Créditos ECTS Créditos ECTS: 7.5
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 167.5 Horas de Titorías: 20 Total: 187.5
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Traballo Fin de Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Filosofía e Antropoloxía
Áreas: Antropoloxía Social, Filosofía, Filosofía Moral, Lóxica e Filosofía da Ciencia
Centro Facultade de Filosofía
Convocatoria: Traballos Fin de Grao e Máster
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
O TFG consistirá na elaboración, por parte do alumnado, de forma individual, dun traballo orixinal cunha carga lectiva de 7,5 ECTS no que se acrediten os coñecementos, competencias e destrezas adquiridas durante os estudos realizados na titulación de Grao en Filosofía. Incluirá, como mínimo, tarefas de procura e revisión bibliográfica, lectura e integración de información, elaboración de información relevante, redacción e presentación e defensa pública ante un tribunal.
O TFG debe ser un traballo orixinal e versar sobre un tema relacionado co Grao.
O tema concreto do TFG debe adecuarse á oferta de liñas temáticas ofertadas no centro no curso académico da súa realización. A cada estudante adxudícaselle, previa solicitude, unha liña temática e unha persoa docente titora (podendo haber, nalgúns casos, unha cotitorización do TFG).
Posteriormente, estudante e docente titora delimitarán o título do TFG, que debe ser aprobado pola Comisión de Calidade e Grao.
Cervera Rodríguez, A. (2019): Cómo elaborar trabajos académicos y científicos: TFG, TFM, tesis y artículos, Madrid: Alianza Editorial, 504 pp.
XERAIS
CX1 - Que os/as graduados/as posúan e comprendan os coñecementos propios da Filosofía como saber, incluíndo as súas doutrinas, teorías, métodos e aplicacións, ao nivel proporcionado polos textos académicos, con referencia a achegas investigadoras recentes.
CX2 - Que saiban aplicar eses coñecementos para identificar, formular e resolver problemas no ámbito da Filosofía, a un nivel xeral e non especializado.
CX3 - Que sexan capaces de transmitir eses coñecementos, as ideas, cuestións e solucións propostas e ofrecidas pola Filosofía, tanto a un público xeral como interesado e/ou entendido en temáticas filosóficas.
CX4 - Que estean capacitados para continuar a súa formación, en Filosofía e/ou noutros campos do saber, cun elevado grao de autonomía.
BÁSICAS
CB1 - Que os/as estudantes demostrasen posuír e comprender coñecementos nunha área de estudo que parte da base da educación secundaria xeral, e adoita atoparse a un nivel que, aínda que se apoia en libros de texto avanzados, inclúe tamén algúns aspectos que implican coñecementos procedentes da vangarda do seu campo de estudo.
CB2 - Que os/as estudantes saiban aplicar os seus coñecementos ao seu traballo ou vocación dunha forma profesional e posúan as competencias que adoitan demostrarse por medio da elaboración e defensa de argumentos e a resolución de problemas dentro da súa área de estudo.
CB3 - Que os/as estudantes teñan a capacidade de reunir e interpretar datos relevantes (normalmente dentro da súa área de estudo) para emitir xuízos que inclúan unha reflexión sobre temas relevantes de índole social, científica ou ética.
CB4 - Que os/as estudantes poidan transmitir información, ideas, problemas e solucións a un público tanto especializado como non especializado.
CB5 - Que os/as estudantes desenvolvesen aquelas habilidades de aprendizaxe necesarias para emprender estudos posteriores cun alto grao de autonomía.
TRANSVERSAIS
CT1 - De tipo Instrumental: capacidade de comprensión e interpretación de discursos complexos (escritos e orais), análises e sínteses, traballo conceptual. Capacidade para a exposición e comunicación oral e escritura. Capacidade de xestión da información. Resolución de problemas. Toma de decisións.
CT2 - Persoais: Curiosidade e actividade intelectual non restrinxidas á filosofía. Capacidade para desenvolverse en contextos culturais e sociais diversos. Boa disposición para as relacións interpersoais, o diálogo intelectual e o traballo cooperativo. Razoamento crítico e compromiso democrático.
CT3 - Sistémicas: Capacidade para a aprendizaxe autónoma. Receptividade e capacidade de resposta ante novas situacións. Creatividade. Coñecemento doutras culturas e costumes. Iniciativa e espírito emprendedor. Motivación pola calidade. Especial sensibilidade cara a problemas de igualdade ambientais.
ESPECÍFICAS
CE1 - Coñecer as disciplinas, as teorías, os métodos, as aplicacións e as correntes propias da Filosofía, seguindo a súa historia e as súas formulacións contemporáneas. Estes coñecementos indícanse nas fichas das materias.
CE3 - Saber ampliar e poder desenvolver ulteriormente eses coñecementos por medio da investigación.
CE6 - Saber expresarse, comunicar, debater e dialogar.
CE7 - Capacidade para organizar a información, tomar decisións, expor e resolver problemas.
CE10 - Capacidade de reacción e espírito construtivo: proactividade, inventiva, creatividade, laboriosidade e adaptabilidade en contextos cambiantes problemáticos e/ou adversos.
O TFG debe ser realizado individualmente por cada estudante baixo a dirección dunha persoa docente titora e estará concibido de modo que poida ser elaborado no número de horas correspondentes aos 7,5 créditos ECTS que ten asignados no Plan de Estudos.
Unha vez asignadas as liñas temáticas de TFG, cada estudante deberá contactar coa docente titora do TFG co fin de delimitar o traballo para realizar.
Estudante, titor/a e, no seu caso, cotitor/a, asinarán un documento de inscrición e inicio do traballo, que remitirán á Comisión de Calidade e Grao no prazo estipulado no calendario xeral de TFG aprobado polo órgano competente, coa seguinte información: a) Referencia do Traballo; b) Breve planificación; c) Propiedade intelectual do traballo; d) Sinatura de titor/a e, de ser o caso, cotitor/a, e do alumno/a, e data.
Responsabilidades do alumnado e das docentes titoras
É responsabilidade do alumnado:
• Asistir ás sesións de traballo concertadas coa persoa titora.
• Desenvolver o TFG conforme á planificación acordada coa persoa titora e, de non ser así, xustificar as desviacións.
• Atender as indicacións da persoa titora.
• Tomar a iniciativa na resolución de problemas.
• Cumprir cos prazos, requisitos formais e de presentación establecidos na normativa e na Guía Docente do TFG.
• Elaborar e presentar un TFG orixinal e inédito polo que a estudante responde en canto á autoría e orixinalidade.
É responsabilidade da docente titora
• Reunirse co alumnado nas ocasións acordadas.
• Aconsellar ao alumnado sobre as cuestións relativas á realización do TFG.
• Advertir á estudante cando o progreso do TFG estea por debaixo do estándar esperado e aconsellarlle sobre o modo de resolver o problema.
• Emitir o informe preceptivo segundo o prazo establecido no calendario publicado na web da Facultade.
Requisitos de formato e contido do TFG:
O TFG terá unha extensión de entre 8.000 e 12.000 palabras (incluídos títulos nas distintas linguas, autor/a, titor/a e palabras chave nas distintas linguas, contido do TFG, notas a pé de páxina e bibliografía). Quedan excluídos para o cómputo de palabras dos TFG os resumos nas distintas linguas e os anexos se os houbese.
O traballo poderá ser realizado en galego ou en castelán. Ademais das linguas oficias da Comunidade Autónoma, o alumnado poderá elaborar e/ou defender o seu TFG en inglés ou portugués, incorporando para este caso un abstract/resumo a maiores en castelán ou galego. O Decanato será o encargado de garantir que exista un tribunal competente para avaliar os traballos nestas linguas estranxeiras debendo, se é o caso, nomear un novo tribunal no suposto de que os xa nomeados non puidesen facelo.
Para poder elaborar e/ou defender o TFG noutras linguas diferentes das mencionadas no parágrafo anterior, a persoa estudante, coa conformidade da persoa titora, deberá solicitar autorización no momento de presentar o formulario de inicio do TFG. Nestes casos o Decanato realizará as xestións oportunas para valorar se é posible conformar un tribunal que poida avaliar o TFG na lingua solicitada pola estudante e no caso de que fose factible procederá ao seu nomeamento. Ao mesmo tempo procederá a comunicarlle á estudante a autorización correspondente para a utilización da lingua solicitada, indicándolle ademais que deberá incorporar ao seu traballo un abstract/resumo a maiores en castelán ou galego.
A presentación do TFG deberá acomodarse á seguinte estrutura:
• Portada na que figuren: o logo da USC coa indicación da Facultade, denominación do Grao, título do traballo, nome completo de autor/a, nome completo de titor/a, e curso académico.
• Portada interior co título na lingua usada e en inglés. No caso de que o traballo estea elaborado nunha lingua diferente das oficiais da Comunidade autónoma tamén deberá aparecer o título en galego ou en castelán.
• Compromiso de cumprimento da Lei de Propiedade Intelectual e Lei de Protección de Datos.
• Índice paxinado dos capítulos e apartados.
• Resumo/Abstract (que non computará para a extensión máxima prevista):
- Na lingua usada e en inglés (200 palabras aproximadamente)
- Se o TFG está elaborado nunha lingua diferente das oficias da Comunidade Autónoma, deberá engadirse un resumo dunha páxina (cun máximo de 400 palabras) en castelán ou en galego.
• Palabras chave na lingua usada e en inglés. No caso de que o traballo estea elaborado nunha lingua diferente das oficiais da Comunidade autónoma tamén deberán aparecer as palabras chave en galego ou en castelán.
• Introdución.
• Obxectivos do traballo.
• Desenvolvemento dos contidos.
• Conclusións (incluíndo os logros acadados e posibles traballos futuros).
• Bibliografía consultada e referencias documentais completas. Para a elaboración de citas e referencias bibliográficas, o/a alumno/a deberá seguir dunha maneira coherente calquera dos usos establecidos no ámbito académico (normas APA, Chicago, Harvard). A estudante pode seguir tamén o modelo establecido pola revista Ágora para a elaboración do manuscrito e, especificamente, do apartado bibliográfico
• Anexos se procede (que non computarán para a extensión máxima prevista).
Solicitude de defensa
No momento en que a estudante cumpra cos requisitos de estar matriculada no TFG e de ter superados todos os créditos necesarios para poder defendelo, tras consultalo co seu titor ou titora, poderá presentar a solicitude de defensa do TFG. Os prazos fixados a tal fin pola Comisión de Calidade e Grao para as convocatorias de febreiro, xullo e setembro serán os recollidos no calendario oficial do TFG aprobado.
En relación con este trámite é importante que o alumnado teña en conta as seguintes consideracións:
1. A solicitude de defensa necesariamente debe facela a estudante a través da súa secretaría virtual e nos prazos establecidos para o efecto.
2. No momento de facer a solicitude de defensa na secretaría virtual, o alumnado debe anexar á mesma unha copia do seu TFG en pdf.
Informe do titor ou titora e comprobación do requisito de orixinalidade
Finalizado o prazo de solicitude de defensa, e segundo o establecido no calendario xeral de TFG aprobado, a docente titora deberá subir a súa secretaría virtual o seu informe coa cualificación correspondente sobre o TFG da estudante, para o que deberá utilizar o modelo aprobado pola Comisión de Calidade e Grao.
A docente titora deberá someter o traballo a un control de plaxio debendo incorporar o resultado do mesmo ao seu informe. De detectarse plaxio a docente titora deberá comunicalo inmediatamente ao Decanato da Facultade, para que proceda a emitir a resolución que corresponda e, de selo caso, informar á Secretaría Xeral da USC para que adopte as medidas disciplinarias oportunas.
Defensa pública do TFG:
A defensa de cada TFG realizarase en sesión pública diante dun tribunal formado por tres persoas docentes da USC que impartan docencia no Grao, excluídas aquelas que teñan realizado as tarefas de titorización.
Con antelación suficiente ao inicio do período de solicitude de defensa, a Comisión de Calidade e Grao fará público na intranet da Facultade o número e composición dos tribunais. Do mesmo xeito ao remate do período de solicitude de defensa, publicarase a asignación de TFG a tribunais así como as datas nas que as estudantes deberán defender os seus TFG.
Entre o remate do prazo de solicitude de defensa e o acto de defensa pública debe mediar, polo menos, sete días naturais.
A defensa do traballo será realizada pola estudante en sesión pública na data que se estableza polo Tribunal correspondente dentro do período de defensa establecido no calendario xeral do TFG aprobado.
A exposición do TFG terá unha duración recomendada de 20 minutos e máxima de 25. Ao remate da presentación, o tribunal poderá formular as preguntas e cu estións que considere convenientes.
A defensa do TFG será realizada pola estudante de xeito presencial. Non obstante o anterior, para casos excepcionais debidamente autorizados pola Comisión de Calidade e Grao poderá realizarse a defensa por medios telemáticos, coas garantías que se determinen na autorización.
Dimensións da avaliación
O tribunal deliberará sobre a cualificación que lle corresponda conforme aos criterios de avaliación recollidos máis abaixo e incorporará na cualificación final do TFG a nota outorgada pola docente titora no seu informe. O sistema de cualificacións será, como no resto das materias da titulación, conforme á seguinte escala numérica, de cero (0) a dez (10), con expresión dun decimal, á que se engadirá a súa correspondente cualificación cualitativa:
• Non Presentado
• 0 - 4,9: Suspenso
• 5,0 - 6,9: Aprobado
• 7,0 - 8,9: Notable
• 9,0 - 10: Sobresaliente
Os membros do tribunal de avaliación realizarán un informe, segundo o modelo aprobado pola Comisión de Calidade e Grao e no que se terán en conta os seguintes aspectos:
1. Calidade do TFG: cumprimento dos obxectivos propostos, adecuación e desenvolvemento das tarefas formuladas, metodoloxía, dificultade e conclusións.
2. Presentación escrita do TFG: presentación xeral, claridade expositiva, estruturación e corrección gramatical e ortográfica.
3. Presentación oral e defensa: concisión, claridade expositiva, capacidade de debate, defensa argumental, propiedade e corrección no uso da lingua.
4. O tribunal contará, no momento da valoración final, co informe e avaliación sobre o traballo elaborado pola docente titora do mesmo.
A cualificación final outorgada polo tribunal ao TFG obterase de acordo coa seguinte ponderación:
A) Porcentaxe da cualificación final avaliada polo tribunal: 75%.
• Traballo escrito, 50%:
(Desenvolvemento do tema e estrutura, aportacións orixinais, método, manexo das fontes e bibliografía, 40%; Presentación formal e corrección lingüística, 10%).
• Presentación oral, 25%:
(Exposición, 10%; Defensa, 15%).
A cualificación emitida polos membros do tribunal resultará de aplicar a media aritmética entre as cualificacións atribuídas ao TFG por cada un dos membros do tribunal.
B) Porcentaxe da cualificación final avaliada polo/a titor/a: 25%.
A docente titora emitirá un informe preceptivo no que deberá incluír necesariamente a cualificación outorgada á estudante. Para realizar este trámite deberá utilizar o formulario aprobado pola Comisión de Calidade e Grao.
É responsabilidade das docentes titoras subir o antedito formulario debidamente cuberto e asinado á súa secretaría virtual no prazo establecido para o efecto no calendario xeral de TFG, co fin de que os tribunais incorporen á cualificación final do traballo a porcentaxe correspondente á avaliación das docentes titoras.
A cualificación final provisional dos traballos de TFG será publicada na Aula Virtual desta materia. A antedita publicación deberá indicar as datas de revisión.
No caso de que se dea unha das seguintes circunstancias, o TFG será cualificado como suspenso:
• Cando os seus contidos non se adecúen aos da liña temática escollida e/ou ao título aprobado.
• Cando coincida cun traballo realizado polo alumno noutras materias ou actividades da titulación, ou cando non sexa orixinal.
• Cando feita a solicitude de defensa a estudante non chegue a facer a defensa pública do TFG na data prevista, sen que exista xustificación escrita presentada pola persoa interesada ante a Secretaría do Decanato da Facultade e aceptada pola Comisión de Calidade e Grao.
A mención de Matrícula de Honra (MH) poderá outorgarse a aqueles TFG que obteñan unha cualificación igual ou superior a 9,0 puntos. O seu número non poderá exceder o límite establecido pola USC. Se o número de alumnado é inferior a 20, poderase conceder unha única MH. Esta mención só poderá outorgarse unha vez rematadas as defensas de todos os traballos correspondentes ao curso académico. De constituírse un tribunal único para todas as convocatorias, será este o que outorgue as matrículas de honra que correspondan, noutro caso, a atribución desta cualificación corresponderalle á Comisión de Calidade e Grao, oídas as propostas dos diferentes tribunais.
Este sistema de avaliación será válido para as tres convocatorias de cada curso.
Avaliación de competencias
• Traballo escrito: CX1, CX2, CX3, CB1, CB3, CB4, CB5, CT1, CT2, CT3, CE1, CE3, CE7
• Presentación oral: CX3, CX4, CB1, CB2, CB4, CT1, CT2, CE6, CE10
Revisión
O alumnado ten dereito á revisión das cualificacións nas datas e horarios que para tal efecto deberán fixarse no momento de facer públicos os resultados provisorios. As datas de revisión deberán estar comprendidas dentro dos dez días seguintes á publicación dos resultados e contemplarán como mínimo dúas datas opcionais. O mes de agosto non computará neste prazo.
A revisión será persoal e o alumnado poderá realizala ante un ou varios membros do tribunal. En todo caso, deberá quedar constancia da celebración da revisión e da data en que se realizou mediante calquera sistema que acredite a súa realización.
O procedemento de reclamación contra a cualificación será o establecido na normativa vixente relativa a avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións.
O tempo total de estudo e traballo persoal para a realización dun TFG é de 187,5 horas.
• Asistir ás sesións de traballo concertadas coa persoa titora.
• Desenvolver o TFG conforme á planificación acordada coa persoa titora.
• Atender as indicacións da persoa titora.
• Cumprir cos prazos, requisitos formais e de presentación establecidos na normativa e na Guía Docente do TFG.
1. Para poder formalizar matrícula do TFG a estudante poderá ter pendentes como máximo 75 créditos para completar os estudos (excluídos os 7,5 correspondentes ao TFG).
2. Para a presentación e defensa pública do TFG será requisito necesario ter superados todos os demais créditos do Grao previamente ao acto público de defensa do TFG.