A implantación desta Norma foi necesaria debido a que no ámbito forense existe unha esixencia legal para aqueles laboratorios que realizan traballos en criminalista e que introduzan perfís xenéticos nas bases de datos da policía, recollida na Lei Orgánica 10/2007, do 8 de outubro, reguladora da base de datos policial sobre identificadores obtidos a partir do ADN. Esta Lei Orgánica establece que “só poderán realizar análise do ADN para identificación xenética nos casos contemplados nesta Lei os laboratorios acreditados a tal fin pola Comisión Nacional para o uso forense do ADN que superen os controis periódicos de calidade a que deban someterse”.
Un dos requisitos desta Norma fai referencia á validación dos métodos de ensaio acreditados. Este proceso de validación engloba tanto a calibración dos nosos equipos con estándares recoñecidos, a demostración do correcto uso e funcionamento dos métodos de ensaio, e a cualificación do persoal para a realización destes procedementos.
O servizo de Xenética Forense do Instituto de Ciencias Forenses da Universidade de Santiago de Compostela é o primeiro e, ata a data, o único laboratorio da Comunidade Autónoma de Galicia, que está acreditado pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) para a realización de ensaios relacionados con “Determinación de identificadores de ADN en fluídos e tecidos humanos”.
Todos os servizos ofrecidos polo noso laboratorio teñen as máximas garantías de Calidade, e ademais os servizos definidos no “Alcance de Acreditación” cumpren con todos os requisitos técnicos e metodolóxicos necesarios para conseguir a acreditación do laboratorio mediante a Norma UNE-EN ISO/IEC 17025, para as probas de Xenética Forense.
É ademais o único laboratorio de referencia que colabora coa Consellería de Presidencia para a realización de probas biolóxicas de parentesco.
Os nosos profesionais son membros das principais sociedades e foros internacionais como a International Society for Forensic Genetics (ISFG, Sociedade Internacional de Xenética Forense) e do Grupo de Fala Española e Portuguesa da (GHEP-ISFG). Anualmente participamos nos exercicios inter-laboratorio de control de calidade organizados polo GHEP-ISFG.
Os nosos ensaios, procedementos e instalacións foron adaptados segundo as recomendacións internacionais da ISFG, EDNAP (European DNA Profiling group), ENFSI (European Network of Forensic Science Institutes) e SWGDAM (Scientific Working Group on DNA Analysis Methods).
A acreditación é a ferramenta establecida a escala internacional para xerar confianza sobre a correcta execución das actividades dos Laboratorios de ensaio, entre outros... A acreditación permite diferenciar aqueles organismos que teñen demostrado dispoñer da competencia técnica necesaria para realizalas y que ofrecen fiabilidade no seus resultados dos que non o teñen demostrado. (Fonte: ENAC)
Os requisitos técnicos e de xestión esenciais para a obtención da acreditación segundo a Norma ISO/ IEC 17025 son os seguintes:
- Persoal cualificado
- Métodos e procedementos apropiados e validados
- Evaluación da calidade
- Trazabilidade das medicións e calibracións
- Mantemento da cadea de custodia
- Confidencialidade do proceso
- Transparencia
- Instalacións adecuadas e equipamento controlado
A garantía técnica que supón a acreditación dos laboratorios, así como a participación periódica nos controis oficiais de calidade, é unha esixencia establecida na Lei Orgánica 10/2007, do 8 de outubro (Reguladora da base de datos policial sobre identificadores obtidos a partir do ADN) para contrastar perfís xenéticos na investigación e persecución de delitos e a identificación de cadáveres ou investigación de persoas desaparecidas.
Desde o ano 2012, o servizo de Xenética Forense do noso Instituto está en posesión do certificado que anualmente emite a Comisión Nacional para o Uso Forense do ADN (CNUFADN).
O Ordenamento Xurídico Español outorga á proba de investigación biolóxica da paternidade o carácter de proba pericial.
O estrito cumprimento da cadea de custodia das mostras, os requisitos éticos da nosa entidade e a fiabilidade dos informes emitidos polo servizo de Xenética Forense do INCIFOR fai que poidan utilizarse como probas periciais con pleno valor probatorio ante os Tribunais.
Os nosos profesionais contan cunha ampla experiencia como peritos e asisten moi frecuentemente aos Tribunais de Xustiza.
A Dirección do Instituto quere comprometerse co sistema de calidade nos seguintes aspectos:
- Cumprir os requisitos das normas ISO/IEC 17025.
- Cumprir os requisitos legais e outros requisitos aplicables.
- Conseguir a máxima calidade dos nosos ensaios asegurando que se realizan segundo unhas boas prácticas profesionais, conforme ás especificacións do cliente e baixo un rigoroso control de calidade que garanta a súa fiabilidade.
- Promover a adquisición dos recursos materiais e humanos que sexan necesarios para o desenvolvemento da nosa política de calidade.
- Manter e mellorar continuamente o sistema de calidade de forma que se utilice como unha ferramenta útil e eficaz para a nosa xestión.
- Mellorar continuamente o servizo prestado aos nosos clientes.
- Traballar ao máis alto nivel de calidade nos nosos ensaios.
- Asegurar a formación continua do persoal do laboratorio.
- Asegurar a ausencia de Conflitos de Interese e a imparcialidade do persoal do laboratorio.
- Ampliar o alcance da acreditación e traballar na implantación de novos métodos de ensaio para dar un servizo técnico adecuado á demanda da sociedade.