Ir o contido principal

Obxectivos e fins do ICE

O Instituto de Ciencias da Educación, consonte ao establecido no seu Regulamento de Réxime Interno, aprobado polo Consello de Goberno da USC na súa sesión do día vinte e sete de maio de dous mil dez, constitúese en Instituto propio da Universidade de Santiago de Compostela como un centro de investigación, formación, asesoramento, especialización, aplicación e divulgación no eido educativo.

Fins do ICE

Son fins do ICE:

  1. Promover, impulsar e desenvolver a investigación en Ciencias da Educación con especial atención á realidade educativa en Galicia.
  2. Realizar actividades formativas relacionadas coa innovación e investigación educativa, tarefas de avaliación, cursos monográficos ou de especialización ou posgrao, impartir conferencias e organizar seminarios, congresos, xornadas, premios etc. dentro do marco xeral das accións formativas e investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela.
  3. Publicar e difundir os resultados das investigacións realizadas, e publicar traballos de divulgación.
  4. Prestar asesoramento técnico no marco das súas competencias.

O persoal científico do Instituto está integrado por membros do PDI da Universidade de Santiago de Compostela que realizan investigación nos variados ámbitos da educación, persoal investigador contratado especificamente para programas de investigación, e persoal en período de formación investigadora. Poden pertencer tamén ao persoal científico do ICE, en calidade de investigadores/as colaboradores, membros doutras Universidades ou persoas alleas á comunidade universitaria que, sen vinculación contractual, colaboren asiduamente nalgún proxecto ou programa do Instituto.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.10.2024.