Santiago de Compostela
Aula 0.2 e Salón Artesoado do Colexio de Fonseca
A nova edición do programa Faíscas Culturais é unha reflexión sobre como as nosas relacións afectivas, tanto políticas como persoais, están transformándose coa aparición dos medios dixitais

O estudantado da materia Política e Comunicación do grao en Ciencia Política e da Administración realizará o 12 de decembro, ás 11.00 horas no Salón Artesoado do Colexio de Fonseca, unha visita á exposición Afectos Dixitais guiada polo seu comisariado. Xa o 19 de decembro, en quendas de 10.00 a 11.00 e de 17.00 a 18.00 horas na aula 0.2 da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais, debaterán sobre as consecuencias da desinformación e as fake news sobre a democracia e construirán propostas para a alfabetización dixital e así evitar a degradación da calidade democrática do sistema político. A alfabetización dixital é a habilidade para localizar, analizar e avaliar correctamente a información empregando as tecnoloxías.
A entrada é aberta para toda a comunidade universitaria.
O programa Faíscas Culturais é unha iniciativa da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura que ten como obxectivo prender a reflexión cultural nas aulas da USC e complementar a formación do estudantado a través de intervencións e actividades de carácter cultural. Baixo o título 'i-Emotions: Afectos Dixitais', esta edición do programa é unha reflexión en torno á exposición 'Afectos Dixitais' sobre como as relacións afectivas, tanto políticas como persoais, están transformándose coa aparición dos medios dixitais.
