Ir o contido principal

Inauguración da exposición ‘8 mulleres galegas que moveron os marcos’

04.03.2025 | 11.00h

Claustro Alto

As mostras estarán no claustro alto do Colexio de Fonseca
As mostras estarán no claustro alto do Colexio de Fonseca

Oito galegas pioneiras en diversos ámbitos protagonizan a mostra coa que a Biblioteca Universitaria celebra este ano o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. A exposición inauguraraa o martes 4 ás 11.00 horas no Claustro Alto do Colexio de Fonseca o reitor Antonio López, que estará acompañado pola vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e pola directora da Biblioteca Universitaria, Mabela Casal.

8 mulleres galegas que moveron os marcos recolle o perfil de mulleres pioneiras, con moi diversas traxectorias vitais, cuxo denominador común é ter sido quen de internarse en territorios reservados, polo común, aos homes.  

As protagonistas da mostra son Áurea Rodríguez, a primeira gaiteira da que se ten noticia; Maruxa Villanueva, actriz, cantante e emprendedora teatral en Galicia e alén do Atlántico; Elisa Patiño, a primeira aviadora galega e unha das primeiras en Europa; María Wonenburger, investigadora en álxebra e primeira muller española que obtivo unha bolsa Fullbright; María Luz Morales, primeira directora dun xornal en España; Ángela Ruiz Robles, mestra e inventora dun dispositivo precursor do libro electrónico; Concepción Pérez Iglesias, mestra e primeira alcaldesa de Galicia e unha das primeiras de España, e María Barbeito, educadora que achegou precozmente a Galicia as máis modernas teorías pedagóxicas que se estaban a xestar en Europa.

Na exposición exhíbense oito paneis dedicados a cada unha destas pioneiras cos que a Biblioteca da USC quere contribuír a poñer en pé de igualdade as súas figuras. Trátase dun “mínimo botón de mostra documental” da intensa actividade dalgunhas destas mulleres, explica a súa directora Mabela Casal. Doutras, apenas se puideron reunir unhas poucas imaxes e algunha breve noticia nun xornal, “de xeito que o espazo reservado a estas últimas nas vitrinas actúa tamén como testemuño do esquezo ao que foron relegadas”, aclara.

8 libros 8 mulleres
Á vez que se inaugura esa mostra, chega tamén ao claustro alto de Fonseca a titulada 8 libros 8 mulleres que cambiaron o mundo, que remata a súa andaina despois dun ano de itinerancia polas facultades e bibliotecas dos campus de Lugo e Santiago. Deste xeito, a nova de mulleres pioneiras marchará o día 28 de marzo de Fonseca para comezar o mesmo percorrido que a súa antecesora.
 

Cartel da exposición ‘8 mulleres galegas que moveron os marcos’
Cartel da exposición ‘8 mulleres galegas que moveron os marcos’
Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.02.2025.