A Biblioteca de Psicoloxía e Ciencias da Educación súmase neste día de celebración, expoñendo unha pequena escolma de manuais dos ciclos do ensino galego dos anos comprendidos entre a aprobación da Lei Xeral de Educación (1970) e a Lei de Normalización Lingüística (1983).

No Día das Letras Galegas, enchemos as nosas mochilas con textos escolares de lingua galega. A Biblioteca de Psicoloxía organiza unha mostra bibliográfica con distintos manuais dos ciclos do ensino galego dos anos comprendidos entre a aprobación da Lei Xeral de Educación (1970) e a Lei de Normalización Lingüística (1983). Estes fitos lexislativos enmarcan un tempo de tímida pero firme evolución dun movemento social, político e cultural de diversos colectivos e institucións galegas, en prol da inserción da nosa lingua no ensino regrado tanto no que se refire ao currículo como no seu uso vehicular nas aulas.
Destacamos a serie de 3 números de Galego, do Instituto da Lingua Galega editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago, que cumprindo cun dos cometidos iniciais daquela institución, publicou este manual dirixido á formación do profesorado na competencia lingüística. Engadimos tamén a serie Lúa Nova, editada por Anaya, a primeira que abrangueu todos os cursos do ciclo inicial da EXB. E Textos para o ensino do Galego, de Edicións do Rueiro (1976), unha escolma de fragmentos da literatura galega adaptados aos niveis da EXB para apoio dos ensinantes e do público en xeral.
Inclúense ademais, algúns títulos de métodos de lectura e escritura, adaptados ao galego doutras edicións foráneas anteriores, como un exemplar da 1ª. edición galega de O castelo de irás e non tornarás, adaptación da 1ª. edición catalá de Casals; o método fotosilábico Volvoreta, do Sistema Paláu, e Enredos, adaptación do método Paulo Freire realizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega.