O Rexistro do CIARCUS ofrece unha listaxe de persoas mediadoras circunscrita a cada un dos ámbitos de actuación da mediación. Desta lista, as partes poderán elixir de común acordo un ou unha mediadora, que será designada atendendo ás circunstancias, idoneidade e dispoñibilidade daquel ou daquela.
No caso de que as partes non adoptasen acordo ao respecto, será a Institución a que designe ás persoas mediadoras, seguindo para isto un sistema de quenda correlativa. Isto non é óbice para que a excepcionalidade de determinados supostos requira a pericia dun mediador ou mediadora determinada —dada a súa formación e cualificación—. Tal nomeamento producirase, en todo caso, seguindo criterios de obxectividade e transparencia.
Para a súa inscrición no Rexistro, as e os mediadores deberán cumprir os seguintes requisitos:
- Atoparse no pleno exercicio dos seus dereitos civís.
- Contar con formación específica de, polo menos, 500 horas para exercer a mediación, adquirida mediante a realización dun ou varios cursos impartidos por institucións debidamente acreditadas.
- Subscribir un seguro ou garantía equivalente que cubra a responsabilidade civil derivada da súa actuación nos conflitos nos que interveña.
- Acreditar ter satisfeito o importe estabelecido para a xestión da súa incorporación ao Rexistro.
- Asumir o compromiso de formación continuada na forma na que foi estabelecida polo Consello de Centro, dando cumprimento, en calquera caso, aos requisitos mínimos estabelecidos ao efecto pola lexislación vixente.