesma medida ao traballo conxunto e beneficiarse de igual forma desa colaboración. Este contexto de aprendizaxe supón o exercizo da competencia intercultural e social, o desenvolvemento das destrezas orais e o fomento da aprendizaxe autónoma.

Un ano máis o Centro de Linguas Modernas (CLM), ao contar cun gran número de usuarios de diferentes lugares de procedencia, quere posibilitar entre eles esta aprendizaxe como complemento e desenvolvemento da oferta formativa dos seus cursos. O programa CLM-TÁNDEM facilita o intercambio cultural e lingüístico para a integración na vida universitaria santiaguesa dos alumnos que chegan ás nosas aulas (incoming), á vez que supón unha oportunidade de encontro dos estudantes da USC que pretenden estudar noutra universidade estranxeira (outgoing).

Quen poden participar e como?

A participación no Programa CLM-TÁNDEM é gratuíta para todas as persoas matriculadas nos cursos do CLM que teñen ou superan un nivel A1 (acreditado) na lingua de aprendizaxe. Deben realizar a inscrición a través de fícha TÁNDEM de inscrición e entregala ao seu profesor/a ou enviala por correo electrónico a clm [at] usc.es (clm[at]usc[dot]es). Recibirán información das posibilidades de intercambio en función da dispoñibilidade doutros usuarios interesados.

Cal é o calendario e o horario?

O Programa CLM-TÁNDEM desenvólvese entre o outubro e o maio. Durante este período os usuarios participantes poden elixir as datas de comezo e de fin da experiencia tándem acomodándoas ao calendario académico dos seus estudos no centro. Son eles mesmos tamén os que deben establecer o lugar, horario e a duración dos encontros da forma máis conveniente. Encomendamos as cafeterías das residencias universitarias, Fonseca no Campus Vida e Burgo no Campus Norte. Dispoñen de total liberdade para definir o ritmo de traballo e os contidos aos que queren dedicar as súas conversacións (como disciplinas de estudo, áreas de interese e afeccións).
Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.02.2024.