Créditos ECTS Créditos ECTS: 5
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 85 Horas de Titorías: 5 Clase Expositiva: 15 Clase Interactiva: 20 Total: 125
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Máster RD 1393/2007 - 822/2021
Centro Facultade de Ciencias da Educación
Convocatoria: Segundo semestre
Docencia: Sen docencia (Ofertada)
Matrícula: Non matriculable (Só alumnado repetidor)
Obxectivos xerais
A materia concíbese como unha reflexión crítica ao respecto do xénero na construción da vida social. A revisión das teorías feministas e dos principais conceptos deste modelo de pensamento alternativo oriéntase cara á análise de diversos produtos culturais (audiovisuais, artes plásticas, literatura, cinema) a fin de que o estudantado adquira estratexias para superar os estereotipos de xénero e desenvolva unha perspectiva madura e persoal con que ler a súa sociedade e o seu tempo.
Obxectivos específicos
- Dar a coñecer o rico panorama de perspectivas críticas feministas que se descubre nos produtos culturais e artísticos actuais.
- Reflexionar sobre códigos ocultos de dominación de xénero, en particular sobre as normativas lingüísticas posto que pretenden unha “neutralidade” que marxina deliberadamente os xéneros oprimidos ou disidentes.
- Avaliar a influencia das tecnoloxías da comunicación e das redes sociais nos modelos de xénero.
- Desenvolver unha maneira de ollar (de valorar as imaxes que recibimos constantemente) e de interpretar os textos escritos dotada de perspectiva de xénero.
- Formar profesionais que axuden a paliar os efectos negativos de modos de educación e socialización opresivos e preparar para a investigación en Estudos de Xénero.
- Producións plásticas e audiovisuais feministas: ollar con xénero.
- Da lingua dos medios de comunicación á literatura feminista: ler con xénero.
- Hixiene verbal contra o discurso de odio: mais aló da linguaxe inclusiva.
- O masculino e o feminino no discurso: técnicas oratorias e comunicativas para subverter os estereotipos.
- Tecnoloxías da Información e Xénero.
Básica
Moure, Teresa (2021): Lingüística se escribe con A. La perspectiva de género en las ideas sobre el lenguaje, Madrid, Catarata.
Pérez Pereiro, Marta (2020): “A creación do suxeito feminino no cinema. Inicios, consolidación e novos camiños da teoría e crítica feministas” en Margarita Ledo Andión et alii (cords.), Cadernos de Comunicación e Xénero Co(m)xénero 1, 37-56.
Complementaria
Butler, Judith (2011): Bodies That Matter. On the Discursive Limits of Sex, London, Routledge. Trad. esp. A. Bixio, Cuerpos que importan. Sobre los cuerpos materiales y discursivos del “sexo”, Buenos Aires, Paidós.
Citron, Michelle (1999): Home movies and other necessary fictions, London, University of Minnesota Press
De Diego, E. (2011): No soy yo: autobiografía, performance y los nuevos espectadores. Madrid, Siruela.
Jones, Amelia (2010): The Feminism and Visual Culture Reader, London, Routledge, 2ª ed. revisada.
Kuhn, Annette (1991): Cine de mujeres. Feminismo y cine, Madrid, Cátedra. https://www.legisver.gob.mx/equidadNotas/publicacionLXIII/Annette%20Kuh…
Paszkiewicz, Katarzyna (2017): Rehacer los géneros. Mujeres cineastas dentro y fuera de Hollywood. Barcelona, Icaria.
Penny, Laury (2013): Cibersexism. Sex, Gender and Power on the Internet, Bloomsbury Pub. Trad. esp. Eugenia Cruz & Matilde Pérez, Cibersexismo: Sexo, Género y Poder en Internet, Madrid, Continta Metienes, 2017.
Rodríguez, Ileana, ed. (2001): Cánones literarios masculinos y relecturas transculturales. Lo transfemenino/masculino/queer. Barcelona, Anthropos.
Segarra, Marta & Angels Carabí, eds. (2000): Feminismo y crítica literaria, Barcelona, Icaria.
Zafra, Remedios (2010): Un cuarto propio conectado. [Ciber]Espacio y [Auto]gestión del yo, Madrid, Fórcola.
Zecchi, Barbara (2014): La pantalla sexuada, Madrid, Cátedra, 2014.
NOTA: Poderán proporcionarse lecturas específicas para determinadas sesións interactivas. Ao teren carácter obrigatorio para o correcto seguimento do programa, esas lecturas serán facilitadas polas profesoras en formato online desde o comezo do curso.
Competencias básicas e xerais
O coñecemento adquirido debe servir para incrementar as lecturas persoais e críticas, ao tempo que para mellorar a formación académica, investigadora e profesional.
CG1- Saber transmitir aspectos de planificación de programas e os coñecementos correspondentes a públicos especializados e non especializados
CB8 – Conseguir que o estudantado sexa quen de integrar coñecementos e de se enfrontar á complexidade de formular xuízos a partir dunha información que, sendo incompleta ou limitada, inclúa reflexións sobre as responsabilidades sociais e éticas vinculadas á aplicación dos seus coñecementos.
CB9 – Conseguir que o estudantado saiba comunicar as súas conclusións, coñecementos e razóns últimas a públicos especializados e non especializados, de modo claro e sen ambigüidades.
Transversais
CT2 – Seren capaces de efectuar avaliacións e análises de políticas públicas e de planificacións didácticas desde unha óptica de interconexións e transversal de xénero.
CT4 – Seren capaces de organizar accións favorecedoras da igualdade de xénero desde unha perspectiva transversal de xénero en todas as esferas sociais, administrativas e políticas.
Específicas
CE2 – Posuíren unha formación crítica e conducir procesos formativos de transformación con vistas a modificar as estruturas androcéntricas existentes e na procura dunhas relacións de xénero realmente igualitarias.
CE3 – Poderen efectuar e xestionar avaliacións das múltiplas situacións sociais, culturais, educativas, económicas e políticas desde o punto de vista do coñecemento científico específico de xénero.
CE5 – Seren capaces de analizar dados empíricos referentes a elementos escollidos da estrutura social desde unha óptica de xénero.
Proponse unha metodoloxía participativa, onde as aulas sirvan para o debate sobre as lecturas e sobre os temas teóricos e privilexien o traballo persoal e de grupo e a interacción. Isto significa que, en todos os casos, para o desenvolvemento do programa procuraremos dinamizar a participación activa do estudantado. Desde o comezo do curso, cada docente proporcionará a bibliografía necesaria e programará sesións con temas específicos para a reflexión e o debate.
Procurarase afondar, na medida do posíbel, nun coñecemento especializado e crítico. As docentes comprométense a seguir os progresos individuais e agardan que cada estudante se involucre na dinámica do curso, nas lecturas e actividades prácticas suxeridas.
1ª OPORTUNIDADE
Realízase un seguimento continuado do traballo na aula que proporciona o 40% da cualificación final.
Cada unha das profesoras proporá a realización de diferentes probas (exposicións persoais ou en grupo, achegas reflexivas, comentarios) no transcurso das sesións ou programadas para determinados días. Así obtense o 60% restante.
Os criterios que se asumen para a súa valoración son:
(a) Demostración de que se adquiriu sobre os diferentes temas coñecemento novo e non trivial;
(b) Demostración de que se manexan os conceptos teóricos do programa;
(c) Coherencia das argumentacións presentadas e pluralidade de perspectivas;
(d) Capacidade de sustentar esas argumentacións sobre exemplos empíricos (materiais reais, datos de linguas, etc);
(e) Expresión escrita acorde co nivel de estudos.
Ambas profesoras mantéñense en contacto e coordinadas, de maneira que cada unha das súas propostas non se entende como unha parte separada (nin conceptualmente nin a efectos de avaliación). En consecuencia, no proceso de avaliación, mais que unha nota media de cada apartado, proceden a unha interpretación conxunta dos progresos e avances de cada estudante.
2ª OPORTUNIDADE
A avaliación efectuarase exclusivamente a partir de probas escritas nas convocatorias previstas e segundo os criterios explícitos no apartado anterior. Igualmente, as profesoras actúan de maneira coordinada, sen que sexa posíbel aprobar unha parte.
DISPENSA DE ASISTENCIA
O alumnado que teña exención de docencia ou dispensa de asistencia (Instrución núm. 1/2017, do 27/04/2017, da Secretaría Xeral da USC sobre a dispensa de asistencia á clase) deberá informar da súa situación ás docentes. Estas convocarán a persoa interesada a unha titoría para proporcionarlle un programa de actividades específico destinado a superar a materia.
AVALIACIÓN NOS CURSOS SEN DOCENCIA
Dado que o máster é bienal e durante o segundo curso de cada edición non se contempla docencia presencial desta materia, o estudantado matriculado deberá contactar coas docentes responsables para precisar o sistema de avaliación. Se non se acordase outra cousa, a avaliación efectuaríase a partir de traballos ou actividades nas convocatorias previstas.
Neste contexto pártese de que cada crédito ECTS comporta 12-15 horas de traballo persoal por semana, dedicadas a realizar as lecturas dos materiais teóricos e da bibliografía recomendada, ademais de procurar a necesaria argumentación persoal para as cuestións prácticas que se formulen. Porén, o tempo dedicado a realizar estas actividades é bastante variable para cada estudante.
A materia está pensada para adaptarse con coherencia e rigor aos intereses do estudantado. Pretende fomentar unha dedicación regular e periódica, que tire proveito de cada sesión. Non se concibe o curso como un trámite burocrático que se pode eludir ou cumprimentar sen atención nin interese. Ao contrario, as sesións están pensadas como un lugar de encontro onde experimentarmos en conxunto a tarefa común da aprendizaxe. As profesoras seleccionarán fontes orixinais ou materiais mais actuais primando a lectura crítica e suxerindo camiños para a pescuda persoal e procurarán provocar un enfrontamento produtivo entre cada estudante e as opcións de coñecemento que se lle abren. Importa, neste sentido, un traballo equilibrado, realizado desde a primeira sesión e non unha serie de informacións inconexas acumuladas a última hora.
A materia impártese en galego, lingua propia deste país e desta Universidade. Se o alumnado precisar material de apoio noutras linguas ou explicacións adicionais, contará coa axuda das profesoras en horario extraordinario de titorías.
03.06.2025 16:00-18:00 | Grupo de exame | AULA 3 (CAMPUS VIDA-Módulo A) |
02.07.2025 16:00-18:00 | Grupo de exame | AULA 3 (CAMPUS VIDA-Módulo A) |