Ir o contido principal

A BUSC publica unha guía web sobre Fernández del Riego co motivo da celebración do Día das Letras Galegas

Ilustración: Cata Méndez
Ilustración: Cata Méndez
Neste recurso informativo pódense consultar todas as referencias bibliográficas dos artigos, colaboracións, entrevistas, libros e traducións de Fernández del Riego presentes na colección da Biblioteca Universitaria, así como das obras nas que diversos autores analizan a figura do escritor.
Lugo, Santiago de Compostela

A Biblioteca Universitaria vén de recopilar nunha guía toda a información bibliográfica coa que conta este servizo sobre a figura de Francisco Fernández del Riego, así como os datos máis salientables da biografía do autor ao que este ano se lle rende homenaxe. A guía conta tamén cun blog no que se repasan aspectos menos coñecidos do fundador de Galaxia, entre eles, as lecturas que o emocionaron e o achegaron ao mundo das letras sendo un neno.

Na bibliografía podemos atopar máis dun cento de referencias de artigos publicados polo autor en revistas como Grial ou en xornais como A Fouce e A Nosa Terra. Tamén se atopan as monografías publicadas por Del Riego e que forman parte da colección da Biblioteca Universitaria, estando integradas, na súa maioría, no Fondo Galicia que atesoura a Biblioteca Xeral.

Entre a produción do escritor galeguista destaca tamén unha abundante colección de entrevistas a numerosos persoeiros da cultura galega. Otero Pedrayo, López Cuevillas, Maside e Lugrís son algúns dos nomes cos que Del Riego mantivo conversas.

No tocante á figura de Fernández del Riego como obxecto de estudo, a bibliografía está constituída por monografías e artigos nos que diversos autores analizan a traxectoria do intelectual lugués e a súa pegada no ámbito político, cultural e literario.

Se queres descargar a guía en PDF podes facelo premendo aquí. Tamén podes achegarte a figura de Fernández del Riego dende unha perspectiva diferente a través do blog.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.05.2023.