Ir o contido principal

Unha recompilación e unha mostra bibliográfica conmemoran os 30 anos de Ciencias Políticas e Sociais

A mostra bibliográfica, situada na Sala de Descanso da Biblioteca, recolle os libros máis prestados e unha escolla dos artigos máis relevantes publicados entre 1991 e 2021. FOTO: Santi Alvite
A mostra bibliográfica, situada na Sala de Descanso da Biblioteca, recolle os libros máis prestados e unha escolla dos artigos máis relevantes publicados entre 1991 e 2021. FOTO: Santi Alvite
O aniversario serve de marco para estas iniciativas impulsadas pola Biblioteca Concepción Arenal que renden homenaxe ao persoal que contribuíu “co seu esforzo e dedicación á creación de coñecemento no eido desta rama científica”
Santiago de Compostela

Co gallo da celebración dos 30 anos da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais (1991-2021), a Biblioteca Concepción Arenal da USC quere render homenaxe ao persoal docente e investigador (PDI) que contribuíu “co seu esforzo e dedicación á creación de coñecemento no eido desta rama científica, así como á adquisición das competencias transversais e específicas do estudantado, capacitándoo para desenvolverse na sociedade como cidadáns activos e preparados ante o cambiante mercado laboral”. Este é o eixo sobre o que se asenta a edición dunha recompilación bibliográfica coa produción científica do centro e unha mostra tamén bibliográfica que recolle a historia da Facultade e que foi inaugurada este martes 26 polo reitor Antonio López.

A mostra bibliográfica, situada na Sala de Descanso da Biblioteca, recolle os libros máis prestados e unha escolla dos artigos máis relevantes publicados entre 1991 e 2021 polo PDI pertencente, maioritariamente, ao Departamento de Ciencia Política e Socioloxía.  Entre os exemplares expostos, inclúese o volume impreso 30 anos da Facultade de Políticas e Sociais: 1991-2021: recompilación bibliográfica, unha edición especial elaborada polo persoal da Biblioteca Concepción Arenal que recolle a produción bibliográfica do PDI entre 1991 e 2021 e que tamén pode ser consultado no repositorio Minerva da USC.

Ademais do reitor, interviñeron no acto inaugural o decano da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais, Ramón Bouzas; a directora da Biblioteca Universitaria, Mabela Casal; o director da Biblioteca Concepción Arenal, José Rodríguez; o seu anterior director, Francisco Méndez; e a secretaria do Departamento de Ciencia Política e Socioloxía, Isabel Diz. 

Recompilación

Para a elaboración da recompilación bibliográfica o persoal da biblioteca localizou os títulos que constan tanto no catálogo da institución, como no Portal da investigación da USC e nas principais bases de datos e buscadores científicos como é o caso de Dialnet, Web of Science, Scopus e Google Académico.

Nun segundo paso, procedeuse á eliminación das duplicidades mediante a ferramenta de xestión de referencias bibliográficas Refworks, e refundiuse nunha soa referencia bibliográfica as posibles variantes dun mesmo título, “obtendo como resultado unha exhaustiva cronoloxía de publicacións que, agardamos, resulte de utilidade para coñecer mellor a achega do PDI desta Facultade á sociedade”, explican dende a Biblioteca Concepción Arenal.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.09.2023.