Ir o contido principal

Xornada de traballo e flexibilidade horaria

O referido á xornada de traballo e flexibilidade horaria é de aplicación ao Persoal de Administración e Servizos.

Así mesmo, a xornada de 35 horas é aplicable ao persoal contratado con recursos correspondentes a actividades de I+D, convenios, programas e estudos propios.

As xornadas de traballo na Universidade de Santiago son as seguintes:

Xornada ordinaria continuada de traballo

Será de 35 horas semanais e realizarase, con carácter xeral, de luns a venres en horario de 8:00 a 15:00 horas, na quenda de mañá e de 15:00 a 22:00 na quenda de tarde.

Os centros, con carácter xeral, permanecerán abertos de 8:00 a 22:00 horas, agás que as necesidades do servizo precisen doutros horarios.

Xornada diaria partida

De luns a venres, ata completar un total de 35 horas semanais. No período de xornada reducida este persoal deberá realizar unha xornada de 30 horas en cómputo semanal que, en atención á diversidade de horarios nos que desenvolve a súa xornada, deberá concretarse co responsable do servizo ou actividade de que se trate.

Xornada irregular

De 35 horas semanais en cómputo mensual, non axustada a quenda. No período de xornada reducida este persoal deberá realizar unha xornada de 30 horas en cómputo semanal, non axustada a quenda.

Outras xornadas

O resto das xornadas establecidas na Universidade adaptaranse ao cumprimento das 35 horas coas especificidades que en cada caso procedan, negociado cos órganos correspondentes e previa autorización da Xerencia:

  • Xornada nocturna
  • Xornada dos traballadores da Escola Infantil
  • Xornada para os traballadores/as do Centro de Linguas Modernas
  • Xornada especial realizada en sábados, domingos e festivos

Con carácter xeral nos meses de xuño, xullo e agosto, así como durante a Semana Santa e o período de Nadal que se estableza no calendario de cada ano, a xornada semanal será de 30 horas de traballo e desenvolverase para o persoal en quenda de mañá nun horario de 9:00 a 15:00 horas e para o persoal en quenda de tarde de 15:00 a 21:00 horas. Os centros docentes e as bibliotecas permanecerán abertos de 9:00 a 21:00 horas.

A redución horaria dos traballadores a tempo parcial será proporcional ao número de horas que represente o seu contrato de traballo.

A xornada en cómputo anual contemplará 1 hora semanal de formación obrigatoria en horario de traballo, que poderá acumularse ata completar 40 horas de formación en cómputo anual. No caso de non poder realizar esa formación por causas xustificadas, deberán acreditarse como horas de traballo efectivo.

Pausa na xornada continuada de traballo

Durante a xornada continuada de traballo poderase gozar dunha pausa por un período de 30 minutos que se computará como de traballo efectivo. Esta interrupción non afectará á prestación dos servizos e, con carácter xeral, efectuarase entre as 10:00 horas e as 12:30 horas para o persoal da quenda de mañá e entre as 17 horas e as 19:30 horas para o persoal da quenda de tarde.

Interrupción na xornada de traballo

Aquel persoal que realice outras modalidades de xornada de traballo, das recollidas no artigo 43 do convenio colectivo para o persoal laboral de administración e servizos, de forma continuada, no período comprendido entre as 10:00 horas e as 19:00 horas poderá interromper cando menos unha hora a súa xornada.

Todo o persoal de administración e servizos da Universidade debe rexistrar as entradas e saídas de principio e fin da xornada no seu terminal informático de uso habitual. Para os supostos nos que o persoal non dispoña dun terminal informático, habilitaranse os medios necesarios para realizar a fichaxe.

O persoal debe permanecer no seu posto de traballo a totalidade da súa xornada, agás os seguintes casos:

  • Pausa de descanso, regulada no apartado anterior e excluída da obriga de fichar.
  • As ausencias que non supoñan o desempeño ordinario do posto de traballo deberán ser comunicadas previamente á persoa responsable da unidade administrativa. O/A traballador/a rexistrará, e xustificará se é o caso, con carácter previo na plataforma Évalos as ausencias correspondentes a actividades programadas que teñan unha duración coñecida ou con posterioridade cando non se coñeza a duración ou se trate dunha causa de forza maior.

Xornada continuada de traballo

Poderán acollerse a esta modalidade de horario flexible o persoal que teña establecida unha xornada continuada de traballo, sempre e cando se cumpran as horas de traballo aplicables en cómputo mensual, se garanta a apertura dos centros nos horarios establecidos e a adecuada prestación do servizo.

  • Parte fixa: 5 horas de 9:00 a 14:00 horas en quenda de mañá e de 16:00 a 21:00 horas en quenda de tarde.
  • Parte flexible: 
    • Para a quenda de mañá, as horas restantes ata completar a xornada realizaranse en horario de 7:30 a 9:00 horas e de 14:00 a 18:30 de luns a venres. Este horario poderá ser superior ás 18:30 sempre que o centro ou edificio permaneza aberto por ter un horario habitual que así o estableza.
    • Para a quenda de tarde, as horas restantes ata completar a xornada realizaranse en horario de 11:30 a 16:00 ou de 21:00 a 22:00 horas de luns a venres. Este horario poderá iniciarse antes das 11:30 sempre que o centro ou edificio estea aberto por ter un horario habitual que así o estableza.

Para a recuperación das horas na parte flexible da xornada, non se poderá exceder da xornada máxima legal permitida.

Durante a xornada reducida de verán, Semana Santa e Nadal, a parte de xornada flexible poderá comezar ás 8.30, sempre e cando non implique a apertura do centro antes do seu horario establecido e as persoas traballadoras podan acceder ao edificio. O resto da xornada flexible recuperarase nos mesmos termos que os establecidos para a xornada ordinaria, respectando o horario de apertura e peche dos centros.

Os permisos por asuntos particulares descontarán un máximo de 7 horas das recuperables.

Excepcionalmente poderanse realizar horarios distintos aos propostos nos parágrafos anteriores, en función das necesidades do servizo, por proposta do persoal de administración e servizos afectado, co visto e prace do responsable da unidade organizativa e aprobado pola Xerencia.

O persoal acollido a esta modalidade poderá compensar os eventuais incumprimentos do cómputo mensual de horas da parte flexible do seu horario dentro da parte flexible do horario do mes natural seguinte en que se producisen. Para isto terá que tramitar unha solicitude de "compensación de incumprimento do horario".

Outras xornadas

Para os colectivos que teñan outras xornadas de traballo distintas ás sinaladas máis arriba, poderanse establecer horarios adaptados para poder acceder á flexibilidade horaria, en función das necesidades do servizo, por proposta do persoal de administración e servizos afectado, co visto e prace do responsable da unidade organizativa e aprobado pola Xerencia. Para este persoal, contemplarase a recuperación de eventuais incumprimentos da xornada.

Unidades con atención ao público

As oficinas onde se atenda aos usuarios terán un horario xeral de apertura ao público de 9:00 a 14:00 horas, de luns a venres. Naquelas unidades que a Xerencia determine, se hai persoal acollido a flexibilidade horaria, poderá establecerse un horario adicional de apertura ao público que permita organizar a prestación do servizo nun horario de tarde estable, en atención aos membros da comunidade universitaria que realizan a súa actividade nesa franxa horaria, especialmente ao alumnado.

O resto das horas a compensar polo persoal realizaranse os días restantes de 7:30 a 9:00 ou de 14:00 a 18:30 horas, agás que o centro ou edificio permaneza aberto máis tempo por ter un horario establecido que sexa superior.

O horario será proposto pola unidade administrativa de que se trate e deberá ser autorizado pola Xerencia.

Procedemento para a autorización da flexibilidade

A flexibilidade horaria concederase mediante solicitude da persoa traballadora e terá como requisito o informe favorable do responsable da unidade administrativa de que se trate, onde se faga constar que se garante a adecuada prestación do servizo e se observen as seguintes cuestións:

  • Que se fomente o uso eficiente das infraestruturas
  • Que non implique servizos que non se estiveran prestando antes da concesión
  • Que se asegure a prestación de servizos ligados aos horarios de atención ao público, as funcións de apertura e peche de edificios ou instalacións, traballos de mantemento e a actividade docente ou investigadora

Excepcionalmente poderá denegarse por necesidades do servizo ou polas funcións realizadas polo traballador que o solicite.

A prestación do servizo en horario flexible poderá ser suspendida temporalmente cando necesidades do servizo debidamente motivadas así o xustifiquen, previa autorización da Xerencia.

Os/as empregados/as con fillos/as ou acollidos menores de idade ao seu cargo ou con familiares ata segundo grao que, por enfermidade ou avanzada idade, necesiten a asistencia doutras persoas poderán solicitar a flexibilidade horaria.

Os homes e as mulleres que se encontren en proceso de nulidade, separación ou divorcio terán idéntico dereito, desde a interposición da demanda xudicial ou, por decisión da persoa interesada, desde a solicitude de medidas provisionais previas, ata transcorridos tres meses desde a citada demanda ou, de ser o caso, desde a citada solicitude.

Dentro das 7.30 e as 20.00/22.00 horas, dependendo da quenda de traballo asignada e do horario de apertura do centro de traballo, fixarase en cada caso por pedimento da persoa interesada e con informe da persoa responsable da unidade administrativa á que pertenza, un horario diario de referencia dentro da marxe sinalada, na forma máis ampla posible que permitan as necesidades do servizo. Este horario poderá solicitarse de forma continua ou descontinua, sempre e cando se inclúa na marxe sinalada, así como de forma individualizada para cada día da semana.

Dentro do horario diario de referencia fixado, a persoa interesada poderá cumprir a súa xornada de traballo con absoluta liberdade, sempre e cando resulten cumpridas todas as horas de traballo aplicables en cómputo mensual.

Non obstante, e debido a que a concesión desta flexibilidade por conciliación se encontra legalmente subordinada ás necesidades do servizo, as cales deberán estar claramente identificadas, motivadas e xustificadas, cando non se poida atender a petición do traballador ou traballadora en canto ao horario de referencia solicitado por ter que estar asegurada a súa presenza no seu posto de traballo nunhas horas diarias determinadas, antes de denegar a súa solicitude de conciliación poderase realizar un trámite de modificación ou mellora voluntaria da súa solicitude de acordo co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Neste sentido, poráselle de manifesto ao traballador ou traballadora as horas en que se require a súa presenza diaria, intentando na medida do posible compatibilizar as necesidades do servizo coa súa petición. No caso de que acepte a proposta de horario diario de presenza realizada pola Administración, deixará constancia por escrito e concederase a conciliación solicitada, recollendo na resolución de concesión da flexibilidade por conciliación tanto o horario diario de referencia como as concretas condicións de presenza obrigatoria establecidas.

Esta modalidade será incompatible coa flexibilidade horaria establecida no apartado anterior.

O persoal con horario laboral flexible por conciliación familiar e laboral poderá compensar os eventuais incumprimentos da xornada laboral en cómputo mensual no mes seguinte a aquel en que se producisen. Para isto terá que tramitar unha solicitude de "compensación de incumprimento do horario".

Por motivos de conciliación debidamente motivados (período de adaptación escolar, horarios de campamentos de verán etc.), poderá autorizarse o fraccionamento dun día de asuntos propios en 7 horas para poder facer uso delas separadamente e compensar ausencias na parte flexible da xornada.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.09.2024.