EnfrascArte na Educación: Manifesto colectivo

EnfrascArte na Educación: Manifesto colectivo é unha instalación artística realizada por estudantes da materia Educación Visual e Plástica II: Procesos e proxectos artísticos (3º grao en Mestre/a de Educación Primaria, quenda da mañá) e coordinado pola docente Cristina Trigo Martínez, que se centra na escolla dun tema relacionado coa educación. A proposta consiste en crear un autorretrato “enfrascado” incluindo obxectos ou elementos que representen o concepto elixido. A exposición poderá visitarse ata o 7 de marzo na biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte.
O feito de “enfrascarse” en algo supón aplicarse con tanta intensidade que non quede atención para outra cousa e, ao tempo, como quen cociña algo que quere conservar e compartir; os tarros de vidro mostran elementos ou obxectos cos que se “cociñan” esas ideas.
Diversidade, inclusión, respecto, calma, tempo, traballo conxunto, descubrimento, curiosidade, desfrute, coherencia, compromiso social, responsabilidade tecnolóxica ou medioambiental… son algúns dos temas que saen neste manifesto colectivo pola educación.