Ir o contido principal

Acreditación das titulacións

En marzo de 2022 a Rede Española de Axencias de Calidade Universitaria (REACU), á que pertence a ACSUG, estableceu o protocolo de avaliación para o seguimento e renovación da acreditación dos títulos universitarios oficiais de grao e mestrado.

As dimensións e criterios de avaliación para o seguimento e renovación da acreditación dos títulos oficiais establécense de acordo coa memoria do plan de estudos e cos criterios e directrices para a garantía da calidade no Espazo Europeo de Educación Superior (Standards and Guidelines for Quality Assurance in the European Higher Education Area, ESG).

A acreditación dos títulos universitarios oficiais está regulada no Real Decreto 822/2021, de 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e o procedemento de garantía da súa calidade. A consideración inicial de título acreditado alcánzase coa súa inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT).

Para os títulos acreditados, o dito Real Decreto establece:

  • Un procedemento de seguimento, polo que os centros universitarios deberán revisar anualmente o cumprimento do proxecto académico contido nos plans de estudos dos títulos oficiais que impartan.
  • Un procedemento de renovación da acreditación dos títulos oficiais, onde se comprobará periodicamente que o plan de estudos se leva a cabo segundo o seu proxecto inicial ou modificacións de seguimento posteriores.

As dimensións, criterios e directrices de avaliación para o seguimento e renovación da acreditación dos títulos oficiais son:

  1. Desenvolvemento e despregue do plan de estudos: o programa formativo implantouse de acordo coas condicións establecidas na memoria do plan de estudos verificada e, no seu caso, nas súas posteriores modificacións.
  2. Información e transparencia: a institución dispón de mecanismos para comunicar de xeito adecuado a todos os grupos de interese as características do programa e dos procesos que garanten a súa calidade.
  3. Garantía de calidade, revisión e mellora: a institución despregou, interiorizou e revisou o sistema de garantía da calidade identificado formalmente na memoria do plan de estudos verificada, coa que se asegura de forma eficaz a revisión e mellora continua da titulación.
  4. Persoal académico e de apoio á docencia: o persoal académico que imparte docencia, así como o persoal de apoio, é suficiente e adecuado, de acordo coas características do título, o número de estudantes e os compromisos de dotación incluídos na memoria do plan de estudos verificada e, no seu caso, nas súas posteriores modificacións.
  5. Recursos para a aprendizaxe: os recursos materiais, infraestruturas e os servizos de apoio postos a disposición do desenvolvemento do título son adecuados en función da natureza, modalidade do título, alumnado matriculado e os resultados de aprendizaxe previstos, conforme aos compromisos de dotación incluídos na memoria do plan de estudos verificada e, no seu caso, nas súas posteriores modificacións.
  6. Resultados da aprendizaxe: os resultados da aprendizaxe acadados polas persoas tituladas axústanse aos previstos no plan de estudos, en coherencia co perfil de egreso, e correspóndense co nivel MECES da titulación.
  7. Satisfacción e egreso: a satisfacción dos axentes implicados e a traxectoria das persoas egresadas do programa formativo son congruentes cos obxectos formativos e do perfil de egreso e satisfán as demandas sociais da súa contorna.
Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.04.2023.