Créditos ECTS Créditos ECTS: 3
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 41 Horas de Titorías: 3 Clase Expositiva: 22 Clase Interactiva: 9 Total: 75
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Máster RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Bioloxía Funcional
Áreas: Bioloxía Celular
Centro Facultade de Bioloxía
Convocatoria: Segundo semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable | 1ro curso (Si)
Coñecer a base celular e molecular do desenvolvemento do sistema nervioso.
Coñecer as técnicas experimentais e modelos animais que se utilizan para o seu estudio.
Adestrarse no manexo de bibliografía especializada.
CLASES EXPOSITIVAS
A impartición das clases expositivas terá lugar no horario establecido de xeito presencial mediante ferramentas informáticas de videoconferencia dende a aula da Facultade de Bioloxía da USC indicada no calendario correspondente. A duración aproximada de cada tema será de 3 horas e a duración de cada clase expositiva será de 55 minutos.
TEMA 1.- Xeneralidades. Organismos modelo empregados nos estudos do desenvolvemento do sistema nervioso. Técnicas experimentais empregadas nos estudos de desenvolvemento do sistema nervioso. Eixos corporais en organismos con simetría bilateral. Conceto de especificación, determinación, indución e diferenciación celular. Orixe embrionaria do sistema nervioso de vertebrados. Aspectos comparativos do desenvolvemento neural en vertebrados e invertebrados. Tipos de neurulación. Neurulación primaria en distintos grupos de vertebrados. Neurulación secundaria. Neurulación na zona de transición. Peche do tubo neural. Defectos no peche do tubo neural. Indución neural e moléculas implicadas. Desenvolvemento temperán do encéfalo de vertebrados.
TEMA 2.- Polaridade e rexionalización do sistema nervioso central. Establecemento do eixo dorso- ventral do sistema nervioso central: Importancia dos tecidos adxacentes e moléculas implicadas. Establecemento do eixo antero-posterior do sistema nervioso central: Importancia dos tecidos adxacentes e moléculas implicadas. Formación das principais subdivisións do encéfalo. Centros organizadores encefálicos. Neuromería e patróns de expresión xénica no rombencéfalo e no prosencéfalo.
TEMA 3.- Histoxénese do sistema nervioso central. Proxenitores neurais e migración nuclear intercinética. División simétrica e asimétrica. División asimétrica e destino celular. Migración celular: tipos e mecanismos celulares e moleculares. Histoxénese do tubo neural temperá. Histoxénese da medula espiñal. Histoxénese da cortiza cerebral. Histoxénese da cortiza cerebelosa.
TEMA 4.- Morfoxénese do sistema nervioso central. Proliferación, migración, diferenciación e morte celular. Neuroxenese e glioxenese. Xeración da diversidade neuronal. Adhesión celular e guía por contacto. Cono de crecemento. Sinais implicadas na guía axónica. Selección do branco. Formación de sinapses. Refinamento da conectividade sináptica.
TEMA 5.- A crista neural e a morfoxénese do sistema nervioso periférico. Características das células da crista neural. Descubrimento e evolución da crista neural. Orixe, inducción e especificación da crista neural. Rexionalización da crista neural: crista neural troncal e cranial. Migración das células da crista neural. Diferenciación das células da crista neural.
TEMA 6.- Placodas craneais e desenvolvemento dos órganos dos sentidos. Placodas craneais: similitudes e diferencias coa crista neural. Tipos de placodas craneais. Orixe, inducción e especificación dos distintos tipos de placodas craneais. Desenvolvemento e derivados dos distintos tipos de placodas craneais. Desenvolvemento das placodas óticas. Desenvolvemento das placodas olfatorias. Desenvolvemento do ollo de vertebrados: placodas do cristalino, córnea e retina. Mapas topográficos retino-tectais.
CLASES INTERACTIVAS DE SEMINARIO
As clases interactivas de seminario terán lugar no horario establecido de xeito presencial a través de videoconferencia dende a aula da Facultade de Bioloxía da USC indicada no calendario correspondente. O número de seminarios se corresponderá co número de alumnos/as matriculados/as na materia e a duración aproximada de cada seminario será de 30 minutos (15 minutos de exposición e 15 minutos de preguntas).
CLASES INTERACTIVAS DE LABORATORIO
Se impartirá unha clase interactiva de laboratorio, de dúas horas de duración, que terá lugar o último día establecido no calendario docente da materia e de xeito presencial no laboratorio xeral 3 da Facultade de Bioloxía da USC.
Analizarase o desenvolvemento do sistema nervioso de vertebrados mediante o estudo neuroanatómico ao microscopio óptico de campo claro de preparacións microscópicas de seccións de embrións.
Farase un estudo da morfoxénese da retina de vertebrados mediante a observación ao microscopio óptico de campo claro de preparacións microscópicas de seccións de ollo procesadas con técnicas inmunohistoquímicas empregando marcadores de proliferación, migración e diferenciación celular.
Barresi, Michael J.F. and Gilbert, Scott F., 2020. Developmental biology. 12th ed. Oxford: Oxford University Press.
Sames, Dan H., Reh, Thomas A., Harris William A. and Landgraff, Mathias, 2019. Development of the nervous system. 4th ed. London: Academic Press.
Squire Larry R, Berg Darwin, Bloom Floyd E., du Lac Sascha, Ghosh Anirvan and Spitzer Nicholas C. eds., 2012. Fundamental Neuroscience. 4th ed. Amsterdam: Elsevier.
Wolpert Lewis, Tickle, Cheryll and Martínez Arias, Alfonso, 2019. Principles of development. 6th ed. New York: Oxford University Press.
O alumnado deberá posuír e potenciar as seguintes competencias e destrezas xenéricas:
- Compromiso persoal de esforzo para a aprendizaxe.
- Capacidade de análise e síntese.
- Habilidades para conseguir analizar información dende diferentes fontes.
- Capacidade de crítica e autocrítica.
- Capacidade para aplicar a teoría á práctica.
Clases expositivas. A asistencia ás clases expositivas será obrigatoria para o alumnado de nova matrícula e voluntaria para os/as alumnos/as repetidores/as. O profesorado impartirá as clases expositivas referentes aos contidos teóricos da materia no aula con apoio de medios audiovisuais, e potenciará a participación e intervención do alumnado durante o transcurso da clase. O alumnado da materia disporá dun aula virtual no que poderá atopar material docente co obxectivo de facilitar a comprensión dos contidos impartidos nas clases expositivas.
Clases interactivas de seminario. A realización e asistencia aos seminarios será obrigatoria para o alumnado de nova matrícula e alumnos/as repetidores/as que non o teñan realizado en cursos anteriores. Cada alumno/a deberá realizar un seminario dalgún tema relacionado co desenvolvemento do sistema nervioso, para o que utilizará artigos e revisións científicas recentes, e deberá expoñelo na aula e debatelo cos seus compañeiros/as.
Clases interactivas de laboratorio. A asistencia ás prácticas de laboratorio será obrigatoria para o alumnado de nova matrícula e alumnos/as repetidores/as que non as tiveran realizado en cursos anteriores. Cada alumno/a disporá dun microscopio óptico de campo claro, das diferentes preparacións microscópicas correspondentes a seccións de embrións de vertebrados que se estudiarán na práctica, e dun guion coa descrición do que deben observar en cada preparación.
Para as dúas oportunidades de avaliación, a cualificación obtida por cada alumno/a será un promedio ponderado do seu rendemento nas partes da materia onde o seu traballo é avaliado.
Clases expositivas. O alumnado deberá realizar unha proba escrita que representará o 80% da nota final da materia, e que constará de preguntas de resposta curta e preguntas relativas a esquemas/imaxes incluídos no temario impartido nas clases expositivas. A realización do exame será presencial na aula da Facultade de Bioloxía da USC indicada no calendario correspondente.
Clases interactivas de seminario. Os diferentes aspectos do seminario (resumo, exposición e participación) se avaliarán seguindo unha rúbrica que estará a disposición do alumnado a través da aula virtual da materia desde o inicio do cuadrimestre. A cualificación do seminario suporá o 20% da nota final da materia.
Os/as estudantes deberán enviar ao profesorado, cunha antelación mínima dunha semana á data de exposición do seminario, un documento no que conste o título do seminario, o nome do alumno/a, un resumo de entre 200 e 350 palabras, cinco palabras clave e a bibliografía empregada na realización do seminario, seguindo as indicacións detalladas na rúbrica de avaliación desta parte da materia.
Para a superación da materia na primeira oportunidade, será obrigatorio o seguimento regular da materia mediante a asistencia ás clases expositivas dende o inicio do cuadrimestre, a entrega do resumo do seminario e a súa exposición na aula por parte de cada alumno/a, a realización das prácticas de laboratorio, e a realización do exame de contidos teóricos. A puntuación máxima que se poderá acadar na materia é de 10,0 puntos sendo imprescindible obter unha cualificación mínima de 5,0 puntos para ter superada a materia. A cualificación global de cada alumno/a será un sumatorio da puntuación obtida no exame de contidos teóricos (80%) e a cualificación da rúbrica do seminario (20%). O sumatorio de ambas cualificacións só se levará a cabo nos casos nos que o/a alumno/a alcance no exame de contidos teóricos unha cualificación igual ou superior a 4,0 puntos sobre 8,0.
Para a segunda oportunidade, será obrigatorio a realización do exame de contidos teóricos. O cálculo da cualificación final para o alumnado que teña seguido a materia de xeito regular durante o cuadrimestre será a mesma que se indica no paragrafo anterior. O alumnado que non teña seguido a materia de xeito regular durante o cuadrimestre, e polo tanto non teña asistido ás clases expositivas, nin realizado o seminario nin as prácticas de laboratorio, poderá acadar unha puntuación máxima correspondente ao 60% da cualificación obtida no exame de contidos teóricos, tendo que alcanzar unha cualificación igual ou superior a 3,0 puntos (sobre 6,0) para ter superado a materia.
Para o alumnado repetidor seguirase o mesmo sistema de avaliación indicado anteriormente.
Para os casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas será de aplicación o recollido na Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións da USC.
Clases expositivas: 18 h.
Clases interactivas de seminario: 9 h.
Clases interactivas de laboratorio: 2 h.
Titorías: 1 h.
Traballo persoal do alumnado: 48 h (estudo dos contidos teóricos e preparación do seminario).
Exame: 3 h.
Asistencia e participación activa nas clases expositivas e seminarios.
Estudo e revisión periódica da materia impartida, utilizando material bibliográfico para comprender e afondar nos coñecementos adquiridos nas clases expositivas.
Aclaración co profesorado das posibles dúbidas xurdidas durante o estudo da materia.
A materia terá un aula virtual operativa dende o inicio do cuadrimestre na plataforma Moodle, do campus virtual da USCna que o profesorado porá a disposición do alumnado toda a información (horarios, guía docente, bibliografía, foro de novas e anuncios, etc...) e materiais didácticos referentes aos contidos impartidos nas clases expositivas.
Maria Fatima Adrio Fondevila
Coordinador/a- Departamento
- Bioloxía Funcional
- Área
- Bioloxía Celular
- Teléfono
- 881816943
- Correo electrónico
- fatima.adrio.fondevila [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Titular de Universidade
Luns | |||
---|---|---|---|
12:00-14:00 | Grupo /CLE_01 | Castelán | Aula 05 (videoconferencia). Rita Levi Montalcini |
Martes | |||
12:00-14:00 | Grupo /CLE_01 | Castelán | Aula 05 (videoconferencia). Rita Levi Montalcini |
Xoves | |||
11:00-13:00 | Grupo /CLE_01 | Castelán | Aula 05 (videoconferencia). Rita Levi Montalcini |
16.06.2025 17:00-19:00 | Grupo /CLE_01 | Aula 05 (videoconferencia). Rita Levi Montalcini |