Ir o contido principal

A BUSC incorpora a Minerva a colección dixitalizada de manuscritos de Marcial Valladares

Manuscrito 'Nuevo suplemento al Diccionario Gallego-Castellano' do fondo documental Valladares Núñez
Manuscrito 'Nuevo suplemento al Diccionario Gallego-Castellano' do fondo documental Valladares Núñez
A Biblioteca Universitaria engadiu ao repositorio institucional da USC cincuenta manuscritos do fondo documental do escritor e lexicógrafo, no que atopamos un suplemento ao 'Diccionario Gallego-Castellano' de 1884, escritos biográficos e diversas composicións poéticas
Santiago de Compostela

A Biblioteca Universitaria (BUSC) acaba de incorporar ao repositorio Minerva da USC unha colección de cincuenta manuscritos que forman parte do fondo documental Valladares Núñez, que recentemente foi depositado nas súas instalacións. Neste conxunto de documentos atópase un anexo ao Diccionario Gallego-Castellano (1884) datado en 1896, titulado Nuevo suplemento al Diccionario gallego-castellano, realizado con achegas de Manuel Leiras Pulpeiro, segundo indica o propio autor. 

No apartado de poesía, destacan os manuscritos titulados Juguetes poéticos, Enredos poéticos e A Ulla, xunto a álbumes misceláneos con escritos en verso e prosa.  Entre estes últimos inclúense un manuscrito con memorias escolares do autor estradense, un documento con aforismos e o Catálogo de árboles del Ulla.

Se ben os traballos de Marcial Valladares arredor da lingua ou das cántigas son ben coñecidos, non o é tanto o catálogo de árbores dos xardíns da Ulla, datado en 1879, onde atopamos datos interesantes como unha listaxe de 22 variedades de eucalipto das 60 que naquela época se coñecían, como indica o autor. Ademais cita a presenza nos xardíns ulláns de árbores coma metrosideros de Australia, cedros de Goa (India) do Atlas (norte de África) e ata do Himalaia ou moreiras da China.

Tamén podemos atopar nesta colección manuscritos doutros autores, como Luisa, Avelina e Sergio Valladares, irmáns do escritor, e do seu sobriño, Laurentino Espinosa.  Forma parte tamén do fondo unha carta envíada polo escritor e xornalista Antonio Neira de Mosquera e dirixida "a las simpáticas señoritas de Valladares". 

Biografía
Marcial Valladares Núñez  (Berres, A Estrada, 1821-1903) foi un erudito, lexicógrafo, xornalista e literato ao que se lle dedicou en 1970 o Día das Letras Galegas. Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, colaborou en numerosos xornais, de Galicia e da emigración, e coma poeta publicou diversas obras, entre as que destaca Soidades. Coma lexicógrafo publica Diccionario Gallego- Castellano (1884). Destaca tamén como novelista, sobre todo coa publicación da obra Maxina ou a filla espúrea (1880), considerada a primeira novela moderna en lingua galega. 

Páxina con detalle da sinatura do autor
Páxina con detalle da sinatura do autor
Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.11.2023.