Créditos ECTS Créditos ECTS: 6
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 99 Horas de Titorías: 3 Clase Expositiva: 14 Clase Interactiva: 34 Total: 150
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Enxeñaría Agroforestal
Áreas: Expresión Gráfica da Enxeñaría
Centro Facultade de Ciencias
Convocatoria: Primeiro semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable | 1ro curso (Si)
Esta materia ten como obxectivo principal proporcionar ao alumnado habilidades de razoamento espacial, así como ferramentas de expresión gráfica acordes coas novas tecnoloxías da información e coñecementos básicos sobre Normalización neste eido, que lle faciliten as operacións de deseño e representación de obxectos tridimensionais relacionados coa súa futura actividade profesional.
Os contidos da materia de "Expresión Gráfica na Enxeñaría I" responden a unha meta primordial, que se formula con respecto a esta materia e ao seu bloque formativo: a de conseguir que o alumnado, ao finalizar os seus estudos, sexa capaz de elaborar e xestionar a documentación gráfica necesaria para a redacción dun proxecto técnico da súa especialidade. Neste caso, e de acordo co recollido na Memoria da titulación, os resultados da aprendizaxe nesta materia inclúen o manexo de programas de deseño asistido por ordenador, o emprego dos cales se integrará ao longo de toda a materia.
Polo tanto os obxectivos que se perseguen son que o alumnado acade:
- Coñecemento do contexto, utilidade e fundamentos da linguaxe gráfica e técnica
- Coñecemento e capacidade de aplicación das normas fundamentais do debuxo técnico.
- Capacidade para a representación técnica de croquis e manexo das perspectivas
- Capacidade para interpretar e redactar a documentación gráfica básica dun proxecto da especialidade.
Para chegar a alcanzar estes obxectivos é necesario que o alumnado traballe as seguintes destrezas e habilidades, tanto de tipo xenérico (que deberan ser comúns e transversais a todas as materias) como específico:
XENÉRICAS:
a) Capacidade para a análise e a síntese.
b) Capacidade para aprender.
c) Capacidade para resolver problemas.
d) Capacidade para aplicar o coñecemento na práctica.
e) Capacidade para xerar novas ideas (creatividade).
f) Capacidade para a toma de decisións.
g) Capacidade para o traballo autónomo, xa sexa en grupo ou individualmente.
ESPECÍFICAS:
De tipo informativo:
a) O coñecemento racional e dedutivo dos fundamentos da Xeometría que permitan resolver os problemas de trazados xeométricos planos de uso habitual nos debuxos da especialidade.
b) O coñecemento aplicado dos principais Sistemas de Representación, dos seus fundamentos e técnicas, con especial dedicación aos Sistemas Diédrico e Axonométrico.
c) O coñecemento básico da Normalización en xeral e das normas de aplicación ao Debuxo Técnico no ámbito profesional da enxeñaría.
d) O coñecemento estruturado dun programa universal de CAD como ferramenta rápida e precisa para resolver os problemas de trazados xeométricos de uso habitual nos debuxos da especialidade, para a resolución de problemas espaciais e para a confección de bases documentais no ámbito das enxeñarías.
e) O coñecemento da estruturación da documentación gráfica dun proxecto de enxeñaría.
De tipo formativo:
a) A adquisición e fortalecemento de visión e comprensión espacial.
b) A adquisición de destreza no manexo das ferramentas informáticas aplicadas á expresión gráfica, co fin de obter unha boa representación da realidade.
c) A adquisición de capacidade para a interpretación de calquera dos principais Sistemas de Representación, e para facer representacións nos Sistemas Diédrico e Axonométrico empregando as novas tecnoloxías.
d) A adquisición de capacidade de análise e resolución de problemas gráficos.
e) A adquisición de destreza e de hábitos de pulcritude, co fin de obter unha alta calidade das representación gráficas.
f) A utilización do debuxo a man alzada como instrumento de análise espacial.
Todo isto concorda co recollido na Orde Ministerial CIN/351/2009, pola que se establecen os requisitos para a verificación dos títulos universitarios que habiliten para o exercicio da profesión de Enxeñeiro Técnico Industrial, que establece literalmente que o alumnado, na súa formación, debe adquirir “capacidade de visión espacial e coñecemento das técnicas de representación gráfica, tanto por métodos tradicionais de Xeometría Métrica e Xeometría Descritiva, como mediante as aplicacións de deseño asistido por computadora”.
A Memoria do Título contempla para esta materia os seguintes contidos:
TEÓRICOS:
- Historia e introdución á Enxeñaría Gráfica.
- Sistemas de Representación.
- Normalización do Debuxo Técnico.
- Debuxo Asistido por Computadora.
PRÁCTICOS:
- Resolución de problemas gráficos presentados nos diferentes Sistemas de Representación.
- Prácticas de debuxo asistido por ordenador
Estes contidos teóricos e prácticos vanse desenvolver ao longo do semestre a través dos seguintes bloques e temas, coa distribución temporal que se sinala (tendo en conta que a materia se reparte en 14 horas expositivas, 4 de seminario e 30 interactivas):
BLOQUE I – HISTORIA E INTRODUCIÓN Á ENXEÑARÍA GRÁFICA (1 hora expositiva)
1.- Linguaxe gráfica e enxeñaría
BLOQUE II – NORMALIZACIÓN DA REPRESENTACIÓN (3 horas expositivas + 1 hora seminario)
7.- Normalización do Debuxo Técnico
8.- A Normalización da Representación: Vistas ortogonais
9.- Seccións
10.- Acoutamento
BLOQUE III – XEOMETRÍA DESCRITIVA BÁSICA (10 horas expositivas + 3 horas seminarios)
2.- Sistema Diédrico: Fundamentos
3.- Sistema Diédrico: Obtención de vistas auxiliares mediante cambios de plano
4.- Sistema Diédrico: Medición e obtención de verdadeiras magnitudes mediante xiros e abatementos
5.- Sistema Diédrico: Problemas básicos de interseccións, paralelismo e perpendicularidade
6.- Sistema Axonométrico
BLOQUE IV* – MANEXO DUN PROGRAMA DE DEBUXO CON COMPUTADORA (30 horas interactivas)
11.- Interface, introdución de comandos e datos
12.- Presentacións, textos e escalas
13.- Comandos de debuxo
14.- Comandos de modificación e consulta
15.- Acoutamento
16.- Manexo de imaxes
17.- Grupos, bloques e atributos
18.- Execución de planos e trazado
19.- Introdución ao modelado 3D
20.- Obtención de vistas e seccións
*O BLOQUE IV é transversal a todos os contidos da materia e o seu desenvolvemento será parello aos demais bloques.
Bibliografía básica:
Bertrán Guasp, J. Geometría Descriptiva I: Sistema Diédrico Directo. Donostiarra. S. Sebastián, 1995
Collado Sánchez-Capuchino, V. Dibujo Técnico (Expresión Gráfica de la Ingeniería). Tébar Flores. Albacete, 1996
Félez, J. e outros. Fundamentos de Ingeniería Gráfica. Síntesis. Madrid, 1996
Izquierdo Asensi, E. Ejercicios de Geometría Descriptiva I (Diédrico). Dossat. Madrid, 1992
Izquierdo Asensi, E. Ejercicios de Geometría Descriptiva II (Acotado y Axonométrico). Paraninfo. Madrid, 1994
Reyes Rodríguez A.M. AutoCAD 2021 (Manual imprescindible). Anaya Multimedia. 2021
Bibliografía de consulta (complementaria):
Bertoline, G.R. et al. Engineering and Graphics Communication. Irwin. Chicago,1995
Félez, J.; Martínez, M.L. Dibujo Industrial. Síntesis. Madrid, 1996
Gimenez Peris, V. Diédrico Directo Tomo I: Teoría y 190 ejercicios de aplicación. Editor Autor. Madrid, 2007
Montaño de la Cruz, F. AutoCAD 2020. Guía Práctica. Anaya Multimedia. 2019
Reyes Rodríguez A.M.; Montaño de la Cruz, F. AutoCAD Práctico: 130 ejercicios definitivos. Anaya Multimedia. 2012
Rodríguez De Abajo, F.J. Geometría Descriptiva II: Sistema de Planos Acotados. Donostiarra. San Sebastián, 1982
Speck, H. J. e Vieira Peixoto. Manual básico de desenho técnico. Florianápolis, Brasil, 2004.
Para o desenvolvemento da materia, o Centro tamén proporcionará ao alumnado diferentes recursos, entre os que cabe destacar as licencias de software do programa de CAD (AutoCAD) co correspondente hardware.
Asimesmo, o alumnado contará ao inicio de cada sesión práctica cos exercicios a desenvolver na mesma, cun guión detallado dos pasos a seguir no caso das clases interactivas de laboratorio, a desenvolver nas aulas de informática do Centro.
Nesta materia o alumnado adquirirá e practicará as seguintes competencias básica, xeral, específica e transversais, que aparecen dentro do cadro de competencias que se deseñou para o conxunto da titulación e que aparecen na Memoria verificada do título, e que como xa se apuntou, concorda co recollido na Orde Ministerial CIN/351/2009, pola que se establecen os requisitos para a verificación dos títulos universitarios que habiliten para o exercicio da profesión de Enxeñeiro Técnico Industrial:
Competencia básica:
CB4: Que os estudantes saiban transmitir información, ideas, problemas e solucións a un público tanto especializado como non especializado.
Competencia xeral:
CG3: Coñecemento en materias básicas e tecnolóxicas, que os capacite para a aprendizaxe de novos métodos e teorías e os dote de versatilidade para adaptarse ás novas situacións.
Competencia específica:
CE5: Capacidade de visión espacial e coñecemento das técnicas de representación gráfica tanto por métodos tradicionais de Xeometría Métrica e Xeometría Descritiva, como mediante as aplicacións de deseño asistido por computadora.
Competencias transversais:
CT1: Capacidade de análise e síntese.
CT2: Habilidade para usar aplicacións informáticas no ámbito da Enxeñaría Industrial.
CT10: Capacidade para a resolución de problemas.
CT12: Capacidade para a aprendizaxe autónoma.
CT14: Demostrar razoamento crítico.
A metodoloxía e actividades a desenvolver na materia de "Expresión Gráfica na Enxeñaría I" adáptanse ás esixencias do Espazo Europeo de Educación Superior. Neste sentido, a distribución entre as diferentes actividades dos 6 ECTS desta materia que se presenta a continuación (con 150 horas de dedicación total) amosa como o traballo autónomo do alumnado convértese en boa medida no protagonista da súa aprendizaxe:
- Clases expositivas = 14 horas presenciais
- Clases de seminario = 4 horas presenciais
- Clases interactivas = 30 horas presenciais
- Titorías en grupo = 3 horas presenciais
- Titorías libres = 2 horas presenciais
- Exames e revisión= 7 horas presenciais
- Traballo autónomo = 90 horas
Totais: = 150 horas
Aparece pois un factor que expresa a relación entre a presencialidade e o traballo autónomo do estudantado que requiren as actividades mencionadas. Así, por cada hora presencial nas clases, o alumnado deberá dedicar polo menos unha e media, fora das aulas, a completar os apuntamentos correspondentes aos diferentes temas tratados, a rematar as prácticas iniciadas ou a aplicar o aprendido a novas situacións. Deste xeito, a metodoloxía empregada nesta materia obedece a unha serie de actividades que, polo seu carácter participativo, se adaptan ao sistema proposto no EEES, co claro protagonismo do traballo autónomo do alumnado antes mencionado.
Concretamente, a docencia da materia baséase nas seguintes actividades, traballando en todas elas as competencias básica, xeral e específica CB4, CG3 e CE5, e tamén as transversais CT1, CT2, CT10, CT12 e CT14 recollidas nesta Guía:
- Clases expositivas ou maxistrais en grupo único, onde na maior parte do tempo farase a exposición ordenada e razoada dos contidos de cada un dos temas dos tres primeiros bloques da materia.
- Seminarios en grupo único para afrontar aqueles temas de maior dificultade conceptual cun enfoque máis práctico, a través da realización de exercicios que faciliten a súa asimilación.
- Clases interactivas ou prácticas con computadora en grupos cun máximo de 20 persoas, impartidas nas aulas de informática, para resolver exercicios relacionados cos diferentes contidos da materia.
- Titorías en grupo cun máximo de 10 persoas, realizadas tamén na aula da clase ou na de informática para tratar asuntos relacionados coa materia que requiran dunha maior atención personalizada.
- Titorías libres atendidas no despacho da profesora.
- Exame dos contidos e da aplicación práctica dos coñecementos adquiridos.
- Apoio na rede cun Curso aberto para esta materia no Campus Virtual da USC.
O debuxo é un xeito fundamental de expresión para o enxeñeiro e os contidos abordados nesta materia constitúen unha potente ferramenta de traballo neste sentido. Polo tanto, a cualificación do alumnado debera reflectir o nivel adquirido na formación necesaria para a súa correcta utilización e presentación. Así, en todos os exercicios, xa sexan de Prácticas ou de Exame, valoraranse dous aspectos:
1º.- Os coñecementos, a capacidade de resolución e a visión espacial.
2º.- A precisión, a calidade e a pulcritude na resolución e a presentación dos exercicios.
Deste xeito, a cualificación obtida na corrección do procedemento e resultados dun exercicio, poderá ser rebaixada ata un 30% por non seguir as especificacións de presentación tal e como se indica para cada caso.
A avaliación da aprendizaxe do alumnado, e polo tanto a forma de medir se adquiriu as competencias básica, xeral e específica marcadas para esta materia, basearase nun proceso de avaliación continua que levará aparellado un sistema de seguimento e exame final ao longo do curso. A continuación, expóñense as súas principais características:
AVALIACIÓN EN PRIMEIRA OPORTUNIDADE
Para a cualificación final da materia, terase en conta:
PRACTICAS ENTREGADAS (P): a presentación do conxunto dos exercicios das prácticas que se propoñan, que suporán en conxunto un 30% da nota final da materia.
A profesora recibirá os envíos destes exercicios a través do Campus Virtual no tempo e forma que se determinen. A puntuación dos exercicios en branco, non enviados ou enviados fora de prazo será 0.
EXAME FINAL (E):
Ao rematar o primeiro semestre, na data oficial fixada polo Centro, realizarase unha proba ou exame final cunha achega do 70% da nota final da materia.
Todo o alumnado deberá realizar obrigatoriamente esta proba final, que forma parte da avaliación continua da materia. Esta proba final será presencial e poderá ser resolta tanto en formato papel, mediante software CAD ou ambas.
Para que compute o exame, hai que ter un mínimo de 4 puntos sobre 10 e para que computen as prácticas é necesaria unha media mínima entre todas de1.5 puntos sobre 3.
Polo tanto, a cualificación final calcúlase: CF = 0,30*P + 0,70*E.
Se o resultado é superior a 5, a materia considerarase aprobada. No caso de ser o resultado menor que 5 o alumno deberá de asistir ao exame oficial en segunda oportunidade na data fixada polo centro.
AVALIACIÓN EN SEGUNDA OPORTUNIDADE:
No caso de non aprobar a materia na primeira oportunidade o alumnado realizará un novo exame de recuperación de toda a materia.
A superación da materia en 2ª oportunidade require acadar 5 puntos sobre 10, tendo en conta que o exame supón un 70% da nota, e a realización e entrega dos exercicios das prácticas de clase un 30%. Debe de terse en conta que as prácticas non se poden entregar de novo despois da data fixada para elo durante o curso. A nota acadada nas prácticas conservase da primeira á segunda oportunidade.
Todas estas compoñentes servirán para avaliar conxuntamente as competencias CG3 e CE5 relacionadas con esta materia. En canto ás competencias básica (CB4) e transversais (CT1, CT2, CT10, CT12 e CT14) recollidas nesta Guía, serán traballadas ao longo do desenvolvemento docente da materia, sen ser sometidas a un proceso de avaliación específico para comprobar a súa consecución.
ALUMNOS REPETIDORES
Os alumnos repetidores teñen que cumprir os mesmos requirimentos que os alumnos matriculados por primeira vez.
CONCILIACIÓN E DISPENSA DE ASISTENCIA
Se un alumno ten concedida unha dispensa de asistencia debido a unha circunstancia especial, debidamente xustificada, asignaráselle un método de aprendizaxe alternativo e adaptado. O alumno con dispensa de asistencia, deberá cumprir os mesmos criterios de avaliación que o resto dos estudantes.
FRAUDE ACADÉMICO
Ao tratarse de entregas mediante arquivos virtuais, estas serán obxecto de revisións minuciosas co fin de evitar o fraude, o que inclúe copia total ou parcial dos exercicios entregados, a entrega de arquivos duplicados ou a comprobación doutras características intrínsecas aos documentos orixinais.
Ante a detección de fraude académico de calquera dos exercicios ou probas será de aplicación o recollido na “Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións” da USC.
EXAMES PARCIAIS
No caso de que se acorde celebrar un exame parcial ao longo do curso, este non é de obrigatoria realización para os alumnos. Se un alumno suspende o exame parcial (nota menor a 5 puntos sobre 10) poderá realizar de novo a examinación desa parte no exame oficial correspondente. No caso de que un alumno supere o parcial (nota maior ou igual a 5 puntos sobre 10), terá a opción de conservar a súa nota ou presentarse de novo na data oficial para subir a súa puntuación nesa parte, neste último caso conservarase a nota do exame final oficial para calcular a nota final do alumno.
Co sistema de créditos ECTS, aparte da asistencia ás clases expositivas (14 horas ao longo do semestre, 1 ou 2 por semana), aos seminarios (4 horas ao longo do semestre, 1 hora en catro semanas), ás clases interactivas (30 horas ao longo do semestre, con sesións de 3 horas en dez semanas), ás titorías en grupo (3 horas en todo o semestre, 1 hora en tres semanas) e ás titorías individuais (as veces que desexe ao longo do curso), o alumnado deberá dedicarlle ao "asentamento" do aprendido e á resolución dos exercicios das prácticas e doutros fora da clase, unha media de 5 ou 6 horas semanais. Deste xeito, as horas dedicadas á materia axustaríanse ao previsto:
6 créditos ECTS x 25 horas crédito = 150 horas de dedicación
14 horas expositivas + 4 horas de seminario + 30 horas interactivas + 3 horas de titorías en grupo = 51 horas
Outras horas presenciais = 7 horas (exames)
150 - 51 - 6 = 93 horas de traballo autónomo
93 horas / 15 semanas do semestre = 6 horas por semana
Aínda que a adquisición da visión espacial e da destreza na representación gráfica, incluso co emprego de ferramentas informáticas, poden ter unha compoñente inherente á persoa que facilite a súa aprendizaxe, o certo é que ambas habilidades requiren dun traballo constante para que poidan ser desenvoltas con garantía de éxito na consecución dos obxectivos marcados nesta materia.
É importante a asistencia a todas as clases da materia, presenciais ou virtuais se fose o caso, como instrumento para fortalecer a aprendizaxe do alumnado. Nelas vai desenvolver o aprendido e vai ser consciente do nivel que vai adquirindo e das súas limitacións, sempre coa axuda e o apoio da profesora. Co complemento das titorías, en grupo e individuais, superará calquera dificultade que se lle poda presentar.
A materia impartirase en galego, ainda que poden existir recursos en castelán e inglés.
- No transcurso das clases e exames, prohíbese estritamente o uso de teléfonos móbiles. Os alumnos deberán gardar os dispositivos dentro das mochilas ou prendas de abrigo, nun lugar distante ás mesas de traballo. No caso de que se sorprenda a algún alumno utilizando o teléfono, contemplase a posibilidade de expulsión da clase.
- Tanto nas clases como nos exames utilizaranse os ordenadores da aula. Non se permite o acceso a outras plataformas ou softwares que non sexan os estritamente necesarios.
- Non se permitirá á entrada ás clases e probas despois de 5 min do comezo das mesmas.
Adriana Conde Fernandez
Coordinador/a- Departamento
- Enxeñaría Agroforestal
- Área
- Expresión Gráfica da Enxeñaría
- Correo electrónico
- adriana.conde [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Contratado/a Interino/a por Vacante - T3
Mércores | |||
---|---|---|---|
13:00-14:00 | Grupo /CLE_01 | Galego | AULA INFORMÁTICA 3 |
Xoves | |||
13:00-14:00 | Grupo /CLE_01 | Galego | AULA INFORMÁTICA 3 |
13.01.2025 10:00-14:00 | Grupo /CLE_01 | 1P AULA 2 PRIMEIRA PLANTA |
13.01.2025 16:00-20:00 | Grupo /CLE_01 | AULA INFORMÁTICA 1 |
13.01.2025 16:00-20:00 | Grupo /CLE_01 | AULA INFORMÁTICA 2 |
13.01.2025 16:00-20:00 | Grupo /CLE_01 | AULA INFORMÁTICA 3 |
20.06.2025 10:00-14:00 | Grupo /CLE_01 | 1P AULA 2 PRIMEIRA PLANTA |
20.06.2025 16:00-20:00 | Grupo /CLE_01 | AULA INFORMÁTICA 1 |
20.06.2025 16:00-20:00 | Grupo /CLE_01 | AULA INFORMÁTICA 2 |
20.06.2025 16:00-20:00 | Grupo /CLE_01 | AULA INFORMÁTICA 3 |