A mostra bibliográfica "8 libros, 8 mulleres que cambiaron o mundo" segue o seu percorrido polas diferentes bibliotecas da USC. Dende o 15 de xaneiro poderase visitar na biblioteca das Facultades de Psicoloxía e Ciencias da Educación (Campus Vida), onde permanecerá ata o día 29 de xaneiro.

Organizada pola Biblioteca Universitaria, a mostra presenta unha selección de obras escritas por mulleres que mudaron o mundo con palabras, obras senlleiras da ecoloxía, a literatura ou a política escrita por mulleres; ten carácter itinerante e xa se puido ver na biblioteca da Facultade de Filoloxía, Económicas ou Concepción Arenal. A idea orixinal da exposición correspondelle á Federación Española de Asociaciones de Profesionales de los Archivos, las Bibliotecas, los Centros de Documentación, de Información y de Interpretación, los Museos y los Yacimientos Arqueológicos (ANABAD), e o deseño é de Pedro Quílez. Tratase dunha mostra que está presente noutras bibliotecas do estado. No caso da USC, fíxose a tradución ao galego e escolléronse as versións na nosa lingua para aquelas obras que contaban cunha edición en galego.
A mostra consta de nove paneis: un introdutorio e oito máis dedicados a unha muller e a súa obra, cun breve fragmento desta. As obras recollidas nos paneis son: Frankenstein ou o moderno Prometeo (1818), de Mary Shelley; A cabana do tío Tom (1851) de Harriet Beecher Stowe; Abaixo as armas (1889) de Bertha Von Suttner; O voto feminino e mais eu (1936) de Clara Campoamor; Matar un reiseñor (1960) de Harper Lee; Primavera silenciosa (1962) de Rachel Carson; Eichmann en Xerusalén (1963) de Hanna Arendt e A mística da feminidade (1963) de Betty Friedan.