O Grao en Ciencias de Cultura e Difusión Cultural conecta ámbitos formativos e profesionais tradicionalmente distantes, pero que, cada vez máis, se necesitan entre si. Entre os obxectivos deste título está formar humanistas que saiban transmitir os seus coñecementos (un xestor dun museo, un técnico dun concello ou unha fundación, un profesor de ensinanzas medias) e que sexan capaces de xerar, valorar e transmitir contidos culturais (o asesor dunha páxina web sobre arte ou filosofía, o editor dunha colección de obras literarias, o creador dun videoxogo sobre a Guerra Civil española). Precisamente, o obxectivo final desta titulación é o de borrar ou esvaer estas distincións que establecemos, para crear un novo profesional que posuirá á vez coñecementos xerais garantes dunha capacitación interdisciplinar e saberes especializados.
A formación conxunta en saberes humanísticos e en estratexias para a xestión e a difusión dos contidos culturais a través dos novos sistemas de comunicación audiovisual (redes sociais, páxinas web, etc.) é un dos principais atractivos do título.
A modalidade semipresencial preséntase como unha alternativa á modalidade presencial para aquelas persoas que traballan ou viven lonxe e non se poden desprazar con regularidade ata a Facultade de Humanidades. A súa formación faise on line mediante a plataforma Moodle, combinada coa posibilidade de acudir 1 día á semana a clases.