O curso é unha iniciativa específica de formación, dirixido exclusivamente a profesores universitarios e persoal docente en formación, cos obxectivos de:
- Promover a elaboración de unidades didácticas de calidade como instrumento docente e de normalización lingüística.
- Promover a constitución dunha base estable de unidades didácticas da USC, que poidan ser empregadas por diferentes profesores e alumnos.
- Facilitar a edición en diversos soportes de unidades didácticas da USC.
- Contribuír ao uso do galego na actividade docente.
Os contidos do curso son de tres tipos: pedagóxicos (concepto, obxectivos, estrutura, contidos e avaliación das unidades didácticas), de comunicación (redacción de textos científicos, calidade lingüística, terminoloxía científica) e de edición (deseño editorial, formatos, corrección de probas, propiedade intelectual, permisos).
O curso fundaméntase no traballo persoal de cada alumno/a, que deberá elaborar unha unidade didáctica propia dunha das materias que imparte, de xeito titorizado, e no marco dun proxecto didáctico.
Faise un seguimento titorizado continuo, individual e conxunto das unidades elaboradas, ata deixalas preparadas dende todos os puntos de vista, e de acordo co modelo de unidades didácticas da USC para a súa edición.
Posteriormente poderá presentar novas unidades didácticas para a súa publicación no marco do proxecto didáctico antedito, consonte a definición da colección por parte da Comisión Editorial Académica da USC.
O curso computa 30 horas presenciais, para o recoñecemento da formación docente e para conseguir o Diploma de Docencia Universitaria.
Os cursos de elaboración de unidades didácticas parten dunha iniciativa inicial da Comisión de Normalización Lingüística de Psicoloxía, e contan co apoio técnico do Servizo de Normalización Lingüística (SNL).
Forman parte do Programa de Formación e Innovación Docente da USC.