Créditos ECTS Créditos ECTS: 18
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 448 Clase Interactiva: 2 Total: 450
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Prácticum Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Psicoloxía Evolutiva e da Educación, Didácticas Aplicadas, Pedagoxía e Didáctica, Ciencia Política e Socioloxía
Áreas: Psicoloxía Evolutiva e da Educación, Didáctica da Expresión Corporal, Didáctica da Expresión Musical, Didáctica da Expresión Plástica, Didáctica da Lingua e a Literatura, Didáctica da Matemática, Didáctica das Ciencias Experimentais, Didáctica das Ciencias Sociais, Didáctica e Organización Escolar, Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación, Teoría e Historia da Educación, Socioloxía
Centro Facultade de Ciencias da Educación
Convocatoria: Primeiro semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
Durante o período de Prácticum o alumnado deberá:
- Observar, de forma sistemática, a vida da aula e do centro como organización.
- Analizar e interpretar os datos recollidos da experiencia de prácticas no centro cun enfoque reflexivo e crítico.
- Colaborar co profesorado titor na implementación da súa práctica facendo unha achega persoal (recursos, medios, actividades, etc.), iniciándose así nas tarefas de deseño e implementación curricular.
CENTRO E O SEU CONTEXTO: OBSERVACIÓN, PARTICIPACIÓN E ANÁLISE DE PROXECTOS E PRÁCTICAS.
· Proxectos de Centro, Etapa e Ciclo: proposta normativa, procesos de elaboración, documentos institucionais e realidade cotiá do centro de Prácticas
· A estrutura organizativa do centro e os seus mecanismos de funcionamento
· As relacións formais e informais e a súa relación co clima e as culturas de centro
· A convivencia nas escolas/centros de Educación Infantil. Conflitos no contexto do centro
· Calidade e escolas/centros de Educación Infantil
AULA: ACTIVIDADES, TAREFAS E GRUPO-CLASE
· Tarefas e vivencias do profesorado de Educación Infantil e documentos de planificación curricular
· Secuencias de actividades, interaccións, materiais, recursos e tarefas na aula de Educación Infantil
· O alumnado de Educación Infantil: observación e análise
· Modelos didácticos e estilos docentes do profesorado de Educación Infantil e o seu reflexo na práctica cotiá
· Coñecemento profesional e resolución de problemas prácticos do profesorado de Educación Infantil
· A organización da xornada escolar e o ambiente nas aulas de Educación Infantil
· Historia, estrutura, funcionamento e convivencia do grupo-clase
· Procesos e dinámicas de ensino-aprendizaxe en diferentes espazos en Educación Infantil
· Xestión de aula e convivencia nas aulas de Educación Infantil
PROCESO DE APRENDIZAXE DO ENSINO
· Tarefas de aprendiz de profesor/a, proceso de socialización e construción de coñecemento profesional nas escolas/centros de Educación Infantil
· A relación aprendiz-titor, aprendiz-profesorado, aprendiz-alumnado e outros membros da comunidade e do contexto do centro
· A influencia da biografía, do coñecemento académico e das experiencias de prácticas, nas teorías persoais, as expectativas sociais e afectivas, na interpretación da realidade observada e nas accións docentes emprendidas na aula e nas accións relacionadas co rol institucional do profesorado no funcionamento do centro
· Condicionantes, evolución e valoración da experiencia vivida nas escolas/centros de Educación Infantil
BIBLIOGRAFÍA BÁSICA
Fuentes-Abeledo, E. J. (2002). La investigación-acción y el desarrollo profesional del profesorado, (271), 32-37.
Marcelo, C., Mayor, C. e Gallego, B. (2010). Innovación educativa en España desde el punto de vista de sus protagonistas. Profesorado. Revista de Currículum y Formación de Profesorado, 14(1), 111-134.
Moreno, M. e Yáñez, J. (2010). Culturas institucionales que facilitan y dificultan la mejora de la escuela. Profesorado. Revista de Curriculum y Formación del Profesorado, 14(1), 93-110.
Moreno, M. e Murillo, P. (2010). Innovación educativa en España desde la perspectiva de Grupos de Discusión. Profesorado. Revista de Curriculum y Formación del Profesorado, 14(1), 171-189.
BIBLIOGRAFÍA RECOMENDADA
Alonso, J. I., Escarbajal, A., e Nortes, R. (2012). Experiencias de innovación en Educación Infantil y Educación Primaria. Universidad de Murcia.
Austin, R. (2009). Deja que el mundo exterior entre en el aula: nuevas formas de enseñar y aprender más allá del aula de Educación Infantil. Ediciones Morata.
Barrio, J. M. (2013). La innovación educativa pendiente: formar personas. Erasmus.
Fernández, E. (2010). Hacia una utilización innovadora de las TIC en Educación Infantil: una propuesta para reconstruir el currículum investigando sobre la propia práctica. UPV.
Bolívar, A. (2005) ¿Dónde situar los esfuerzos de mejora?: Política educativa, escuela y aula. Educ. Soc., Campinas, 26(92), 859-888.
Fuentes-Abeledo, E. J, e Abal, N. (2019). Guía de Actividades de Prácticum I. Grao de Educación Infantil. Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela. Documento policopiado.
Fuentes-Abeledo, E. J. (2002). La identificación de problemas en la investigación-acción, Padres y Maestros, (272), 33-37.García, A., Hernández, F., Miralles, P., e Maquilón, J. J. (Eds.) (2012): Investigación e Innovación en Educación Infantil y Educación Primaria. Monográfico de la Revista Electrónica Interuniversitaria de Formación do Profesorado, 15(40), 1-206.
Jakku-Shivonene, R., e Niemi, H. (Eds.). (2011). Aprender de Finlandia: la apuesta por un profesorado investigador. Kaleida Forma.
Martínez, P. M., González, M. B. A., e Pérez, R. A. R. (Eds.). (2014). Investigación e innovación en Educación Infantil. Ediciones de la Universidad de Murcia (Editum).
Saura, Á. (2011). Innovación educativa con TIC en educación artística, plástica y visual: líneas de investigación y estudios de casos. MAD.
Revistas: Infancia, Aula de Primaria, Aula de Innovación Educativa, Cuadernos de Pedagogía, Innovación Educativa, Organización y Gestión Educativa, Revista de Educación, Revista Galega de Educación, Revista Galega do Ensino, entre outras.
a) Competencias básicas e xerais
X1 - Comprender os procesos educativos e de aprendizaxe no período de 0-6, no contexto familiar, social e escolar.
X2 - Promover e facilitar as aprendizaxes na primeira infancia, desde una perspectiva globalizadora e integradora das diferentes dimensións cognitiva, emocional, psicomotora e volitiva.
X3 - Deseñar e regular espazos de aprendizaxe en contextos de diversidade que atendan ás singulares necesidades educativas do alumnado, á igualdade de xénero, á equidade e ao respecto aos dereitos humanos.
X4 - Fomentar a convivencia na aula e fora dela e abordar a resolución pacífica de conflitos. Saber observar sistematicamente contextos de aprendizaxe e convivencia e saber reflexionar sobre os mesmos.
X5 - Reflexionar en grupo sobre a aceptación de normas e o respecto ás demais persoas. Promover a autonomía e a singularidade de cada estudante como factores de educación das emocións, os sentimentos e os valores na primeira infancia.
X6 - Coñecer a evolución da linguaxe na primeira infancia, saber identificar posibles disfuncións e velar pola súa correcta evolución. Abordar con eficacia situacións de aprendizaxe das linguas en contextos multiculturais e multilingües. Expresarse oralmente e por escrito e dominar o uso de diferentes técnicas de expresión.
X7 – Coñecer as implicacións educativas das tecnoloxías da información e a comunicación e, en particular da televisión na primeira infancia.
X8 - Coñecer fundamentos de dietética e hixiene infantís. Coñecer fundamentos de atención temperá e as bases e desenvolvementos que permiten comprender os procesos psicolóxicos, de aprendizaxe e de construción da personalidade na primeira infancia.
X9 - Coñecer a organización das escolas de educación infantil e a diversidade de accións que comprende o seu funcionamento. Asumir que o exercicio da función docente debe ir perfeccionándose e adaptándose aos cambios científico-pedagóxicos e sociais ao longo da vida.
X10 - Actuar como orientador/a de pais e nais en relación coa educación familiar no período 0-6 e dominar habilidades sociais no trato e relación coa familia de cada estudante e co conxunto das familias.
X11 - Reflexionar sobre as prácticas de aula para innovar e mellorar a labor docente. Adquirir hábitos e destrezas para a aprendizaxe autónoma e cooperativa e promovelo no alumnado.
X12 - Comprender a función, as posibilidades e os límites da educación na sociedade actual e as competencias fundamentais que afectan aos colexios en educación infantil e aos seus profesionais. Coñecer modelos de mellora da calidade con aplicación aos centros educativos.
CB1 - Que o alumnado demostre posuír e comprender coñecementos nunha área de estudo que parte da base da educación secundaria xeral, e sóense atopar a un nivel que, se ben se apoia en libros de texto avanzados, inclúe tamén algúns aspectos que implican coñecementos procedentes da vangarda do seu campo de estudo.
CB2 - Que o alumnado saiba aplicar os seus coñecementos ao seu traballo ou vocación dunha forma profesional e posúan as competencias que soen demostrarse por medio da elaboración e defensa de argumentos e a resolución de problemas dentro da súa área de estudo.
CB3 – Que o alumnado teña a capacidade de reunir e interpretar datos relevantes (normalmente dentro da súa área de estudo) para emitir xuízos que inclúan unha reflexión sobre temas relevantes de índole social, científica ou ética.
CB4 - Que o alumnado poida transmitir información, ideas, problemas e solucións a un público tanto especializado como non especializado.
CB5 - Que o alumnado teña desenvolvido aquelas habilidades de aprendizaxe necesarias para emprender estudos posteriores cun alto grado de autonomía.
b) Competencias transversais
T1 - Coñecemento instrumental de linguas estranxeiras.
T2 - Coñecemento instrumental da lingua galega.
T3 - Coñecemento instrumental das tecnoloxías da información e da comunicación.
T4 – Competencia informacional.
c) Competencias específicas
E.59. - Adquirir un coñecemento práctico da aula e da xestión da mesma
E.60. – Coñecer e aplicar os procesos de interacción e comunicación na aula, así como dominar as destrezas e habilidades sociais necesarias para fomentar un clima que facilite a aprendizaxe e a convivencia.
E.61. - Controlar e facer o seguimento do proceso educativo e en particular do ensino-aprendizaxe mediante o dominio das técnicas e estratexias necesarias.
E.62. - Relacionar teoría e práctica coa realidade da aula e do centro.
E.63 - Participar na actividade docente e aprender a saber facer, actuando e reflexionando desde a práctica.
E.64 - Participar nas propostas de mellora nos distintos ámbitos de actuación que se poidan establecer nun centro.
E.65 - Regular os procesos de interacción e comunicación en grupos de estudantes de 0-3 anos e de 3-6 anos.
E.66 - Coñecer formas de colaboración cos distintos sectores da comunidade educativa e da contorna social.
Tendo en conta a natureza especial da materia, as actividades que se desenvolvan na Facultade irán orientadas nun primeiro momento a predispoñer e asesorar ao alumnado para o período de estadía nos centros e, a posteriori, orientaranse a reflexionar sobre as experiencias vividas e as tarefas realizadas (paralelamente ao desenvolvemento da propia estadía). A metodoloxía docente será, polo tanto, manifestamente interactiva e participativa.
O desenvolvemento da materia integra cinco fases, non necesariamente consecutivas, pero todas elas de ASISTENCIA OBRIGATORIA PARA O ALUMNADO, nas que se realizarán actividades diversificadas e pertinentes a cada momento. Daquela, tocante ao calendario no que se materializará a actividade de Prácticum, procederase do xeito que se indica a continuación:
- FASE DE ORGANIZACIÓN
Antes da incorporación do alumnado aos centros de prácticas dende o Vicedecanato correspondente convocarase ao alumnado, a fin de concretar os termos baixo os que cada estudante realizará a fase de estadía da materia. O alumno ou alumna que non asista a estas xuntanzas ou non cumpra con rigor cos prazos e trámites a realizar nesta fase, decaerá do seu dereito a continuar na materia.
- FASE DE PREPARACIÓN
Constará dunha sesión presencial cos supervisores/as asignados. A sesión poderá ser individual ou grupal para o alumnado que comparte supervisor/a, quen convocará a esas/eses estudantes para os días, horas e aulas que máis lles conveñan ás dúas partes.
- FASE DE ESTADÍA
Período durante o cal o alumnado de Prácticum permanece nos centros colaboradores para desenvolver as súas prácticas académicas.
- FASE DE SEGUIMENTO
Sesión presencial en pequeno ou gran grupo, dirixida polas supervisoras e supervisores correspondentes. A súa temporalidade é simultánea á fase de estadía e os obxectivos son guiar e dinamizar o proceso iniciado e resolver dúbidas e situacións conflitivas que puideran xurdir durante a fase de estadía.
-FASE DE REFLEXIÓN
Sesión presencial en pequeno ou gran grupo, dirixida polas supervisoras e supervisores correspondentes. A súa temporalidade é posterior á fase de estadía e os obxectivos son orientar a análise do proceso de prácticas, estimular a aprendizaxe entre iguais a partir das diversas experiencias vivenciadas e guiar a elaboración dos documentos a entregar para a avaliación.
Así mesmo, farase uso do Campus Virtual para informar o alumnado sobre aquelas cuestións que afecten á materia, e tamén para subir documentación.
Tendo en conta os obxectivos, contidos e competencias deste Prácticum, o sistema de avaliación constará dos seguintes elementos coa súa ponderación na cualificación final:
1. A asistencia e participación nas sesións expositivas (presentación da materia, etc.), titorías (e se é o caso, nas sesións de seminario que se organicen polo conxunto do profesorado da materia) e seguimento do desenvolvemento do Prácticum por parte do/a profesor/a supervisor/a, fundamentalmente a través das titorías e do contacto coa institución. Terá un peso do 10% na cualificación final.
2. A valoración do/a titor/a da institución sobre a/o estudante. Terá un peso do 40% na cualificación final.
3. Calidade da Memoria e outras producións (“Memoria de Prácticas”). Terá un peso do 50% na cualificación final.
É requisito imprescindible para superar a materia o cumprimento dos prazos e procedementos en todas as fases do proceso de realización do Prácticum (asistencia ás sesións organizativas do Prácticum fixadas, asistencia ás titorías obrigatorias, desenvolvemento do período na institución nas datas oficiais aprobadas, entrega da Memoria na data fixada), tal e como indica o Regulamento de Prácticas Académicas Externas da Universidade de Santiago de Compostela.
Para superar a materia será imprescindible acadar o 50% da puntuación máxima de cada un dos apartados. A información detallada do peso de cada elemento recollerase na Guía da materia.
2ª OPORTUNIDADE: O alumnado que tendo asistido ás sesións organizativas e titorías obrigatorias, desenvolto adecuadamente o seu período na institución e tendo un informe favorable do titor/a da institución non entregue a Memoria na data fixada para a 1ª oportunidade ou estes non se avalíe/n positivamente, poderá entregar a Memoria na data que se fixe para a 2ª oportunidade.
O alumnado que non acade unha valoración positiva nos apartados 1 e 2 do sistema de avaliación non poderá superar a materia neste curso académico (o período na institución non é recuperable dentro do mesmo curso académico).
Atendendo ao contemplado no artigo 3.5 da Resolución do 15 de xuño de 2011, pola que se publica a Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións, o alumnado que asistira ás sesións organizativas e titorías obrigatorias, desenvolvera adecuadamente o seu período na institución e tendo un informe favorable do titor/a da institución, non entregue a memoria na data fixada para a 1ª e 2ª oportunidade (ou esta non se avalíe positivamente) no seguinte curso académico non terá que volver a desenvolver o seu Prácticum na mesma ou noutra institución, manténdose a cualificación deses apartados e tendo só que elaborar a memoria de Prácticum para ser avaliado/a.
EXENTOS/AS E DISPENSAS: Pola súa natureza, non se poderá ter exención oficial desta materia nin dispensa.
Os traballos dos estudantes deberán ser orixinais. Ante a súa realización fraudulenta será de aplicación o recollido na Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións.
A efectos avaliativos, un mesmo traballo non pode ser utilizado para varias materias, agás nas actividades programadas de forma coordinada.
PERÍODO DE ESTADÍA: indicada no calendario oficial.
A seguinte relación de actividades reflicte a distribución de créditos ECTS desta materia establecidos na Memoria Verificada da Titulación:
- Horas de presencialidade na Facultade (sesións de organización, preparación, seguimento e reflexión): 25 horas.
- Horas de estadía no centro de prácticas adscrito: 250 horas.
- Horas de traballo autónomo da/do estudante: 175 horas.
- Horas totais de dedicación á materia: 450 horas.
NOTA ACLARATORIA: Infórmase ao alumnado que o tempo que se recoñece aos/as supervisores/as por cada alumno/a supervisado é de 2 horas.
REQUISITO PREVIO: Para matricularse no Prácticum I será requisito ter superados polo menos 48 créditos do segundo curso.
OUTRAS RECOMENDACIÓNS:
- Ler a guía docente que o profesorado ofrecerá a inicios de semestre. Nese documento detallaranse con máis concreción numerosos aspectos referentes ao desenvolvemento da materia, nomeadamente os relativos a actividades de aprendizaxe e instrumentos e criterios de avaliación.
- Visita e consulta da Aula Virtual da materia, na que se establecerán as novas, informacións, documentación e outras cuestións pertinentes para a materia, así como a páxina web da facultade no relativo ás prácticas.
- Participar activamente en todas as sesións presenciais da materia na Facultade, así como asistir con boa disposición ao centro de prácticas todos os días da fase de estadía. As prácticas desenvólvense nun contexto laboral onde é preciso comportarse axeitadamente, mostrar espírito de iniciativa e dispoñibilidade para colaborar cos profesionais do centro, reflexionar sobre o que acontece, e rigor e compromiso.
- É importante recordar que non se poden realizar fotografías dos alumnos/as dos centros sen previo permiso do centro. Ademais está totalmente prohibido publicar información en calquera soporte de menores ou do centro máis alá da Memoria de Prácticas (por exemplo, en redes sociais).
- Tal e como se indica no Regulamento de prácticas académicas externas da Universidade de Santiago de Compostela o alumnado deberá ter en conta as obrigas e recomendacións do plan de estudos en relación coa organización temporal dos estudos e a realización das prácticas externas. Ademais, é requisito fundamental non manter ningunha relación contractual coa empresa, institución ou entidade pública ou privada na que se van realizar as prácticas.
- Os contidos deste programa respecto destes aspectos así como doutros fundamentais e de obrigado cumprimento concrétanse na Guía docente, en consonancia co resto da normativa correspondente.
É obrigatorio realizar a estancia de Prácticum no período establecido no calendario aprobado pola Xunta de Facultade e pola Comisión de Coordinación do Prácticum.
OUTRAS OBSERVACIÓNS:
- A entrega da memoria e proxecto de intervención realizarase exclusivamente a través do Campus Virtual, nunha tarefa habilitada a tal efecto.
- Perspectiva de xénero: Recoméndase facer uso da linguaxe non sexista, tanto no traballo cotián de aula como nos traballos académicos encomendados. Pode obterse información ao respecto no enlace:
http://www.usc.gal/gl/servizos/area/igualdade/cultura-institucional
- Obrigatoriedade de uso da conta de correo institucional rai como medio de comunicación entre o profesorado supervisor, o profesorado titor, as coordinacións, etc.
- Obrigatoriedade de emprego das ferramentas tecnolóxicas institucionais: Campus Virtual, Microsoft Office 365, e outras ferramentas facilitadas pola facultade e autorizadas como ferramentas institucionais pola universidade.
- Non se poderá empregar o teléfono móbil, salvo cando se use como instrumento de traballo seguindo as indicacións dadas polo docente, responsabilizándose o alumnado das consecuencias legais e académicas que poidan derivarse dun emprego non axeitado do mesmo.
- Ter en conta que o ensino-aprendizaxe (clases / titorías) é un proceso privado, enténdase privado como proceso de comunicación e intercambio entre o/a docente e o estudantado matriculado na materia.
- Obrigatoriedade do cumprimento da normativa de protección de datos https://www.usc.gal/es/politica-privacidad-proteccion-datos