Ortotipografía, correctores ortográficos, tradutores automáticos...
aspas (ou comiñas)
P: Como podo poñer unhas comiñas dentro doutras?
R: Existen tres tipos de aspas: as simples (' '); as dobres saxonas (" ") e as dobres latinas (« »). A forma de xerarquizalas é a seguinte: «"''"».
corchetes
P: Cando se utilizan os corchetes?
Resposta: Os corchetes [ ] empréganse para: 1) encerrar parte de texto que xa están encerrado entre parénteses ( ). 2) en certas composicións poéticas para indicar os restos de liña, cun corchete de apertura, nas que resultan longas de máis 3) nas citas directas, para encerrar as adicións ou aclaracións do citador 4) en matemáticas, cando unha expresión debe encerrarse dentro doutra que xa está entre paréntese 5) en lingüística, para encerrar transcricións fonéticas. 6) en edición crítica, serve para cerrar as palabras do orixinal que o editor opina que deben suprimirse Xa se indicou, que xerarquicamente o corchete encerra texto que xa está encerrado entre paréntese: A Universidade de Santiago (situada nas cidades de Santiago e Lugo [antes incluía todos os campus actuais das universidades galegas]) ten pendente un patrimonio digno de destacar.
EUA/EEUU
P: Cal é a sigla axeitada en galego para Estados Unidos de América?
R: A sigla para abreviar Estados Unidos de América en galego é EUA. A repitición da letra inicial dos elementos que forman o nome (EE UU) é a denominación castelá.
interrogativas/exclamativas
P: Que ocorre agora cos signos de admiración e interrogación? Desaparecen ao principio das preguntas e exclamacións?
R: A entoación interrogativa ou exclamativa márcase ao final do enunciado por medio de signos ? e !, respectivamente. Na orixe o signo de interrogación situábase só ao remate, e este segue sendo a práctica máis frecuente entre as linguas do noso ámbito. Mais hai que ter en conta que en moitas delas a frase interrogativa contén marcas gramaticais que sinalan claramente o inicio da interrogación. Outras linguas, pola contra, carecen destas marcas gramaticais, de xeito que, se non se sinalan graficamente ao inicio da entoación esta queda en moitos casos sen marcar (entre estas linguas está o galego). Na nosa lingua o único que diferenza unha oración interrogativa doutra enunciativa é a distinta entoación xa dende o principio; para advertir o lector esta diferenza, é conveniente marcar cun signo de interrogación o punto en que se produce o cambio cando houber calquera dúbida de interpretación: vou contigo ao teatro, ¿ou queres que quede?; ¿vou contigo ao cine,ou queres que quede?
maiúsculas título traballo
P: Teño unha dúbida sobre o usa das maiúsculas no texto seguinte: Servizo Comarcal A Barbanza de Orientación e Avaliación por Competencias Profesionais
Resposta: Isto é o que se di no noso web sobre o uso de maiúscula nos traballos intelectuais, que sería o caso que ti comentas, para saberes máis sobre maiúsculas podes visitar esta ligazón: Os títulos dos produtos literarios, intelectuais ou artísticos (libros, artigos, relatorios, discursos, cine, música, artes plásticas, teatro...) empregan a maiúscula só na primeira palabra. Porén, nos das publicacións periódicas úsanse en todas as palabras que teñan relevancia semántica. A esmorga, de Eduardo Blanco Amor A situación do monte galego, artigo de P. Fraiz A conferencia A enxeñaría química: perspectivas de futuro A dilixencia, de John Ford; O cuarteto A morte e a doncela, de F. Schubert; Os lirios, de Vincent Van Gogh; O Correo Galego; The New York Times; No caso que ti comentas a cousa é un chisco máis complicado. "Servizo comarcal A Barbanza de orientación e avaliación por competencias profesionais" é o título dun traballo pero contén, dentro del, palabras que forman parte dun nome oficial e habería que saber a que palabras afecta. Se, como creo, o Servizo se chama "Servizo Comarcal A Barbanza de Orientación" tería que ir todo en maiúscula e a partir de aí, en minúscula. "Servizo Comarcal A Barbanza de Orientación e avaliación por competencias profesionais"
meses
C: Os meses do ano van en maiúscula?
R: Os meses, así coma os días da semana e as estacións do ano escríbense en minúscula. Sempre que non vaian despois de punto ou ao comezo dunha oración.
parénteses
P: Que utilización teñen as parénteses?
R: As parénteses ( ) empréganse para: 1) intercalar no texto unha oración ou unha aclaración 2) en edición crítica, serve para encerrar as frases que o editor opina que deberan suprimirse ou que figuran aí indebidamente 3) en matemáticas emprégase para agrupar expresións, como indicador da orde en que ha de resolverse cada operación. Se se necesitase encerrar texto que xa está encerrado por unhas parénteses utilízanse os corchetes: A Universidade de Santiago (situada nas cidades de Santiago e Lugo [antes incluía todos os campus actuais das universidades galegas]) ten pendente un patrimonio digno de destacar.
puntos suspensivos
P: Os puntos suspensivos van pegados á palabra anterior?
R: Os puntos suspensivos (...) van pegados á palabra que os antecede (o que rouba a un ladrón...).
reitor
P: Debe escribirse "reitor" con maiúscula cando este non vai acompañado do nome propio?
R: Tanto se vai acompañado do nome propio como se vai só, "reitor" debe ir sempre en minúscula; xa que os cargos oficiais, as profesións e os títulos nobiliarios deben escribirse con letra minúscula, tanto se fan referencia a unha persoa concreta como se se trata dunha designación xenérica.
correctores
P: Quería instalar un corrector actualizado á normativa 2003, como podo conseguilo?
R: Se é membro da comunidade universitaria da USC, podes descargar o paquete Office 365 co corrector incluído de xeito gratuíto desde aquí. Debe entrar coa conta da USC (por exemplo: sabela.ferreiro [at] usc.es (sabela[dot]ferreiro[at]usc[dot]es)).
Se opta polo software libre, hai correctores instalados nas últimas versións:
tradución material docente
P: Son profesor e quero comezar a impartir as clases en galego, como podería facer para traducir todo o meu material docente?
R: O SNL, a través da Área de Asesoramento, ofréceche a posibilidade de traducir textos do castelán para o galego. Só hai que cumprir unha serie de requisitos que poderás consultar aquí.
tradutores automáticos
P: Se utilizo un tradutor automático, gozará dunha calidade lingüística óptima o meu documento?
R: Cando se quere traducir un texto e para iso utilicemos un tradutor automático debemos saber que a súa calidade non vai ser nunca a mesma que a dun tradutor manual. Os tradutores automáticos teñen unhas limitacións como poden ser a tradución de nomes propios e apelidos, palabras que son incorrectas no contexto en que se insiren porque teñen máis dunha solución en galego, etc.
Máis información na ligazón relacionada.