Ir o contido principal

‘Mergullámonos en Minerva' abordará a ciencia aberta desde a perspectiva de xénero

Cartaz da xornada 'Mergullámonos en Minerva'
Cartaz da xornada 'Mergullámonos en Minerva'
A xornada, organizada pola Biblioteca Universitaria (BUSC) e a Oficina de Igualdade de Xénero (OIX), contará cun obradoiro de autoarquivo no repositorio institucional Minerva onde os participantes coñecerán as funcionalidades desta ferramenta de acceso aberto
Santiago de Compostela

A importancia da comunicación científica en acceso aberto desde unha perspectiva de xénero será o fío condutor de "Mergullámonos en Minerva", unha xornada organizada pola Biblioteca Universitaria da USC (BUSC) e a Oficina de Igualdade de Xénero (OIX). Esta actividade, que terá lugar o día 19 de outubro na Biblioteca Concepción Arenal ás 10 horas, enmárcase dentro das actividades da Semana do Acceso Aberto, que se celebrará do 23 ao 29 de outubro, e que xirará arredor do tema do control comunitario dos sistemas de intercambio de coñecementos.

A actividade require inscrición previa que se poderá  realizar ata o 12 de outubro mediante  formulario eléctronico

A Delegada do Reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro, e a Directora da Biblioteca Universitaria, Mabela Casal Reyes, serán as encargadas de abrir o acto, que continuará coa intervención sobre ciencia e perspectiva de xénero da directora do CIFEX, Teresa Moure. O seguinte relatorio correrá a cargo de Lorena Gómez e Conchi Méndez, persoal técnico da BUSC, e terá como obxectivo dar a coñecer os distintos servizos  que oferta  a Biblioteca Universitaria no tocante a comunicación científica en acceso aberto. 

A continuación, levarase a cabo un obradoiro de autoarquivo no repositorio institucional da USC Minerva, que alberga a produción científica da universidade en acceso aberto, dando a coñecer ás investigadoras as distintas funcionalidades desta ferramenta e as ventaxes de publicar nos repositorios. 

Podes consultar a web da Semana da Ciencia Aberta  aquí. Tamén podes atopar máis información  nas guías da BUSC sobre  Minerva e os Acordos Transformativos

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.10.2023.