Créditos ECTS Créditos ECTS: 15
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 425 Horas de Titorías: 18.5 Clase Interactiva: 6.5 Total: 450
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Traballo Fin de Máster RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Departamento externo vinculado ás titulacións, Estatística, Análise Matemática e Optimización
Áreas: Área externa M.U en Técnicas Estatísticas (2ªed), Estatística e Investigación Operativa
Centro Facultade de Matemáticas
Convocatoria: Traballos Fin de Grao e Máster
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
O Traballo Fin de Máster consiste no desenvolvemento dun proxecto de carácter teórico ou aplicado. En moitos dos traballos teóricos, preténdese que cada estudante faga unha revisión crítica dalgúns dos traballos de investigación de recente publicación nos campos correspondentes á temática de cada traballo, comparando as distintas alternativas existentes ou, incluso, propoñendo novas alternativas que poidan ser estudadas máis profundamente nunha futura Tese Doutoral. Os proxectos de tipo aplicado consisten na análise, estudo e resolución de problemas con datos reais nos que se deben aplicar modernas técnicas da Estatística ou a Investigación Operativa.
Os traballos tutelados nunha empresa colaboradora do Máster en Técnicas Estatísticas teñen como obxectivo que cada estudante analice e estude problemas da área da Estatística e Investigación Operativa nos que estean interesadas as empresas colaboradoras. Empresas que, na maioría dos casos, xa desenvolveron convenios e proxectos cos departamentos universitarios que colaboran con este máster. En todos os casos, o alumnado do Traballo Fin de Máster estará titorizado por unha persoa que cumpra os requisitos mencionados no apartado de profesorado.
Profesorado: Todo o profesorado do cadro docente do MTE pode titorizar un TFM. Ademais, o profesorado dalgunha das tres universidades participantes no MTE que, sendo externo ao cadro docente do MTE, cumpra os requisitos establecidos para poder formar parte do mesmo, tamén pode propoñer e titorizar un TFM. Recoméndase que os TFM non sexan cotitorizados por máis de dous profesores/as, salvo en casos debidamente xustificados.
Coordinadora: Paula Saavedra Nieves
O traballo fin de máster consiste nun traballo persoal, titorizado por unha ou varias persoas, baseado no estudo en profundidade dalgún problema de estatística ou investigación operativa; ben do ámbito académico ou no ámbito profesional, que será presentado ante un tribunal. A oferta de traballos fin de máster para o curso actual figura na web: http://eamo.usc.es/pub/mte/index.php/es/trabajos-fin-de-master/ofertados.
Dadas as peculiaridades desta materia, resulta imposible especificar unha bibliografía xeral válida para todos os TFM que se van desenvolver.
Nesta materia traballaranse as competencias básicas, xerais e transversais recollidas na Memoria do Título. Indícanse a continuación cales son as competencias específicas que se potenciarán nesta materia:
• CG1: Coñecer, comprender e saber aplicar os principios, metodoloxías e novas tecnoloxías na estatística e na investigación operativa en contextos científico/académicos, tecnolóxicos ou profesionais especializados e multidisciplinares, así como adquirir as destrezas e competencias descritas nos obxectivos xerais do título.
• CG2: Desenvolver autonomía para identificar, modelar e resolver problemas complexos da estatística e da investigación operativa en contextos científico/académicos, tecnolóxicos ou profesionais especializados e multidisciplinares.
• CG3: Desenvolver a capacidade para realizar estudos e tarefas de investigación e transmitir os resultados a públicos especializados, académicos e xeralistas.
• CG4: Integrar coñecementos avanzados e enfrontarse á toma de decisións a partir de información científica e técnica.
• CG5: Desenvolver a capacidade de aplicación de algoritmos e técnicas de resolución de problemas complexos no ámbito da estatística e a investigación operativa, manexando o software especializado adecuado.
• CB6: Posuír e comprender coñecementos que acheguen unha base ou oportunidade de ser orixinais no desenvolvemento e/ou aplicación de ideas, a miúdo nun contexto de investigación.
• CB7: Que os estudantes saiban aplicar os coñecementos adquiridos e a súa capacidade de resolución de problemas en contornos novos ou pouco coñecidos dentro de contextos máis amplos (ou multidisciplinares) relacionados coa súa área de estudo.
• CB8: Que os estudantes sexan capaces de integrar coñecementos e enfrontarse á complexidade de formular xuízos a partir dunha información que, sendo incompleta ou limitada, inclúa reflexións sobre as responsabilidades sociais e éticas vinculadas á aplicación dos seus coñecementos e xuízos.
• CB9: Que os estudantes saiban comunicar as súas conclusións e os coñecementos e razóns últimas que as sustentan a públicos especializados e non especializados dun modo claro e sen ambigüidades.
• CB10: Que os estudantes posúan as habilidades de aprendizaxe que lles permitan continuar estudando dun modo que haberá de ser en gran medida autodirixido ou autónomo.
• CT1: Desenvolver firmes capacidades de razoamento, análise crítica e autocrítica, así como de argumentación e de síntese, en contextos especializados e multidisciplinares.
• CT2: Desenvolver destrezas avanzadas no manexo de Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), tanto para a obtención de información como para a difusión do coñecemento, nun ámbito científico/académico, tecnolóxico ou profesional especializado e multidisciplinar.
• CT3: Ser capaz de resolver problemas complexos en contornos novos mediante a aplicación integrada dos coñecementos.
• CT4: Desenvolver unha sólida capacidade de organización e planificación do estudo, asumindo a responsabilidade do seu propio desenvolvemento profesional, para a realización de traballos en equipo e de forma autónoma.
• CT5: Desenvolver capacidades para a aprendizaxe e a integración no traballo en equipos multidisciplinares, nos ámbitos científico/académico, tecnolóxico e profesional.
• CE1: Coñecer, identificar, modelar, estudar e resolver problemas complexos de estatística e investigación operativa, nun contexto científico, tecnolóxico ou profesional, xurdidos en aplicacións reais.
• CE2: Desenvolver autonomía para a resolución práctica de problemas complexos xurdidos en aplicacións reais e para a interpretación dos resultados de cara á axuda na toma de decisións.
• CE3: Adquirir coñecementos avanzados dos fundamentos teóricos subxacentes ás distintas metodoloxías da estatística e a investigación operativa, que permitan o seu desenvolvemento profesional especializado.
• CE4: Adquirir as destrezas necesarias no manexo teórico-práctico da teoría da probabilidade e as variables aleatorias que permitan o seu desenvolvemento profesional no ámbito científico/académico, tecnolóxico ou profesional especializado e multidisciplinar.
• CE5: Afondar nos coñecementos nos fundamentos teórico-prácticos especializados do modelado e estudo de distintos tipos de relacións de dependencia entre variables estatísticas.
• CE6: Adquirir coñecementos teórico-prácticos avanzados de distintas técnicas matemáticas, orientadas especificamente á axuda na toma de decisións, e desenvolver a capacidade de reflexión para avaliar e decidir entre distintas perspectivas en contextos complexos.
• CE7: Adquirir coñecementos teórico-prácticos avanzados de distintas técnicas de optimización matemática, tanto en contextos unipersoais como multipersoais, e saber aplicalos con autonomía suficiente nun contexto científico, tecnolóxico ou profesional.
• CE8: Adquirir coñecementos teórico-prácticos avanzados das técnicas destinadas á realización de inferencias e contrastes relativos a variables e parámetros dun modelo estatístico, e saber aplicalos con autonomía suficiente un contexto científico, tecnolóxico ou profesional.
• CE9: Coñecer e saber aplicar con autonomía en contextos científicos, tecnolóxicos ou profesionais, técnicas de aprendizaxe automático e técnicas de análise de datos de alta dimensión (big data).
• CE10: Adquirir coñecementos avanzados sobre metodoloxías para a obtención e o tratamento de datos desde distintas fontes, como enquisas, internet, ou contornos "na nube".
O alumnado pode realizar o TFM seguindo unha das dúas modalidades seguintes:
Modalidade A: Consiste no desenvolvemento dun traballo de carácter teórico ou aplicado. Nun traballo teórico, preténdese que cada estudante faga unha revisión crítica de algún traballo de investigación recente, comparando as distintas alternativas existentes ou, incluso, propoñendo novas alternativas. Os traballos de tipo aplicado consisten na análise, estudo e resolución de problemas con datos reais nos que se deben aplicar técnicas modernas da estatística ou a investigación operativa.
Modalidade B: Consiste na realización dun traballo dentro dunha empresa. Ten como obxectivo que cada estudante analice e estude problemas da área da estatística ou da investigación operativa nos que estean interesadas as empresas colaboradoras. O traballo realizado na empresa debe estar relacionado con algunhas das técnicas estatísticas ou da investigación operativa estudadas no Máster. Os TFM incluídos nesta modalidade requiren dunha persoa titora dentro da empresa, e deben estar avalados por unha titora ou titor académico que cumpra os requisitos mencionados na sección de profesorado. Tamén requiren a sinatura dun convenio universidade-empresa no que se reflicta, polo menos, o nome e dirección da empresa, o nome da persoa que titoriza e a súa relación coa empresa, a tarefa da alumna ou alumno na empresa e a cantidade de horas que dedicará, que non debería ser inferior a 225 horas. Este convenio pode ser substituído por un contrato de traballo (ou en prácticas) ou unha bolsa na empresa na que se realizará o TFM, aínda que a cantidade mínima de horas indicada anteriormente debe manterse.
Nesta materia haberá un seguimento continuado por parte das persoas que titorizan o traballo. Unha vez elaborada a memoria, corresponde ó/á alumno/a enviar o seu TFM seguindo o procedemento previsto na universidade na que estea matriculado/a. Ademais, deberá tamén enviar o seu TFM á coordinación do Máster e confirmar a correcta recepción deste. Este envío realizarase unicamente en formato electrónico, agás que haxa algunha outra indicación expresa por parte da Comisión de Título. O idioma utilizado neste traballo (e na súa defensa) debe ser galego, español ou inglés. O prazo para realizar esta entrega finaliza 2 semanas antes da data establecida para a defensa do TFM (agosto considérase inhábil para estes prazos).
A avaliación do traballo realizaraa unha comisión integrada por docentes do máster (o tribunal), que será nomeada pola propia Comisión de Título. O TFM debe ser defendido ante o tribunal, independentemente da modalidade do traballo. O alumnado será convocado con polo menos dez días de antelación para proceder á defensa dos TFM. Cada defensa de TFM constará dunha exposición dun máximo de 25 minutos. A continuación, realizarase unha quenda de preguntas por parte do tribunal, que deberán ser respondidas pola persoa que defende o traballo. O tempo total empregado nas quendas de preguntas e respostas non excederá os 20 minutos.
O tribunal, despois de deliberar, fará públicas as cualificacións, que se moverán nun rango de 0 a 10 puntos. Se a cualificación dun TFM non é inferior a 9 puntos, o tribunal pode outorgarlle unha Matrícula de Honra. No caso de que haxa varios tribunais de TFM, estes deberán coordinarse para decidir a asignación das Matrículas de Honra en cada convocatoria.
Debe notarse que, para os casos de realización fraudulenta do traballo, será de aplicación o recollido na “Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións”.
O tempo total que se debe dedicar a esta materia é de 375 horas. Este tempo inclúe, entre outros, o traballo autónomo de cada estudante e as titorías dedicadas á orientación e seguimento do TFM.
Dadas as peculiaridades desta materia, resulta imposible especificar unhas recomendacións xerais para o estudo válidas para todos os TFM que se van desenvolver.
RECURSOS PARA A APRENDIZAXE
De novo, dadas as peculiaridades desta materia, resulta imposible especificar uns recursos para a aprendizaxe xerais e válidos para todos os TFM que se van desenvolver.
O desenvolvemento dos contidos da materia realizarase tendo en conta que as competencias a adquirir polo alumnado deben cumprir co nivel MECES3. Os contidos que se inclúen nesta materia son novidosos e altamente especializados.
Será de aplicación as normativas e acordos aprobados pola Comisión de Título de MTE que, en xeral, figuran na seguinte páxina web: http://eamo.usc.es/pub/mte/index.php/es/normativas-y-acuerdos-mte
Para máis información pódese consultar a seguinte páxina: http://eamo.usc.es/pub/mte/index.php/es/trabajos-fin-de-master
Para os casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas, será de aplicación o recollido nas respectivas normativas das universidades participantes no Máster en Técnicas Estatísticas.
Esta guía e os criterios e metodoloxías nela descritos están suxeitos ás modificacións que se deriven de normativas e directrices das universidades participantes no Máster en Técnicas Estatísticas.