Por segundo ano consecutivo, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da USC conmemora o Día Internacional da Lingua Materna cun evento centrado na divulgación científica.

Desde hai 25 anos o Día Internacional da Lingua Materna, organizado pola ONU e a Unesco, trata de promover a consciencia sobre a diversidade lingüística e cultural e sobre o plurilingüismo do planeta.
A edición deste ano parte do lema 'As linguas importan' e destaca a urxencia de avanzar no recoñecemento da diversidade lingüística co fin de construír un mundo máis inclusivo e sustentable coa mirada posta no 2030. Tomando como punto de partida esta idea, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias organiza o acto Contar a ciencia desde nós.
Con el quérese destacar o valor de formar en ciencia nas linguas maternas (no noso caso, en galego), tanto no marco do ensino formal como en espazos informais, como a divulgación científica. E tamén recoñecer o talento divulgador da mocidade que nun futuro vai ser universitaria.
A sesión contará co monólogo científico 'O dogma central da bica', por Antonio Cagide, gañador da 2ª edición do concurso de monólogos científicos Ciencia Calidade; a conferencia 'Falamos? A lingua materna como dereito e patrimonio', a cargo de Ana Belén Traseira Pena, directora do Centro Asociado da UNED de Lugo; e a entrega de premios ás gañadoras e gañadores do concurso Petiscos de ciencia (2024), que premia os mellores vídeos de divulgación científica elaborados por alumnado de ensino secundario.
A asistencia é libre e de balde, ata completar a capacidade do espazo, así que a Facultade de Ciencias anima a toda a comunidade do campus de Lugo a acompañalos nesta conmemoración do Día Internacional da Lingua Materna, no marco dunha sesión que se desenvolverá o mércores 24 de febreiro, a partir das 11.00 horas, no salón de actos José Rodríguez Mourelo do centro universitario.
