Ir o contido principal

Obradoiro de literatura infantil

O conto oral como ferramenta didáctica

24.02.2025 | 16.00h-17.30h

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Formación do Profesorado da USC organiza este obradoiro, aberto a todo o alumnado do centro, para poñer de relevo o valor didáctico que a narración oral pode ter para a infancia.

Marta Ortiz nunha actuación
Marta Ortiz nunha actuación

Como achegamos a literatura infantil e xuvenil ás nenas e nenos? Como espertar e manter o interese pola lectura desde a escola? Cales son os beneficios de contar contos ás crianzas? Que relación hai entre contar e cantar? Podemos contar contos tradicionais? Onde podemos buscar contos para contar?

A todas estas preguntas intentará responder Marta Ortiz neste obradoiro, no que veremos a literatura infantil como unha viaxe, unha aventura que podemos vivir de forma conxunta. Porque compartir mundos de fantasía e lecturas é un tesouro que nos aproxima no presente e sementa o terreo para o futuro.

A sesión centrarase na literatura para primeira infancia: os contos orais, os cantos, os xogos... Este primeiro contacto coa palabra literaria é a base da aprendizaxe e o berce do afecto. Descubriremos o seu valor deste legado e os beneficios que proporciona tanto a nivel emocional, como para o desenvolvemento psicomotriz, a aprendizaxe da lectoescritura ou a mellora da comprensión lectora.

Traballarase sobre os recursos dispoñibles para contar contos ás nenas e nenos, e sobre onde buscar contos para ler e contar. E destacarase a riqueza e o valor do conto tradicional como recurso para empregar coas crianzas.

Marta Ortiz é narradora oral desde 2007. Conta historias para público de todas as idades, ás veces só coa voz e o corpo, e outras apoiándose con música e manipulación de obxectos. Estudou Maxisterio de educación primaria e especializouse en literatura infantil e realización de espectáculos. Deseñou e organizou actividades relacionadas coa animación á lectura, o fomento da oralidade e o teatro social. En 2007, fundou a compañía Tropa de Trapo coa que realizou numerosos espectáculos de narración oral con música en directo, teatro infantil e obradoiros educativos. Tamén realiza un espectáculo de narración oral con música en directo xunto coa cantautora Sofía Espiñeira. Fai parte da asociación de Narración Oral Galega (NOGA) e tamén da Asociación Española de Narración Oral (AEDA).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.02.2025.