A USC debe promover unha comunicación de calidade, cun estilo directo, apropiado e comprensible. A cidadanía ten dereito a entender, sen esfozo, as mensaxes que desde a Universidade se transmitan. Este é o obxectivo deste espazo.
Concepto
A lingua, como medio de comunicación e identidade social, úsase nos terreos máis diversos da actividade humana. En cada un deles vai adaptando as súas características ás peculiaridades da situación na que se emprega, o que permite determinar unha serie de variedades definidas por criterios moi diversos: a zona xeográfica (os de Foz non falan coma os de Ribeira), o grao de confianza que hai entre os interlocutores (un exprésase de distinto xeito con alguén que acaba de coñecer ou cun amigo), o seu nivel social e incluso outros factores.
Nalgúns contextos concretos (comunicación formal, lingua culta) esa variabilidade, que é consubstancial ás linguas, vese como pouco conveniente, polo que se tende a potenciar unha das alternativas que xa existen ou a crear un híbrido tomando elementos dunhas e doutras. Esta variedade potenciada adquire unha relevancia especial e recibe o nome de estándar.
Agora ben, calquera das variedades lingüísticas vistas vai introducir peculiaridades especiais, sobre todo no léxico e na fraseoloxía, en función do tema que con ela se trate. A linguaxe xurídica, a da cantería, a da física ou a da pesca posúen trazos distintivos con independencia do nivel social ou da zona de procedencia dos falantes.
Tendo en conta todo isto, parece xa posible situar e definir a linguaxe administrativa no punto que lle corresponde: no espazo lingüístico onde a variedade estándar se cruza coas especializacións temáticas que se relacionan co mundo da administración.
Características
A situación tradicional
Dúas persoas que se comunican entre si non empregan unha variedade lingüística ou outra de xeito gratuíto, senón que a súa escolla pon de manifesto a relación existente entre eles.
A linguaxe administrativa, vehículo comunicativo entre a Administración e o cidadán, serve como indicador da posición dunha e doutro ao longo da historia. Se a correlación de forzas que existe entre eles se modifica, os postulados de tipo lingüístico vanse reconsiderar case de inmediato.
Así, ata hai poucos anos, o administrado situábase nunha posición subordinada con respecto á Administración; o que no plano lingüístico implicaba trazos como:
• Carácter pouco democrático
Reflectíase tanto na actitude de submisión que o cidadán adoptaba fronte ao organismo a que se dirixía, e que se traducía nun estilo reverente e suplicante; como na concepción masculinista do mundo, xa que a discriminación da muller nas cuestións formais era continuada.
Expresións como "...suplícalle que teña a ben..." ou "...o que espero obter do recto proceder de ..."; ou referencias xenéricas a "o interesado" ou "o asinante" sen ter en conta que o documento pode estar dirixido a unha muller ou ser remitido por ela, son exemplos claros do que se acaba de dicir.
• Despersonalización
Ata hai pouco tempo era habitual atopar documentos sen ningún tipo de sinatura, ou asinados por unha persoa que non se identificaba ou por un colectivo. Calquera destes tres hábitos provocaba que non houbese un individuo concreto que se fixese cargo do contido dun documento, o que mantiña unha indeterminación que impedía esixir responsabilidades particulares, nos casos en que isto fose pertinente.
Un exemplo como o seguinte permite que non exista unha persoa concreta que se faga responsable da decisión que se tomou e das consecuencias que implicaría no caso de ser inxusta.
Comunícaselle a... que a comisión avaliadora arquivou a súa solicitude de axuda, tendo en conta que non presentou todos os datos que se lle esixiron.
A comisión
• Escurecemento do contido
Se —como se acaba de ver— a Administración se situaba nun plano de superioridade con respecto ao cidadán, a lingua tiña que manifestar a desigualdade da relación que se establecía. E non o facía só por medio das fórmulas de submisión, senón que afastaba todo o posible a expresión das "elites superiores" do idioma común, recorrendo a métodos como:
— o barroquismo léxico
Era frecuente o uso abusivo de arcaísmos, a repetición innecesaria de conceptos e o recurso case continuo a tecnicismos dos que se podería prescindir sen interferir na precisión e na calidade do texto.
— o barroquismo sintáctico
Consiste no alongamento esaxerado dos períodos e na ordenación estraña dos seus compoñentes, o que chega a provocar alteracións nos usos sintácticos habituais na lingua. O escaso uso dos signos de puntuación é outro dos seus trazos típicos.
— a visión falsamente literaria da lingua administrativa
Os dous procedementos anteriores contribuían a crear unha retórica baleira de contido, que unicamente dificultaba a redacción e a comprensión dos documentos.
Todos estes defectos fanse evidentes nun exemplo como o seguinte, tirado dunha sentenza xudicial asinada hai só 21 anos:
1) CONSIDERANDO: Que moviéndonos dentro de la teoría general del proceso, la que, por tanto, entorna a los juicios ejecutivos, y en gracia a la inconveniencia de estricto entalle formalístico que, en tan rituario parámetro, enarbolan los cuatro ejecutados, cumple, con prioridad al justiprecio de las excepciones, motivo oposicional y causas de nulidad, con que item puedan acorazarse, desde otras perspectivas, los accionados, escrutar el aducido óbice que prima facie, encuentra apoyo en el apart. 3º art. 533 de la Ley de Enjuiciamiento Civil...
• Non uniformidade
Na documentación, ademais de todo o visto, podíanse atopar tamén propostas moi diverxentes sobre algúns aspectos dubidosos, tanto na vertente gráfica coma na lingüística.
Na primeira delas, a falta de uniformidade e unha presentación moi pouco clara, ocasionaban problemas á hora de recoñecer os documentos e de identificar con rapidez os contidos relevantes.
Aínda que a inestabilidade en cuestións gráficas, e polo tanto convencionais, é negativa, o problema vólvese moito máis grave cando se estende ao léxico especializado, de tal xeito que non é posible atopar denominacións únicas para realidades que si o son.
Esta proliferación de sinónimos, aínda que é un signo da riqueza léxica dun idioma, debe ser vixiada de cerca, xa que pode provocar problemas de comprensión en quen recibe a información.
Así por exemplo, para o concepto que o castelán denomina coa forma cuneta os dicionarios galegos ofrecen polo menos catro posibilidades: ‘gabia’, ‘batoca’, ‘foxo’ e ‘cuneta’. Nun ámbito como o da linguaxe administrativa, no que a claridade da comunicación adquire un valor esencial, habería que intentar converter unha delas en prioritaria, xa que o uso indiscriminado de calquera obriga aos receptores a un esforzo suplementario.
A modernización da linguaxe administrativa
Nos últimos anos, a relación que existe entre a Administración e os cidadáns estase percibindo doutra maneira: desde a perspectiva xerárquica vixente no pasado evolucionouse cara a unha visión máis igualitaria, que establece deberes e dereitos para cada unha das partes, e non só para os administrados.
Esta nova concepción está modificando, como era previsible, os trazos definidores da linguaxe administrativa, que na actualidade poden ser descritos case totalmente por oposición aos ofrecidos máis arriba.
• Democratización
Nun marco igualitario de relacións non poden ter cabida as expresións de submisión e súplica empregadas no pasado, que deben substituírse por fórmulas nas que se manifeste a corrección e o respecto entre as dúas partes.
Ademais, hai que evitar a aparición de expresións, termos ou marcas que marxinen a calquera sector da poboación, especialmente aquelas que poñen de relevo o sexismo latente nos usos lingüísticos máis habituais.
• Personalización
A persoa que emite un documento administrativo non pode agacharse detrás da indeterminación que ofrece unha sinatura colectiva, senón que debe aparecer indicada con claridade e responsabilizarse dos seus actos, para poder dar conta deles no caso de que fose preciso. Por iso, téntase reducir a abundancia de expresións impersoais que dilúen as accións e as obrigas individuais.
Por suposto, isto non se contradí co afán de acadar un estilo impersoal e obxectivo, algo desexable tendo en conta que, na maioría dos casos, o emisor deste tipo de comunicacións non fala como persoa particular senón en función do cargo que ocupa ou representa.
• Claridade dos contidos
Á escuridade tradicional débeselle enfrontar un novo estilo, que teña na simplicidade da expresión unha das súas liñas mestras. A lingua administrativa debe intentar achegarse á común sen que iso mingüe a calidade nin a precisión da comunicación.
Para acadar este obxectivo xeral, pódese botar man dunha serie de mecanismos, entre os que destacan:
— a modernización das formas
Cómpre rexeitar termos e fraseoloxía que o idioma abandonou hai anos e que revelan unha concepción anticuada da relación Administración-cidadanía. No seu lugar débense empregar outros máis actuais, que as persoas sintan como usuais e próximos a elas.
— a concisión e a precisión
Só se debe incluír a información que sexa útil e relevante no proceso comunicativo, o que implica desbotar o barroquismo léxico e sintáctico sinalado máis arriba.
Só a busca da precisión pode levar a un segundo plano a importancia da brevidade. Aclarar o sentido da información sen deixar aberta ningunha posibilidade de dúbida é unha necesidade clave en calquera linguaxe especializada, e máis nunha actividade tan regulamentada como a administrativa.
— a sinxeleza
Os dous puntos anteriores contribúen a evitar pretensións pseudoliterarias ou de falsa elegancia na expresión. A naturalidade debe ser o ideal que se persiga, como lle corresponde a un tipo de lingua que ten como finalidade primordial comunicar feitos ou opinións.
— a ordenación dos contidos
Se se cumpren as propostas indicadas ata o de agora, as ideas esenciais dos documentos deben destacar dentro do conxunto. É importante estruturalas de xeito claro, lóxico e —na medida do posible— visual, para ofrecer unha imaxe do texto como un todo coherente e organizado.
• Uniformidade
A importancia que na linguaxe administrativa ten que comprender e interpretar correctamente os textos provoca que a súa fixación formal sexa moi superior á da lingua común. Por iso, a abundancia de sinónimos aparece en ocasións como un atranco, e téndese a fomentar a adopción de denominacións únicas para cada concepto.
Tamén é importante manter unha certa uniformidade na presentación dos documentos, porque a asociación dunha forma externa cun modelo concreto facilita e automatiza o traballo do redactor e permítelles aos usuarios unha identificación máis doada dos elementos relevantes da mensaxe.
Criterios internacionais
Os trazos vistos ata o de agora non son en absoluto exclusivos do galego, senón comúns á documentación administrativa de moitos idiomas. De todos os xeitos, en certos aspectos é necesario ir máis aló de pautas xerais como as anteriores e buscar unha maior homoxeneidade formal.
A Organización Internacional de Estandarización (ISO), órgano consultivo da Organización das Nacións Unidas creado en 1946, é a encargada de levar a cabo este traballo, que se centra na elaboración dun corpus de criterios que a documentación de todos os países debería respectar.
Na práctica, as súas prescricións e recomendacións oriéntanse cara a cuestións formais e convencionais (medidas e formatos de documentos, códigos para representar nomes de linguas, países ou moedas por medio de símbolos, formas de indicar a datación nos documentos, etc.); pero que poden orixinar graves confusións á hora de interpretar correctamente a información se non se tratan da mesma maneira nos distintos idiomas.
A linguaxe administrativa galega. Presente e futuro
Pode haber quen pense que o emprego do galego como idioma da Administración é un feito contemporáneo, do que non sería posible atopar pegadas antes de 1981 (ano no que entra en vigor o Estatuto de autonomía que establece a oficialidade do galego); ou —como moito— antes de 1936 (cando se aprobou en plebiscito un Estatuto que a Guerra Civil impediu aplicar). Porén, mirando para atrás pódese descubrir que durante amplos períodos da nosa historia (varios séculos) esta foi a única lingua usada para desenvolver o traballo administrativo e xurídico no país galego.
Nas seguintes páxinas farase un brevísimo percorrido por todos eles, desde a idade media ata a actualidade.
Na península Ibérica o latín perviviu na documentación oficial ata moito máis tarde ca noutros puntos de Europa. Mentres o francés, por exemplo, xa aparecía en escritos notariais durante o século XII, aquí houbo que esperar ata o xiii para ver xurdir documentos na variedade galego-portuguesa.
De todos os xeitos, esta novidade só se estenderá a partir da segunda metade deste século, e pervivirá durante todo o xiv e a primeira metade do xv, período en que o galego vai ser a lingua de todos os materiais de tipo administrativo, xudicial e notarial, tanto do ámbito privado coma do público.
Empregábase, xa que logo, en temas fiscais,
O dito conçello, justiças et omes bõos jurados disseron que por quanto Mayor Dominges avoa de Johan Bõo, clerigo do coro da Iglesia de Santiago, era moller pobre et tal que non t˜iina por que pagar renda nen fallas nen outros tributos que se lançavan...
de seguridade,
O dito conçello mandaron que as personas que tinan as chaves das portas da dita çidade que as fezesen çarrar cada noyte por que non viese por elas dano a a dita çidade.
comerciais,
Primeiramente ordenaron e mandaron [...] que se venda o pescado en esta maneira: a libra dos sacadores et das sollas et dos bodiõos et dos polvos et das fanequas et das rayas et das langostas et das sibias et das luras a
tres dineiros a libra.
urbanísticos,
... o conçello derribou et mandou derribar h˜uas casas [...] as quaes estavan feitas et edeficadas et levantadas [...] çerqua da Porta de Maçarelas ...
ou en calquera outro.
Durante case 200 anos Galicia viviu nunha situación de monolingüismo práctico: empregábase o galego en toda a documentación interna, mentres que o uso do castelán quedaba limitado só ás relacións exteriores (as que as institucións galegas mantiñan coa Chancelaría Real).
A partir da metade do s. xv este uso oficial empezou a minguar e, pouco a pouco, a presenza do galego foise reducindo aos documentos privados. Neles perdurou —aínda que moi contaminado polo castelán— ata os primeiros anos do XVI.
Este abandono non tivo, nin moito menos, causas voluntarias. A súa orixe foi sobre todo política, e as loitas dinásticas pola coroa de Castela, nas que os nobres galegos apostaron sempre polo bando perdedor, tiveron moito que ver. Por todo isto, durante os séculos XIV e XV, primeiro a dinastía dos Trastámara e despois os Reis Católicos empezaron a colocar nos cargos de goberno de Galicia a nobres casteláns que converteron o seu idioma nun instrumento de poder e dominación.
Ademais, empezouse a asentar a identificación entre Estado (Castela) e idioma (castelán), o que provocou que se ditasen normas que pretendían convertelo na única lingua de cultura. Así por exemplo, no ano 1450 as Cortes de Toledo dispuxeron que a partir dese momento só se outorgase o título de escribán a aquelas persoas que superasen o exame e obtivesen a licenza do Real Consejo (por suposto, o castelán era o único idioma no que había que demostrar capacidade e coñecementos).
Todos estes factores provocaron que o que fora só vehículo de relación co exterior se convertese no idioma da comunicación legal, ao ser o propio da nobreza foránea que gobernaba o país.
Entre a metade do s. XVI e a metade do XIX o galego desapareceu practicamente dos textos escritos, aínda tendo en conta que a inmensa maioría da poboación non coñecía outra lingua. O castelán só chegará a sectores sociais amplos coa urbanización, a industrialización, a escolarización e a extensión dos medios de comunicación que tivo lugar nos ss. XIX e XX.
De xeito simultáneo a esta extensión, desde mediados do xix comeza a xurdir unha clara vontade de defensa do idioma propio en sectores intelectuais da pequena burguesía, que vai tomando corpo político á altura do cambio de século. A recuperación da escrita literaria foi un logro importante, pero no terreo que estamos a analizar, o impulso definitivo vai chegar coa fundación das Irmandades da Fala (1916). Estas agrupacións, que se estenderon por Galicia no primeiro terzo do século XX, apostaban xa polo uso do galego en todos os ámbitos da vida (na política, na economía, na industria, na ciencia...).
Este novo ambiente que se respiraba, verase recoñecido oficialmente no Estatuto de autonomía de 1936, que establecía unha situación legal moi semellante á actual, como se ve no seu artigo 4.
Serán idiomas oficiales en Galicia, el castellano y el gallego...
Coa Guerra Civil e a vitoria franquista este rápido avance cara á normalidade perdida séculos antes quedou paralizado, xa que a nova clase gobernante era declaradamente hostil a calquera proxecto que supuxese a recuperación das "lenguas regionales".
Foi preciso agardar ata 1978 para que a Constitución establecera que as tres linguas do Estado distintas do castelán eran cooficiais nos seus respectivos territorios. O Estatuto de autonomía (1981) desenvolveu máis este aspecto, pero foi a Lei de normalización lingüística a que, en 1983, o ordenou tal e como hoxe se atopa.
Desta descrición histórica é doado deducir que certos aspectos da linguaxe administrativa galega estarán fortemente contaminados pola presión do castelán. Por iso, é fundamental tomar consciencia da necesidade de reconstruír unha variedade de noso, depurada e sen ningunha caste de engadidos estraños, por moito que a tradición pareza autorizalos.
Para acadar este fin pódese botar man de tres mecanismos fundamentais:
• Recuperar formas existentes na documentación medieval.
Un termo como concello, hoxe totalmente asentado, foi extraído dos textos medievais e habilitado para a comunicación moderna, na que fora substituído polo castelán ayuntamiento ou pola forma calcada *axuntamento.
• Aproveitar a riqueza dialectal do galego.
O substantivo pagaré (documento polo que un se compromete a pagar unha cantidade prestada ou depositada) é, evidentemente, unha forma do castelán. Á hora de buscar unha denominación galega para este concepto, e tendo en conta que na tradición administrativa non se atopaba unha forma que puidera substituíla, aproveitouse o substantivo obriga, que nalgúns lugares de Galicia posúe o mesmo valor dese termo castelán.
• Harmonizar as solucións galegas coas adoptadas por outras linguas romances.
Se se quere depurar do galego unha unidade como justiprecio, non parece razoable defender unha forma *xustiprezo, xa que ningunha das outras linguas do noso arredor opta por unha solución semellante:
(portugués) aprecio, avaliação
(inglés) evaluation, appraisal
(francés) evaluation
(italiano) stima, valutacione
A que se escolla como forma galega debe buscar a coincidencia cos idiomas veciños; por iso, valoración ou prezo xusto parecen moito máis apropiadas.
Este principio non debe aplicarse unicamente para resolver problemas léxicos, senón que tamén pode resultar útil na resolución de cuestións de forma, deseño, estrutura, etc.
Fóra de situacións como as que se acaban de exemplificar, nas que non existe unha forma galega viva na lingua común, no tecnolecto administrativo galego desaconséllase o uso gratuíto de unidades que (como os arcaísmos, os dialectalismos ou os coloquialismos) van en contra dalgúns dos seus presupostos básicos e que o afastan do nivel estándar.
Se a claridade e a modernidade das formas son características fundamentais da lingua administrativa, parece lóxico que, como norma xeral, se desboten unidades do pasado que hoxe non teñen vixencia na fala, como por exemplo *capíduo, *conquerir, *padescer, *ren ou *vegada; sobre todo tendo en conta que as formas vivas capítulo, conquistar ou conseguir, padecer, nada e vez son totalmente galegas.
A presenza de marcas dialectais debe tamén evitarse en beneficio da uniformidade que debe presidir a variedade estándar. Por iso, a pesar de ser unidades ou fenómenos totalmente galegos, aconséllase prescindir na redacción de documentos administrativos de particularidades como a gheada, plurais do tipo camiós ou camiois, pronomes persoais como tu ou il, formas verbais como vós cantástedes, ti viste, ti fixeche, etc.
Así mesmo, débense eliminar dos textos os coloquialismos xa que romperían a formalidade e a neutralidade estilística que deben presidir a comunicación administrativa, afastándoa do rexistro culto no que necesariamente ten que moverse. Cumprirá prescindir, xa que logo, de formas como ghicho, facha, guiri, flipar, non tal, voar (por fuxir), liscar e outras de formalidade semellante.
En resumo, a linguaxe administrativa galega ten que buscar o seu camiño sendo moi consciente do seu pasado e das particulares circunstancias que viviu e segue vivindo —a presión do castelán e do inglés é cada vez máis forte—; e intentando equilibrar de cara ao futuro a universalidade coa propia idiosincrasia, pero sen perder nunca de vista cales son as fronteiras que non pode transgredir.
Presentación
Nas comunicacións administrativas, as maiúsculas empréganse moitas veces de xeito abusivo e incoherente, máis como marcas de cortesía ou reverencia ca como instrumentos lingüísticos.
Fronte a isto, faise preciso defender un uso racional deste recurso ortográfico e evitar, tanto que prolifere de xeito anárquico, como que se empregue cunha finalidade reverencial.
A presenza dunha letra maiúscula nun texto só se xustifica cando cumpre unha das dúas funcións seguintes:
A demarcativa
Vén determinada pola situación da palabra no texto. Así, emprégase a maiúscula:
- ao comezo dun texto
- despois de punto
- despois da interrogación ou da admiración de peche
- despois de puntos suspensivos, se marcan o final dun período
- despois de dous puntos, se se transcribe unha cita dun fragmento que comece con maiúscula
A connotativa
Vén determinada pola natureza da palabra en que aparece. Segundo iso, gráfanse con maiúscula:
- os nomes propios
- as abreviaturas das formas de tratamento
- os nomes de institucións
- os títulos de calquera clase de produción cultural
- os feitos históricos sinalados, etc.
Esta segunda función é a que complica o emprego práctico deste recurso gráfico, debido á existencia de unidades dubidosas que se atopan na fronteira do nome propio e para as que non existen unhas normas exhaustivas de tratamento.
Nestas páxinas intentarase racionalizar o emprego das maiúsculas, das minúsculas e das versais (letras que teñen a forma das maiúsculas pero o tamaño das minúsculas), revisando os exemplos máis frecuentes ou que ofrecen máis dúbidas.
Nomes referidos a persoas ou animais
Escríbense con maiúscula os nomes que designan persoas, animais, familias ou liñaxes concretas, con independencia de que se trate de nomes auténticos ou de pseudónimos, de persoas mortais ou de divindades.
Xerardo Vázquez, Correola
Arsenio Iglesias, o Raposo de Arteixo
a ovella Dolly
os Borbóns
os Rachados
Marta do Val
santa Olalla
Zeus
Tamén se grafan con maiúscula os tratamentos de respecto cando aparecen en forma abreviada, tanto os máis xerais (señor/señora, vostede) como os protocolarios, independentemente de que sexan galegos ou procedan de linguas estranxeiras.
Sr. Pedro Traba Abades
Sra. Uxía Novo Doval
Comunícolle a Vde. que se admitiu a súa protesta...
O presidente saúda a Ilma. Sra. Helena Rocha e...
Recibimos a visita de Mme. Louise Tureau.
Convidamos a Mr. John Woolf a asistir a este acto.
Os cargos oficiais, as profesións e os títulos nobiliarios deben escribirse con letra minúscula, tanto se fan referencia a unha persoa concreta como se se trata dunha designación xenérica.
a directora xeral de Política Lingüística
o alcalde deste Concello
o reitor da Universidade Complutense
a categoría de auxiliar administrativo
a catedrática, dona Iolanda Cruz
o conde de Lemos
os duques de Osuna
Os tratamentos de respecto e os protocolarios encabézanse con minúscula na súa forma plena.
don Antón Illán
dona Tareixa Ferrón
o señor Francisco Outeiro
a señora Ana Nogueira
... se vostede desexa recibir maior información...
o ilustrísimo señor Fidel Romai Pinto
Perden a maiúscula os nomes de persoa que pasaron a denominar uns tipos que responden a uns determinados padróns físicos ou de comportamento.
Este rapaz é un xob, nunca protesta.
Non se pode esperar que un xan coma el tome a iniciativa.
Moito lle gusta facer de celestina!
Nomes de institucións, órganos de xestión, entidades e colectivos
Débense grafar con maiúscula os nomes de entidades oficiais formalmente constituídas, con independencia do seu carácter (administrativo, político, comercial, relixioso, artístico...).
Policía Municipal
Concello de Muros
Talleres Fene, S. A.
Secretaría Xeral para o Deporte
Negociado de Obras Públicas
Consello Social da Universidade
Audiencia Provincial de Lugo
Real Filharmonía de Galicia
Grupo de Teatro de Filoloxía Galega
Os Quinquilláns
As entidades xurídico-públicas e relixiosas escríbense con maiúsculas, pero os modificadores que os acompañan levan minúscula.
Administración local
Igrexa católica
As denominacións reducidas dos casos devanditos escríbense con maiúscula igual ca o nome completo.
Xunta (Xunta de Galicia)
Audiencia (Audiencia Provincial de Lugo)
Universidade (Universidade de Santiago de Compostela)
Se o colectivo que se nomea non está legalmente constituído, débese grafar con minúscula.
unha asemblea dos comerciantes da vila
unha comisión de axuda a Bosnia
Tamén se mantén a minúscula naquelas palabras que non fan referencia a unha entidade concreta, senón que se empregan con valor xenérico.
os servizos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
os concellos e a súa xestión
o principio de boa administración
os representantes das igrexas do mundo
As unidades que remiten a unha entidade representada con maiúscula (chamadas correferentes) vanse manter sempre como formas da lingua común, e escríbense, polo tanto, con minúscula.
...o apoio da Mesa pola Normalización Lingüística. Este organismo...
...a resposta do Sergas. A devandita institución...
Denominacións científicas, académicas, técnicas e comerciais
Esixen letra maiúscula os nomes científicos en zooloxía e botánica, independentemente do nivel (clase, orde, familia...) que ocupen na clasificación dos seres vivos.
Castanea sativa (castiñeiro)
Ilex aquifolium (acivro)
Labrus bergulta (maragota)
Ruminantia (ruminantes)
Os nomes de linguaxes, programas e sistemas informáticos escríbense totalmente en maiúsculas cando son siglas (aproveitan a primeira letra de cada palabra da denominación completa para elaborar a forma reducida). Pola contra só conservan a maiúscula ao comezo se se trata de acrónimos (aproveitan máis ca a primeira letra dalgunhas das palabras da denominación completa).
BASIC (Beginner’s All–purpose Symbolic Instruction Code)
PPT (Powerpoint)
WMV (Windows Media Video)
HTML (HyperText Markup Language)
Na terminoloxía xurídica, unidades como Administración, Estado ou Poder empréganse en maiúscula só cando fan referencia a unha realidade concreta.
a Administración pública
os tres Poderes do Estado democrático
No ámbito do ensino escríbense con maiúsculas os nomes das materias específicas e das disciplinas, das cátedras, dos departamentos e das áreas de coñecemento.
Literatura Galega II
Topografía I
o Departamento de Anatomía e Produción Animal
a Área de Filosofía do Dereito Moral e Político
Tamén se escriben con maiúscula outros tipos de actividades formativas, aínda que non estean integradas nos planos de estudos (seminarios, congresos, simposios, xornadas, cursos de reciclaxe, etc.).
III Curso de Linguaxe Administrativa
Congreso Internacional sobre Física Cuántica
IV Encontro de Arqueólogos Galegos
Os premios e as condecoracións honoríficas escríbense con maiúsculas iniciais. De todos os xeitos, se a denominación é moi longa abonda con empregalas unicamente na primeira palabra.
Premio Nacional de Literatura
Pedrón de Ouro
I Premio á investigación sobre golfiños no litoral galego
Os títulos dos produtos literarios, intelectuais ou artísticos (libros, artigos, relatorios, discursos, cine, música, artes plásticas, teatro...) empregan a maiúscula só na primeira palabra. Porén, nos das publicacións periódicas úsanse en todas as palabras que teñan relevancia semántica.
A esmorga, de Eduardo Blanco Amor
“A situación do monte galego”, artigo de P. Fraiz
A conferencia “A enxeñaría química: perspectivas de futuro”
A dilixencia, de John Ford
O cuarteto A morte e a doncela, de F. Schubert
Os lirios, de Vincent Van Gogh
O Correo Galego
The New York Times
As designacións que individualizan un único obxecto (coma se fosen nomes propios), os nomes comerciais ou as denominacións de orixe que complementan un substantivo común gráfanse con letra maiúscula.
o Titanic
a Berenguela
o Transcantábrico
unha Coca Cola
o viño Rías Baixas
o queixo de Arzúa
As unidades e conceptos da terminoloxía científica deben escribirse con letra minúscula, aínda que os símbolos que os representan adopten unha tipografía ou outra segundo as convencións establecidas.
amperio (A)
área (a)
ácido cianhídrico (HCN)
megahertz (MHz)
Encabézanse con minúscula os conceptos abstractos, moi empregados por exemplo na prosa xurídica, xa que tratalos doutra maneira supoñería deixarse gañar por unha falsa ansia de dignificación.
a igualdade
a xustiza
a neutralidade
Os tipos de estudos, e as etapas e ciclos formativos atópanse nesta mesma situación.
o bacharelato
o doutoramento
o segundo grao de formación profesional
a licenciatura
Todas aquelas palabras que se escribían con maiúscula cando se referían a unha actividade concreta (materias, cátedras, denominacións de publicacións, actividades oficiais...) encabezaranse con minúscula cando aparecen con valor xenérico.
un traballo de literatura
os avances da física cuántica
a modernización da linguaxe administrativa
O tempo e o lugar
Os nomes de lugar teñen que levar sempre maiúscula, aínda que estean formados por elementos que noutras circunstancias se escribirían con minúscula (artigos, substantivos, adxectivos...). Só as preposicións son excepción a esta regra.
Meaño
Ribadavia
A Coruña
A Ribeira Sacra
Montefurado
As Rías Baixas
Celeiro
Viana do Bolo
Ortigueira
Cangas do Morrazo
As referencias xeográficas oriente, occidente, oriental, occidental, meridional e setentrional, así como os puntos cardinais e os seus símbolos, escríbense con letra maiúscula cando forman parte dun topónimo.
o norte (N) pero Viaxou ao Polo Norte.
o sur (S) pero Vive en América do Sur.
o leste (E) pero A policía vixía as rúas de Berlín Leste.
o oeste (W), (O) pero O director viaxou polo Oeste americano.
En Occidente non se pode ignorar a situación de África.
A Europa Meridional ten un gran potencial de desenvolvemento.
As festividades, celebracións e conmemoracións, tanto civís coma relixiosas, sérvense tamén da maiúscula para destacar a súa condición de nomes propios.
o Día da Patria Galega
o Entroido
o Día Mundial do Libro
o Xoves da Ascensión
Os acontecementos históricos reciben o mesmo tratamento ca o grupo que se acaba de comentar.
a Guerra Civil
os Fusilamentos de Carral
a Revolución Rusa
Os nomes xenéricos de lugar, que non fan referencia a un punto en concreto senón que indican unha división territorial ou administrativa, un accidente xeográfico ou unha vía de calquera tipo, perden a súa condición de nomes propios e con ela a posibilidade de empregar a maiúscula.
a diocese de Mondoñedo
a provincia de Ourense
a península do Barbanza
a illa de Ons
a rúa do Franco
a praza de María Pita
Os nomes de construcións ou dependencias de edificios que posúen unha relevancia singular tamén se consideran nomes propios, por iso se representan con maiúscula.
o Colexio de San Xerome
o Salón de Plenos
o Auditorio de Galicia
a Torre da Frouseira
a Autoestrada do Atlántico
Os días da semana, os meses e as estacións do ano non empregan a letra maiúscula.
o luns
o sábado
o mes de xullo
a primavera
As épocas e períodos históricos escríbense con maiúscula.
a Baixa Idade Media
os Séculos Escuros
O mesmo ocorre cos movementos culturais, artísticos, filosóficos, políticos e relixiosos.
o Barroco
o Vangardismo
o Marxismo
o Existencialismo
o Budismo
A documentación
O texto que vén a continuación do saúdo en cartas, circulares, etc. encabézase con letra maiúscula a pesar de ir precedido por unha coma.
Querido colega,
Con motivo de...
Leva maiúscula inicial cada un dos puntos dunha enumeración que estea formada por oracións independentes.
Bases de traballo:
1 É preciso estudar solucións para o problema de masificación que sofren algúns centros.
2 O horario das bibliotecas municipais débese flexibilizar para adaptalo ás necesidades dos seus usuarios.
3 Hai que buscar alternativas que resolvan o problema creado pola dimisión da vicerreitora.
Escríbese con maiúscula a palabra inicial da denominación dos textos legais, dos produtos xurídicos e doutros trámites documentais de tipo político-administrativo que se correspondan cun documento con entidade propia.
a Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común
o Decreto lei sobre ...
o Ditame do 5 de setembro de 2003
a Iniciativa lexislativa popular a prol da reciclaxe
O nome dos documentos acreditativos escríbese con letra minúscula, aínda que se recorra ás maiúsculas para denominalo en forma abreviada.
documento nacional de identidade (DNI)
pasaporte
carta de residente
número de identificación fiscal (NIF)
Leva minúscula inicial cada un dos puntos dunha enumeración que non estea formada por oracións independentes.
Débese presentar:
— fotocopia do DNI
— certificado de empadroamento
— informe da Policía Municipal
O parágrafo que segue ás enumeracións comezará con minúscula se se continúa a falar do mesmo asunto; pero con maiúscula se o tema que se trata é distinto.
Débese presentar:
— fotocopia do DNI
— certificado de empadroamento
— informe da Policía Municipal
antes do vindeiro venres ás 14.00 horas.
Débese presentar:
— fotocopia do DNI
— certificado de empadroamento
— informe da Policía Municipal
Por outra parte, é tamén necesario...
As designacións xenéricas das clases de documentos e de tramitacións escríbense con letra minúscula.
o ditame urxente do seu gabinete
a renovación das leis vixentes
o decreto feito público o mes pasado
Presentación
É un dos procedementos máis usados no tecnolecto administrativo para simplificar a redacción dun texto e evitar a reiteración. Consiste en empregar en forma reducida certas palabras ou sintagmas que aparecen con frecuencia e que o lector coñece ou pode deducir con facilidade.
Agora ben, o afán por simplificar un documento non debe entorpecer nunca a súa perfecta comprensión. Por iso, é aconsellable ter en conta dúas pautas fundamentais:
- A primeira vez que aparece nun texto unha abreviación pouco usual, debe facelo despois da forma desenvolvida.
Un regulamento que desenvolve a Lei de contratos do Estado (LCE)
- Hai que evitar, na medida en que sexa posible, que varias abreviacións remitan á mesma denominación e que varias denominacións compartan unha soa abreviación.
bibliografía – (bib., bibl. ou bibliog.)
imp. – (importe, imperativo, imprenta ou importación)
Se as dúas palabras pertencen á mesma familia léxica, é máis fácil entender que se reutilice unha forma abreviada para ambas.
acad. – (académico e academia)
Tipos de abreviación
Tendo en conta as súas características, pódense distinguir catro subtipos de abreviación (abreviaturas, símbolos, siglas e acrónimos) que, pola súa vez, se agrupan en dous bloques.
Un deles formaríano a abreviatura e o símbolo, dado que comparten os seguintes trazos:
- O fragmento que se reduce non ten por que ser un sintagma. Se o é, non se trata como unha unidade senón como a xuntura das abreviaturas ou dos símbolos de varias palabras.
máx. (máximo)
g (gramo)
c. de adm. (consello de administración)
km/h (quilómetros por hora)
- Son reducións das unidades plenas correspondentes e non elementos léxicos novos. Por iso á hora de lelas non se recorre ao soletreo da forma reducida senón que se pronuncia a palabra completa.
Ilmo. lese “ilustrísimo”.
min. lese “minuto”.
Pero ademais destes aspectos comúns existe tamén unha serie de diferenzas que os individualizan entre si:
- O grao de extensión é distinto. As abreviaturas son unidades particulares de cada lingua pero os símbolos teñen validez internacional, o que obriga a contar cun consenso supranacional para modificar a súa forma ou para introducir unidades novas.
O ámbito de uso é tamén distinto. As abreviaturas refírense a formas da lingua común pero os símbolos representan unidades universalmente definidas dos campos técnico e científico.
O segundo bloque está composto pola sigla e o acrónimo, unidades que coinciden noutros dous aspectos:
- Son sempre a redución de máis dunha palabra.
NIF (Número de identificación fiscal)
CIS (Centro de Investigacións Sociolóxicas)
Inserso (Instituto Nacional de Servizos Sociais)
Ingabad (Instituto Galego de Bacharelato a Distancia)
- Convértense en unidades novas que substitúen á estrutura plena da que proceden.
BOE lese “boe” e non Boletín Oficial do Estado
Banesto lese “banesto” e non “Banco Español de Crédito”.
Establecer unha distinción clara entre siglas e acrónimos é moito máis difícil, ata o punto de que algúns autores inclúen os segundos como subconxunto das primeiras. De todos os xeitos, sobre o papel, a diferenciación baséase na existencia de distintos mecanismos de abreviación:
- As siglas son un tipo de denominación reducida que se constrúe empregando unicamente a primeira letra das palabras da forma plena.
USC (Universidade de Santiago de Compostela)
DOG (Diario Oficial de Galicia)
- Os acrónimos son un tipo de denominación reducida que se constrúe empregando máis ca a primeira letra dalgunha das palabras da forma plena.
Ingabad (Instituto Galego de Bacharelato a Distancia)
Icona (Instituto para a Conservación da Natureza)
Banesto (Banco Español de Crédito)
Despois de individualizar cada un dos catro subtipos de abreviación, estudaranse agora por separado, e analizaranse tanto as súas características formais como as que regulan o seu emprego.
A abreviatura
Pódese consultar aquí un glosario de abreviaturas
Segundo o procedemento que se empregue para reducir a forma plena pode falarse de:
-
abreviaturas regulares
Créanse eliminando elementos da parte final da palabra plena (apócope), polo que esta é facilmente deducible a partir da forma reducida.
econ. (economía)
ant. (antigo)
subx. (subxuntivo)
-
abreviaturas convencionais
Conservan, ou ben só a letra inicial da palabra plena (apócope extrema), ou ben elementos do principio e do final (síncope). Isto provoca que sexa máis difícil deducila partindo da forma reducida.
s. (século)
t. (tomo)
avda. (avenida)
ltdo. (limitado)
Independentemente destas subdivisións, todas as abreviaturas posúen unha serie de trazos formais que lles outorgan homoxeneidade como grupo. Os máis destacables son:
- Rematan cun punto.
Son excepcionais algúns exemplos, especialmente da terminoloxía bancaria ou económica, cos que se pode empregar o punto ou a barra inclinada (/).
c/ (conta)
x/ (xiro)
t/ (talón)
ch/ (cheque)
- Prefírense as formas que non empregan caracteres en superíndice, a non ser en casos xa moi asentados no uso, como poden ser os números ordinais.
V. e pr. (visto e prace) mellor ca Vº e pr.
núm. (número) mellor ca nº
dir. (directora) mellor ca dirª
- Conservan a grafía maiúscula ou minúscula que tiña a letra inicial da palabra plena.
d. de C. (despois de Cristo)
p. d. (por delegación)
Non respectan este criterio as abreviaturas dos tratamentos de persoa xerais e protocolarios, así como a do pronome persoal de respecto (vostede).
Sr. (señor)
Sra. (señora)
Excmo. (excelentísimo)
Vde. (vostede)
- Mantéñense os acentos gráficos se a palabra plena xa os posuía.
índ. (índice)
méd. (médico)
- Normalmente non rematan cunha vogal, agás aquelas abreviaturas convencionais que conservan a que pechaba a palabra plena ou as formadas por unha única letra.
ind. (industria)
bibl. (bibliografía)
atte. (atentamente)
dto. (desconto)
A. (alteza)
o. (orde)
- Cando se abrevia o nome ou o apelido dunha persoa as letras que se manteñen conservan todos os signos gráficos (tiles, guións...) que tiñan na forma plena.
Ádega Fernández Santos – Á. Fdez. Santos
Jean-Paul Belmondo – J.-P. Belmondo
- Só as abreviaturas convencionais poden presentar unha forma do plural distinta da do singular. Os procedementos por medio dos cales se constrúe son dous:
- As formadas por medio da síncope engádenlle un -s á forma do singular.
ltdo. (limitado) – ltdos. (limitados)
avda. (avenida) – avdas. (avenidas)
tfno. (teléfono) – tfnos. (teléfonos)
- Para algunhas das formadas por apócope extrema o uso asentou unha forma de plural que se basea na reduplicación da única letra que posúen no singular.
s. (século) – ss. (séculos)
P. (padre) – PP. (padres)Pero moitas outras non posúen variación en función do número.
- As formadas por medio da síncope engádenlle un -s á forma do singular.
u. (unidade) – u. (unidades)
f. (folio) – f. (folios)
n. (nota) – n. (notas)
Se ata agora se tratou dos trazos que orientan a construción dunha abreviatura, a continuación vanse indicar algunhas pautas para a súa utilización:
- Débese evitar sempre que sexa posible que varias palabras plenas coincidan baixo unha mesma abreviatura, sobre todo no mesmo texto e en ámbitos nos que sexa posible confundilas.
inf. (infinitivo) ou (información)
Pódese manter unha postura máis permisiva e admitir esa coincidencia en casos en que a confusión sexa moito máis difícil.
al. (alemán) e (alumno)
pres. (presente) e (presidente)
- Hai que atacar tamén a dispersión na dirección contraria, é dicir, aquela que permite que unha mesma palabra conte con máis dunha abreviatura.
pr. ou pz. (praza)
av. ou avda. (avenida)
Cómpre potenciar unha das dúas opcións, aínda que sen proscribir a outra, tendo en conta a súa difusión.
- É aconsellable indicar, sobre todo en documentos longos, a correspondencia que existe entre unha determinada abreviatura e a palabra plena á que remite, a non ser que se trate de formas de uso moi estendido. Esta explicación adoita facerse a primeira vez que aparece a abreviatura.
- Débese intentar que aparezan só en parénteses, notas, táboas e incisos aclaratorios, e evitalas en textos corridos.
- A abreviatura só ten sentido cando supón unha redución perceptible de tempo e de espazo con respecto á palabra plena. Por iso prescindimos de abreviaturas como
*atto./*atta. (atento/atenta) *l. (lei)
*bco. (banco) *pto. (porto)
*cgo. (cargo) *vda. (venda)
*D./*Dna. (don/dona) *vulg. (vulgar)
*fol. (folio) *vvo./*vva. (viúvo/viúva)
Por marcar unha fronteira, neste libro de estilo desaconsellarase o emprego de abreviacións que non aforren polo menos tres letras con respecto á denominación completa.
- Os topónimos non se abrevian, polo tanto,
Santiago de Compostela e non Sant. de Compostela
A Pobra do Caramiñal e non A P. do Caramiñal
Nova Orleáns e non N. Orleáns
Exceptúanse, non obstante, algúns casos puntuais que o uso estableceu como correntes.
N. York (Nova York)
EUA (Estados Unidos)
- O espazo que separa as palabras dun sintagma debe manterse na forma abreviada, xa que cada unha delas redúcese independentemente.
n. do ed. (nota do editor) e non n.do ed.
p. ex. (por exemplo) e non p.ex.
O símbolo
Os trazos que definían esta unidade xa se explicaron antes:
- Pode aplicarse a palabras únicas.
- Só representa as formas plenas sen pretender substituílas.
- Representa unidades do ámbito técnico-científico.
- As súas formas non varían dunha lingua a outra.
Pero, ademais destas, existen tamén unha serie de marcas formais que lle outorgan homoxeneidade como categoría individual. As máis destacables son as seguintes:
- Non levan punto (.) nin barra final (/).
km (quilómetro)
g (gramo)
t (tonelada)
Esa barra que se prohibe ao final do símbolo emprégase, pola contra, para marcar algún tipo de relación entre dous deles.
km/h (quilómetros por hora)
m3/s (metros cúbicos por segundo)
l/m2 (litros por metro cadrado)
• Non admiten forma de plural.
1 h (unha hora)
6 h (seis horas)
- Escríbense con letra maiúscula ou minúscula segundo as convencións internacionais determinen en cada caso. É unha decisión arbitraria, pero debe ser respectada universalmente se se quere garantir a comprensión do documento.
g (gramo)
kg (quilogramo)
M (mega-)
MHz (megahertz)
MB (megabyte)
As maiúsculas e as minúsculas do símbolo deben manterse con independencia do tipo de letra que leve o resto do texto.
Precísase un ordenador con 850 MB de memoria.
CONFISCAN 50 kg DE AMEIXA SEN DEPURAR.
- Escríbense sempre con letra redonda, xa que a aparencia que se escolleu para o símbolo mantense de xeito estrito.
- Os símbolos que están formados pola redución de máis dunha palabra, non deixan espazo entre os seus constituíntes.
CV (cabalo de vapor) e non C V
UA (unidade astronómica) e non U A
Si que se mantén unha separación, pola contra, entre unha cantidade e o símbolo que a acompaña.
3 t (tres toneladas) e non 3t
120 CV (cento vinte cabalos de vapor) e non 120CV
Se esa separación coincide co remate dunha liña pásase para a liña seguinte o conxunto formado por cantidade e símbolo.
ardeu unha superficie de
150 ha de monte
e non
ardeu unha superficie de 150
ha de monte
Existe unha única excepción para os símbolos de tanto por cento (%) e tanto por mil (‰) que sempre se manteñen unidos á cantidade que acompañan.
O 52% dos electores votou ao candidato
A taxa de mortalidade é dun 4‰
A sigla
A sigla caracterízase porque:
- Reduce máis dunha palabra.
- Substitúe as denominacións plenas correspondentes.
- Só emprega a primeira letra de cada unha das palabras da denominación.
No seu interior é posible individualizar dous subtipos en función da maneira en que se len:
- siglas silábicas
Están formadas por unha combinación de letras que permite lelas como un bloque único.
ONU (Organización das Nacións Unidas)
IVE (Imposto sobre o valor engadido)
- siglas consonánticas
Están formadas por unha combinación de letras que obriga a soletrealas unha por unha.
PVP (Prezo de venda ao público)
SNL (Servizo de Normalización Lingüística)
UXT (Unión Xeral de Traballadores)
Igual que ocorría coas abreviaturas, tampouco as siglas presentan formas únicas a nivel internacional. Polo tanto, ao adaptar ao galego siglas estranxeiras pode actuarse de dous xeitos distintos:
- Importar a sigla orixinal.
General Agreement on Trade and Tariffs – GATT (Acordo xeral sobre Aranceis Aduaneiros e Comercio)
Irish Republic Army – IRA (Exército Republicano Irlandés)
Central Processing Unit – CPU (Unidade central de procesamento)
- Traducir a denominación e crear a sigla sobre ela.
Acquired Inmuno-Deficiency Syndrome (AIDS) – Síndrome de inmunodeficiencia adquirida (SIDA)
North Atlantic Treaty Organization (NATO) – Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN)
World Health Organization (WHO) – Organización Mundial da Saúde (OMS)
Agora ben, o feito de que non exista unha normalización internacional para determinar a forma das siglas, non quere dicir que os usuarios dunha lingua poidan modificalas ou crear outras novas segundo a súa vontade. Cada idioma conta cun corpus de formas asentadas e validadas polo uso, ao que se van engadindo outras novas que organismos e institucións adoptan para denominarse a si mesmos.
Non existen tampouco unhas normas establecidas á hora de crear novas siglas, pero adóitase ter en conta a facilidade para pronuncialas, o que fai que se prefiran as siglas silábicas (son raros exemplos como IGVS —Instituto Galego da Vivenda e o Solo—). Tamén se procura que dous organismos distintos non compartan a mesma sigla.
Igual que ocorría coas abreviaturas e os símbolos, tamén as siglas teñen unhas características distintivas de tipo formal entre as que hai que subliñar que:
- Non levan punto nin espazo intermedio.
CDG (Centro Dramático Galego) e non C.D.G., C. D. G. nin C D G
IRA (Exército Republicano Irlandés) e non I.R.A., I. R. A. nin I R A
- Non levan til, incluso naqueles casos en que lles correspondería se fosen tratadas como unha unidade léxica máis.
BASIC (Beginner’s All-purpose Symbolic Instruction Code) e non BÁSIC
- Non teñen forma de plural. Para facer referencia a máis dun obxecto ou dunha entidade, a marca de número vai no artigo ou nalgunha das palabras que acompañan a sigla.
os DOG do mes de maio
tres DNI caducados
- Teñen o mesmo xénero ca a primeira palabra do sintagma pleno de que proceden.
o PIB (o produto interior bruto)
a LAU (a Lei de autonomía universitaria)
- Van normalmente en maiúsculas. En minúsculas introdúcense só as iniciais das palabras gramaticais (artigos, preposicións, etc...), nos casos en que formen parte da sigla.
INEF (Instituto Nacional de Educación Física)
SEPI (Sociedade Española de Participacións Industriais)
PSdG (Partido Socialista de Galicia)
CiU (Convergència i Unió)
Este criterio non se cumpre de xeito estrito, pois existen siglas asentadas na lingua que grafan as preposicións ou as conxuncións con maiúscula.
ENDESA (Empresa Nacional de Electricidad, Sociedad Anónima)
PEME (Pequena e mediana empresa)
IRYDA (Instituto de Reforma e Desenvolvemento Agrario)
- Escríbense sempre con letra redonda, aínda que a forma plena se grafe con cursiva.
DOG (Diario Oficial de Galicia)
ALG (Atlas Lingüístico Galego)
Ademais das particularidades formais vai haber tamén unha serie de restricións que delimitan as posibilidades de empregar siglas en contextos concretos:
- A primeira vez que aparecen nun documento deben ir entre parénteses despois da forma plena, co fin de aclarar as posibles dúbidas que puidesen existir sobre o seu significado.
O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) ten o cometido de dotar de soporte técnico o proceso de normalización da lingua galega na Universidade de Santiago de Compostela (USC). O SNL ofrece os seus servizos á totalidade dos membros da comunidade universitaria...
- Non se aconsella usalas nos títulos dos documentos, a non ser que a forma plena resulte excesivamente longa.
A LEI DE AUTONOMÍA UNIVERSITARIA CUMPRE DEZ ANOS mellor ca A LAU CUMPRE DEZ ANOS.
O BALANCE DO FEDER. INFORME ANUAL mellor ca O BALANCE DO FONDO EUROPEO DE DESENVOLVEMENTO
REXIONAL.
O acrónimo
Un acrónimo é un tipo de abreviación que se constrúe tomando máis dunha letra de todas ou dalgunha das palabras que constitúen a forma plena. Esta forma especial de creación permite que poidan pronunciarse sen recorrer ao soletreo.
Renfe (Rede Nacional de Ferrocarrís Españois) e non RNFE
Inludes (Instituto Lucense de Desenvolvemento) e non ILD
As súas características formais e as súas restricións de uso son as mesmas ca as das siglas, cunha única excepción:
- Os acrónimos só conservan a maiúscula na primeira letra, como manifestación da súa maior integración na lingua.
Fenosa (Fuerzas Eléctricas del Noroeste, Sociedad Anónima) mellor ca FENOSA
Aenor (Asociación Española de Normalización e Certificación) mellor ca AENOR
Icona (Instituto Nacional para a Conservación da Natureza) mellor ca ICONA
Inem (Instituto Nacional de Emprego) mellor ca INEM
Hai quen inclúe dentro dos acrónimos unha serie de unidades léxicas creadas por abreviación de sintagmas ou de grupos de palabras (láser, ovni, bit, módem...), polo xeral referidas a novos conceptos do mundo da ciencia e a técnica. Desde o punto de vista histórico a decisión pode parecer correcta, xa que a orixe destas formas está en siglas ou acrónimos que se foron lexicalizando.
light amplification by stimulated emission of radiation – láser
unidentified flying object – obxecto voador non identificado – ovni
binary digit – bit
Pero vistas desde a perspectiva dun falante actual estamos diante de unidades léxicas normais: seguen as regras de acentuación do galego (láser), teñen variación en canto ao número (bit-bits), escríbense con minúscula... Por todo isto parece máis razoable agrupalas nunha categoría independente, denominada siglas lexicalizadas.
Presentación
Ademais das cuestións próximas ao terreo da ortografía, o que segue está orientado con prioridade cara a aspectos tipográficos e de organización dos contidos.
Dentro del caberán, tanto orientacións referidas á presentación dos documentos como un todo (marxes, aliñamento, paxinación, interliñado...), coma á presentación dos textos (marcaxe e separación de subdivisións, tipografías especiais —cursiva, negra...—, etc.).
Cada persoa ou cada organismo establece de xeito particular unha serie de pautas que intentan harmonizar a aparencia externa da documentación que produce. Pola contra, existe outro conxunto de aspectos máis regulamentados, ben por centros internacionais de normalización ou polo propio uso, que axudan a organizar a información dun texto e a destacar os contidos máis relevantes, e que son os que imos tratar aquí.
Identificación e numeración dos apartados dun documento
Xa se indicou noutro lugar deste traballo que a busca da claridade na exposición e na presentación de textos administrativos debe ser un obxectivo permanente no seu proceso de elaboración. Hai que xerarquizar segundo a súa importancia os contidos que se inclúen, xa que isto permite que se clarifiquen as relacións que existen entre eles, e que se representen nos documentos dun xeito visual.
Desde organismos internacionais recoméndase recorrer á numeración como xeito de clasificar as partes dun texto ou dun documento segundo a súa importancia.
Este procedemento presenta unha serie de vantaxes sobre outros, como os signos gráficos (puntos [•], raias [—], asteriscos [*] ou frechas [→]) ou as letras:
- Permite establecer apartados e subapartados con facilidade.
- Amosa, por medio dun código unívoco e coñecido universalmente, as relacións que existen entre as partes dun documento.
- Facilita as referencias e citacións posteriores.
Cando se marquen con números as subdivisións débese respectar unha serie de convencións formais:
- Hai que empregar cifras arábigas (1, 2, 3...).
- Normalmente, a numeración empeza co 1, pero existe a posibilidade de empregar o 0 para identificar un prólogo, unha introdución, un prefacio ou un texto semellante.
- Pódense facer subdivisións, partindo do 1 en cada unha delas. De todos os xeitos, non é conveniente complicar en exceso o número de niveis.
- Os números que representan cada un deses niveis sepáranse do seguinte por medio dun punto. Por esa razón non se coloca este sinal despois do último deles.
PROGRAMA DA MATERIA CONTROL DIXITAL
- Introdución
- Modelos matemáticos para a descrición de sistemas discretos
- Mostraxe dun sistema continuo
- Sistema no espazo de estados
- Transformación de modelos no espazo de estados
- Modelos de entrada e saída
- A transformada Z
- Polos e ceros
- Análise de sistemas de tempo discreto
- Introdución
- Estabilidade
- Control, alcance e observación
- Análise de ciclos de realimentación simples
- Deseño
- Introdución
- Deseño de ciclos simples
A cursiva
Nin as indicacións que se darán neste subapartado, nin as do seguinte están apoiadas nunhas normas fixas de validez internacional, senón que foi o costume o que impuxo unha serie de usos que na actualidade son respectados de forma xeral en toda a documentación.
Os modernos programas de procesamento de textos permiten realizar moitas variacións na presentación dos caracteres (letras ocas, sombreadas, cursivas, negras...), pero só os dous últimos tipos se asocian cunhas funcións concretas que van máis alá da vertente estética.
En concreto, gráfanse con cursiva:
- os títulos de producións culturais ou artísticas (libros, publicacións periódicas, pinturas, esculturas, gravados, composicións musicais, películas, espectáculos teatrais, programas de televisión, etc.)
Sempre en Galiza, de Castelao
O Correo Galego
Alborada, de Pascual Veiga
Aquelarre, de Goya
Moisés, de Miguel Anxo
Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro
A noite vai coma un río, de Álvaro Cunqueiro
Telexornal
- os nomes propios que individualizan certas realidades (monumentos, medios de transporte, obxectos moi coñecidos nun ámbito concreto, etc.)
a Berenguela
a Mariscala (cadea que a tradición identifica coa que prendeu a Pardo de Cela)
o Big Ben
o Transcantábrico
o Titanic
- os sobrenomes ou alcumes de persoas e os nomes propios de animais
Arsenio Iglesias, o Raposo de Arteixo
Miguel de Cervantes, o Manco de Lepanto
Chamoulle á cadela Lúa
- os nomes científicos de plantas e animais
Castanea sativa (castiñeiro)
Ilex aquifolium (acivro)
Labrus bergulta (maragota)
- os nomes comúns, frases e locucións non normativas (por proviren de linguas estranxeiras, por seren moi novas, inventadas ou coloquiais de máis)
Comparadas con outras, as miñas faltas son peccata minuta.
O estilo new wave triunfou durante os anos 80.
Fixo un estudo sobre o grao de alcol dos after shave.
Ceamos tallaríns á carbonara.
O xuíz amosou o seu savoir-faire no tratamento deste asunto.
Púxolle ás a un carro e dixo que inventara o carravión.
O guía dicíalle a un amigo: “Os guiris flipan coa catedral.”
- as palabras que se queren destacar ou salientar nun texto, ou aquelas coas que se fai referencia a si mesmas
O acordo terá que asinarse necesariamente durante esta semana.
Non se pode entender iso por formación continuada.
En galego, desenrolar só significa ‘estirar un obxecto que está enrolado’.
- as citas legais
O artigo 6.1 da Lei de normalización lingüística afirma o seguinte:
Os cidadáns teñen dereito ao uso do galego, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa Administración pública
no ámbito territorial da Comunidade Autónoma.
- as letras que cumpren funcións especiais nos textos (introducir apartados, facer unha referencia a si mesmas, compoñer fórmulas matemáticas, presentar opcións, etc.)
Nos apartados a), b) e f) resúmense as novidades da investigación.
A letra j non existe no alfabeto galego.
Cal é o resultado da ecuación de segundo grao x2-3xy+45?
A opción c parece a máis favorable para nós.
Cando os medios técnicos cos que se conta non permiten marcar con cursiva un fragmento determinado, as comiñas son o método máis habitual de destacar a mesma información.
Presentouse onte o libro “O celtismo en Merlín e familia”.
Se nun texto que se escribe en cursiva aparecen algúns dos elementos que se estiveron enumerando, haberá que destacalos do conxunto por medio da ausencia da cursiva.
O decreto afirma:
Só poderán solicitar indemnizacións por mor dos danos causados polo Mar Exeo os mariscadores da ría do Burgo.
Pola contra, non se escriben en cursiva:
- os títulos de obras normativas ou legais
Código penal
Lei de normalización lingüística
- os nomes de institucións, empresas ou edificios
Consello Xeral do Poder Xudicial
Colexio Bispo Guerra Campos
- as marcas de produtos industriais e os tipos de vehículos
aspirina
Concorde
- as razas de animais
gato siamés
A negra
Por medio da letra negra quen redacta un texto destaca do conxunto dun documento aquela información que considera máis relevante. Tendo en conta a liberdade que unha pauta de uso tan xenérica permite, cómpre recorrer a ela con moita prudencia para non sobrecargar os textos e para permitir que cumpra realmente a súa función destacadora.
Así, pódese marcar con negra:
- os encabezamentos e as palabras que introducen cada un dos bloques de contido dun documento
Tribunal cualificador das probas selectivas para a provisión de dúas bolsas de colaboración para o Servizo de Normalización Lingüística. Acta número 1
Lugar: Vicerreitoría de Coordinación
Data: 23 de setembro de 2004
Hora de comezo: 13.00 h
Hora de remate: 14.15 h
Asistentes
Dona Isabel Souto Malvar, presidenta
Don Fernando Miranda Torres, vogal
Don Francisco Tovar Fernández, vogal
Don Miguel Anxo Senra Álvarez, vogal
Don Antón Vázquez Fornos, secretario
- os subtítulos ou os apartados de que se compón un capítulo dun libro
Consultar o apartado A xustificación do bilingüismo para o caso galego, do capítulo “Principios metodolóxicos”, do libro O galego e as leis de Pilar García Negro.
Cómpre non mesturar de xeito arbitrario as distintas formas de destacar elementos nun texto. Segundo os casos, empregarase a redonda negra ou a cursiva sen negra, pero hai que tentar evitar o uso da cursiva negra xa que os contidos que unha e outra indican son distintos.
As Xornadas de Presentación de Software para Internet están sendo un éxito de público
mellor ca
As Xornadas de Presentación de Software para Internet están sendo un éxito de público.
A versal
O uso da versal non é moi amplo, con todo existen algúns casos nos que o seu uso é xa tradicional. Emprégase sobre todo para grafar:
- os séculos cando se expresan en números romanos
Os retos da administración pública de cara ao século xxi
- os nomes de autores en referencias bibliográficas e citas
Lorenzo, X.: O mar e os ríos, Vigo, Galaxia, Biblioteca Básica da Cultura Galega, 1982
- as mencións ao propio título dunha obra publicada
Este volume (Libro de estilo da linguaxe administrativa) foi presentado por…
Ordenación de parágrafos, liñas e páxinas
Tamén neste aspecto existe unha serie de usos establecidos que, sen seren normas de obrigado cumprimento, si teñen unha certa tradición. Os máis asentados son:
- Separar os parágrafos por medio dunha liña en branco, ou do espazo desexado segundo as posibilidades do procesador de texto, sen recorrer ao sangrado.
A presidenta presenta unha proposta de calendario para as probas de selección, así como para as reunións do tribunal en que se confeccionará a lista definitiva de solicitudes admitidas e excluídas, e en que se corrixirán os exercicios.
Don Anxo Serra Álvarez propón que a avaliación de méritos dos e das aspirantes teña lugar na mesma sesión en que se faga pública a devandita lista.
Os parágrafos sangrados reservaranse unicamente para publicacións de extensión relativamente grande. Cando se empreguen non é preciso deixar sistematicamente unha liña en branco entre parágrafo e parágrafo, xa que isto resultaría redundante.
- Aliñar como norma xeral o texto á esquerda (tamén se pode optar por aliñar a ambos os lados) e incluír a menor cantidade posible de información en bloques centrados ou aliñados á dereita, buscando a simplicidade e a comodidade na redacción.
Ao mesmo tempo que lle agradezo unha vez máis a súa colaboración, desexo que o esfrozo que os autores e este Instituto realizamos chegue a ser un instrumento útil para a súa tarefa, e espero que as nosas institucións poidan colaborar de novo no futuro.
Atentamente, (sinatura) Emilio Laxe Martín Director do Departamento de Filoloxía Galega Santiago, 21 de decembro de 2005 |
- Non deixar soa nunha páxina a primeira nin a derradeira liña dun parágrafo.
1)
*Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, pode interpoñer un recurso perante a Sala do Contencioso Administrativo |
2)
Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. |
- Evitar que unha páxina remate con títulos ou subtítulos.
1)
*2 Discusión dos orzamentos para o exercicio de 2005 |
2)
A vicerreitora de Asuntos Económicos expón... |
- Non deixar ao final ou ao principio dunha liña unha única letra, aínda que forme sílaba por si soa.
*... con isto pretendo informalo do a-
dianto da reunión das 11 h...
- Incluír os signos de puntuación na mesma liña ca a palabra ou a frase coa que se relacionan.
*emprázoa para que o día 3 de outubro
, entre as 9 e as 14 h, se presente…
- Encabezar cada un dos elementos que compoñen unha enumeración con algún tipo de marca, ben sexa as letras ou os números, ou a raia (—), o punto (•), o asterisco (*) ou as frechas (→), xa que permiten que a identificación sexa máis rápida.
As solicitudes débense acompañar de:
— fotocopia do DNI
— certificado de empadroamento
— informe da Policía local
Introdución
Para que o contido dun documento sexa ben interpretado por quen o recibe non abonda con que estea gramaticalmente ben construído, senón que hai que ter en conta, ademais, outra serie de trazos formais que interveñen na comunicación. Neste apartado abordarase un dos máis importantes: os signos de puntuación.
Puntuar un documento non é máis ca colocar antes ou despois de certas palabras unhas marcas gráficas de valor convencional, coas que a persoa que redacta lle indica á que le as diferentes pausas e entoacións que debe realizar para captar a intención comunicativa desa mensaxe.
Un texto mal puntuado pode ser interpretado de xeito equivocado e provocar actuacións administrativas incorrectas e incluso ilegais. Por iso é fundamental prestar moita atención a este aspecto, con frecuencia descoidado na redacción da documentación.
Nas páxinas que seguen sinalaranse os usos máis habituais de cada un dos signos de puntuación na norma escrita do galego.
O punto
Uso xeral
En principio, o punto marca unha pausa máis longa ca a indicada pola coma ou o punto e coma, e sinala o remate dunha oración.
Utilízase o punto e seguido cando entre a oración que remata e a que empeza hai unha certa continuidade.
Os plans de formación intentan que os cadros de persoal das empresas actualicen os seus coñecementos. En concreto, o da Deputación de Pontevedra...
Recórrese ao punto e á parte cando a oración que empeza trata dun asunto novo ou cando, no caso de ser o mesmo, é tomado desde unha perspectiva diferente.
Os plans de formación intentan que os cadros de persoal das empresas actualicen os seus coñecementos.
A asistencia a congresos ou reunións científicas tamén...
Na documentación en xeral
- Débese rematar con punto a frase de despedida dun documento se nela se utiliza un verbo.
Aproveito a ocasión para saudalo atentamente.
- Úsase para rematar as abreviaturas que non empregan a barra diagonal.
adm. Ilmo. (pero s/n b/n)
Debemos lembrar, porén, que se omite cando a abreviación se fai por medio dunha sigla, dun acrónimo ou dun símbolo.
ICO (Instituto de Crédito Oficial) |
FCI (Fondo de compensación interterritorial) |
láser |
ovni |
m (metro) |
km (quilómetro) |
- Non se utiliza punto ao final das datacións que aparecen en forma completa.
Ferrol, 24 de agosto de 2004
Nas expresións numéricas
- Serve para separar o día, o mes e o ano nas datacións escritas con número (tamén se pode utilizar o guión ou a barra diagonal), ou para separar a indicación das horas da dos minutos.
19.05.68
19-05-68
19/05/68
12.24
19.00
- Non é aconsellable utilizar punto no interior das cifras, tanto dá que se trate de cantidades coma de expresións numéricas doutro tipo (anos, números de teléfono ou de fax, números de documentos, etc.), pois no mundo anglosaxón este signo serve para separar a parte enteira da decimal das cifras, igual que entre nós se emprega a coma. Cando o número de díxitos é maior de catro sepáranse cun espazo en branco en bloques de dous ou tres elementos, segundo a convención establecida para cada caso.
ano 1995
teléfono 981 583 800
DNI 35 310 267
41 196 persoas
De todos os xeitos, tendo en conta o asentado que está o emprego do punto tanto en documentos como en cantidades, admítese como variante secundaria.
DNI 35.310.267
41.496 persoas
Nas enumeracións e nas citas
- Á hora de destacar e clasificar os elementos enumerados en listaxes que se presentan de xeito vertical podemos recorrer a distintos elementos: as letras con paréntese de pechazón, as letras con punto, os números, etc.
a) o presidente a. o presidente
b) o secretario b. o secretario
c) os vogais c. os vogais
No caso de empregarmos números non se coloca punto a continuación daquel que designa o último nivel da subdivisión.
1 o edificio
1.1 dependencias principais
1.1.1 o salón artesonado
1.2 outras dependencias
- Normalmente, non se utiliza signo de puntuación despois de cada membro da enumeración, pero pódese recorrer ao punto —ou ao punto e coma— se se trata de oracións.
Preténdese discutir varios aspectos:
a) Negociar o horario do persoal descontinuo.
b) Chegar a un acordo sobre a oferta de emprego para este ano.
c) Prohibir que se esixan horas extraordinarias.
- Cando se cita un documento normativo o punto utilízase para separar o número do artigo do número do apartado, e este da cifra ou letra seguinte.
Regulamento de réxime interior, 12.7.a
Na rotulación e nos títulos
- Os indicadores, sinais informativos e rotulacións non teñen punto final.
Non fumar
Prohibido o paso
Gabinete de Comunicación
- Os rótulos de mapas, táboas, cadros e, en xeral, os textos escritos ao pé dunha fotografía ou dunha ilustración non adoitan levar punto final. Si poden recorrer a el cando se trate dunha oración con puntuación interna ou de máis dunha oración.
Vista aérea dos Canóns do Sil
Lugo. Barrio da Ponte
- Os títulos de libros, documentos escritos, etc. e dos seus capítulos non levan punto final, aínda que inclúan algún signo de puntuación no seu interior.
Sempre en Galiza
Follas Novas
1.2 A lingua, instrumento social. Repercusións
O contacto entre signos
- Non está permitido o contacto entre os seguintes signos:
— dous puntos seguidos
O punto que marca o final de parágrafo desaparece ante os puntos suspensivos, o signo de admiración, ou o signo de interrogación. O punto das abreviaturas unifícase co que indica o final dun parágrafo.
Advírtese un continuo reforzamento dos mecanismos de presión económica de Galicia: expoliación dos seus recursos económicos, aumento do desemprego, discriminación orzamentaria permanente...
Lástima que esta actitude só se aplique nestas dúas reunións!
Supón iso unha mellora real para as empresas?
Orzamento por dpto. Ano 2006
— a raia e o punto
O primeiro dos signos desaparece cando ten lugar a confluencia.
O crime aínda non está aclarado —segundo informaron na radio.
Por iso as oracións que se introducen dentro doutras coa axuda da raia non levan punto final.
As mulleres percibirán integramente o seu soldo mentres gocen dunha baixa por maternidade —a lei obriga a facelo así— sempre que presenten unha partida de nacemento.
— a barra diagonal e o punto
Como norma xeral dáselle preferencia ao punto, pero o uso establecido permite que nalgúns casos se manteña a barra.
t/ (talón) x/ (xiro) ch/ (cheque)
- Nas transcricións ou citas de textos o punto escríbese despois das comiñas se non forma parte do fragmento transcrito. Pola contra, irá antes se forma parte del e se se trata dunha oración completa, precedida de dous puntos ou un punto e seguido.
Dixo que “a intervención sindical non foi suficiente”.
Dixo: “A intervención sindical non foi suficiente.”
Agora ben, cando teoricamente lle corresponden os dous —o do interior das comiñas e o de final de parágrafo—, só se empregará o primeiro deles
Antes de sentarse á mesa afirmou con rotundidade: “Non aceptaremos novas demoras na aplicación do proxecto.”
Se os signos de admiración ou interrogación aparecen pechados dentro dunhas comiñas ou dunhas parénteses, pódese rematar o parágrafo cun punto, se é necesario.
Ao respecto preguntou: “Quere isto dicir que o grao de participación foi moi pequeno?”. Ninguén lle contestou.
- Cando o punto conflúe coas parénteses, normalmente escríbese despois delas. Non obstante, se estas inclúen unha oración independente (iniciada cunha maiúscula), o punto final escríbese dentro delas.
Hoxe toma posesión o novo presidente do Fondo Monetario Internacional (FMI).
Os criterios de contratación dan prioridade a determinadas(Os e as especialistas en cantaría e xardinaría terán preferencia.)
A coma
Uso xeral
Indica unha pausa breve dentro da oración, que non rompe a continuidade entre partes do discurso que aparecen relacionadas polo sentido e tamén gramaticalmente. Non obstante, a correspondencia entre a grafía e a fala non é sempre unívoca: moitas veces as pausas do discurso oral non se representan na escrita.
Escríbese pegada á palabra que a precede, pero separada da seguinte por medio dun espazo en branco.
A xurídico-administrativa é unha linguaxe técnica, usada nos terreos da administración e a xustiza, que mantén...
Na documentación en xeral
- Individualiza calquera segmento intercalado no interior dunha oración que explique ou aclare o sentido do conxunto ou dun elemento concreto. Non importa se ese segmento é outra oración, unha frase ou unha palabra.
A reunión celebrarase, se acode o 50% das persoas convocadas, o vindeiro día 26.
Esta reunión, pola súa especial importancia, estará aberta ao público.
Mario Saldaña Brión, interesado, certifico baixo a miña responsabilidade que estes datos son certos.
Dentro deste grupo teñen especial importancia as oracións encabezadas por que, pois neste caso a presenza ou ausencia da coma implica un cambio no sentido do conxunto.
O representante da Administración, que chega mañá, será recibido polo concelleiro de Urbanismo.
- Utilízase para separar a oración principal da subordinada cando se altera a orde natural e a segunda antecede á primeira.
Cando se cumpra un ano desde a súa entrada en vigor, este contrato deberá ser revisado polas dúas partes.
- Individualiza un vocativo do resto da oración.
Rógolle, señora presidenta, que escoite a miña proposta.
- Separa as conxuncións ou expresións conxuntivas e aclarativas (xa que logo, polo tanto, por conseguinte, é dicir, ou sexa...) dos outros elementos dunha oración.
Xa que logo, agardamos a súa contestación.
Por conseguinte, o noso ditame é correcto.
O período de prácticas empezará o próximo luns, isto é, o día 5 de outubro.
- Separa os adverbios ou as expresións de tipo adverbial intercaladas no medio da oración (ademais, en xeral, nese caso, en efecto...).
Os datos, en xeral, invitan ao optimismo.
- Aparece no canto dun verbo que se elidiu para evitar unha repetición.
Ricardo pasa a máquina as cartas e Ana, as circulares.
- Na correspondencia e no texto dos discursos emprégase a coma despois do saúdo inicial; e tamén da despedida, se se trata dunha estrutura sen verbo.
Estimada colega,
Quero comunicarlle...
Atentamente,
Iago Nóvoa
- Nas datacións colócase unha coma entre o nome da poboación e a data; e nos enderezos entre o nome da vía pública e o número, e entre este e o do andar.
Vilanova de Lourenzá, 28 de setembro de 2004
Rúa dos Lagartos, 23, 4ºb
Travesa do Franco, 5, 2º a
- Nunca se pode separar con comas o suxeito do predicado, nin este do complemento directo, aínda que na fala se perciba unha pequena pausa.
*O tribunal cualificador, estará constituído por cinco persoas.
*Os aspirantes agardan, os resultados da comisión de selección.
- Polo xeral, non se emprega diante da maioría das conxuncións, a non ser que haxa unha pausa evidente ou que a conxunción una dous elementos de distinto nivel.
Chegamos tarde de máis, pois o tren que nos traía estivo dúas horas parado nunha estación perdida.
Levan cinco anos tentándoo, e meu curmán segue insistindo en que a sorte ha chegar.
Nas expresións numéricas
- Cando se escriben cantidades úsase a coma, mellor ca o punto ou ca o apóstrofo, para separar a parte enteira da decimal.
384 681,49
3,1416
- Cando se indica o día e a hora a que se vai celebrar algún acontecemento, as dúas informacións sepáranse cunha coma.
O congreso inaugurarase o día 18, ás 11 h.
Nas enumeracións e nas citas
- Serve para separar os termos dunha enumeración (palabras, frases ou oracións) sempre que estean ao mesmo nivel.
As especialidades ofertadas son: albanelaría, pintura, forxa e contabilidade.
Ao longo desta xornada o reitor recibira á embaixadora belga en España,inaugurará un congreso de médicos, asinará un convenio coa Consellaría de Cultura e conversará cos medios de comunicación.
O contacto entre signos
- A coma non se emprega antes dos puntos suspensivos, pero si pode usarse despois deles.
Agárdase a chegada de xente procedente de todo o mundo: Europa, Asia, as dúas Américas..., o que avala o prestixio internacional da feira.
- Pódese empregar detrás dos signos de admiración e interrogación, das comiñas ou dun inciso marcado por unha raia ou por parénteses; pero nunca diante.
O proxecto foi un éxito!, ela que diga o que queira.
Investigación?, profesorado?, masificación?..., cal é o maior problema?
Pronunciou o discurso “A Administración do século XXI”, no que defendeu a presenza das novas tecnoloxías.
O novo curso empeza —matrículas, libros, festas...—, pero a cidade volve encherse.
Os orzamentos do ano pasado foron restritivos (11 498 millóns de pesetas), pero vémonos obrigados a prorrogalos.
O punto e coma
Uso xeral
Recórrese a este signo cando se quere indicar unha pausa dunha duración intermedia entre a da coma e a do punto.
O obxectivo do estudo é coñecer a opinión da poboación verbo do racismo; preguntarase, xa que logo, a unha mostra representativa de persoas.
Na documentación en xeral
- Separa as partes dun texto que, dividido o seu interior con comas, manteñen entre si unha relación de sentido.
No Concello da Fonsagrada o índice de abstención foi alto; os resultados non son, polo tanto, os desexables.
Isto explica o costume de marcar con este signo as oracións adversativas ou concesivas (encabezadas por pero, senón, aínda que...) cando a anterior é longa e leva comas no seu interior.
Espero que o informe que lle envío, que explica polo miúdo as razóns polas que non se admitiu a súa reclamación, despexe as súas dúbidas; pero, se non é así, ten un prazo de dez días para presentar un recurso perante o tribunal.
En enumeracións e citas
- Moi relacionadas co apartado anterior están as enumeracións en que se separan con punto e coma os bloques de elementos que manteñen entre si unha relación especial.
Levouse a cabo unha renovación completa do material do Servizo: mesas, cadeiras e andeis; ordenadores, impresoras e módem; enciclopedias, vocabularios e guías.
- Naquelas enumeracións que individualizan dalgunha maneira os seus membros, pódese separar con punto e coma cada un deles, tendo conta de escribilos con letra minúscula.
Preténdese discutir varios aspectos:
a) negociar o horario do persoal descontinuo;
b) chegar a un acordo sobre a oferta de emprego para este ano;
c) prohibir que se esixan horas extraordinarias.
O contacto entre signos
- Evidentemente, o punto e coma non pode coincidir nunca co punto nin coa coma, xa que indican informacións contrapostas. Non obstante, aparece detrás de signos como a raia, as parénteses ou os corchetes, as comiñas, a interrogación ou a exclamación; xa que representan un inciso —e polo tanto unha pausa— no ritmo da secuencia.
A convocatoria anunciouse convenientemente —pode velo na prensa galega do mes pasado—; polo tanto, a súa afirmación carece de fundamento.
Afirma que as acusacións son “unha falacia”; gustaríame poder crelo.
Os puntos suspensivos
Uso xeral
Serven para deixar aberto e sen concluír calquera tipo de enunciado, ao omitir algún dos seus compoñentes; por iso non se deixa espazo entre eles e a palabra á que seguen. Detrás desta omisión pode haber razóns moi variadas:
- O anaco que falta dáse por coñecido.
Xa sei que non debería collelo, pero como di o outro: “O que rouba a un ladrón...”
- Non interesa, pola razón que sexa, indicar a información completa.
A exposición presenta os obxectos máis diversos: traxes de época, tecnoloxía moderna, manuscritos, moedas antigas, traballos de ourivaría...
- Déixase unha indeterminación que o receptor debe completar.
Primeiro rogou, despois pediu, despois esixiu... e non fixeron o que quería!
- Tamén se empregan para suspender momentaneamente unha oración co fin de provocar o interese ou a sorpresa do receptor no momento de continuar.
Cando a rapaza ía entrar na súa casa..., escóitase un ruído no xardín. Vese que unha sombra se achega..., ela non se decata... Era o seu home que chegaba da guerra!
- Finalmente, marca pausas e omisións que non son voluntarias, senón provocadas pola dúbida, o respecto, o temor, problemas expresivos, etc.
Teño que pedirche un favor: Poderías darme... vaia, darme non, emprestarme... só un par de días, quero dicir... xúroche que non cho estrago... o disco de Milladoiro?
Nas expresións numéricas
- Indícase con puntos suspensivos —e non con etcétera— que unha serie numérica calquera vai quedar aberta.
Os dorsais dos primeiros clasificados son: 4, 95, 37, 2, 76, 44, 332, 80, 51...
En enumeracións e citas
- Cando non se queren facer explícitos todos os membros dunha enumeración pódese cerrar con puntos suspensivos.
Deberíanse establecer convenios entre as empresas e as consellarías para desenvolver proxectos en distintos ámbitos: reciclaxe de residuos, acuicultura, formación empresarial, ferramentas para a tradución...
- Nas citas, cando se colocan dentro de corchetes, indican a supresión dun anaco do texto citado.
“Esta obra pretende axudar un algo [...] a falar e escribir entre nós como é debido.”
En función dos signos de puntuación que os rodeen pódese obter información acerca do fragmento suprimido.
- Se aparecen despois dun punto e antes de letra maiúscula indican que se suprimiu unha ou máis oracións enteiras.
“Plano de conservación dos paramentos dos edificios. [...] Esta acción realizarase, se é posible, seguindo a normativa actual.”
- Se está precedida por un punto, pero despois non hai maiúscula, só se suprimiu un anaco da última oración, aínda que poden faltar ademais unha ou varias enteiras.
“Ampliación da Facultade de Humanidades. [...] terá como finalidade prioritaria cubrir as carencias de espazo que sofre a biblioteca.”
- Se antes non hai punto, só se suprimiu un anaco da primeira oración, aínda que poden faltar tamén outra ou outras completas.
“Executarase a rede de comunicacións do Concello de Vigo, [...] O proxecto está redactado e as obras están en trámite de adxudicación.”
- Se non hai nin punto antes nin maiúscula despois, o fragmento suprimido non incluirá nunca unha oración independente.
“A remesa de material recibido [...] inclúe moitos obxectos en estado lamentable.”
O contacto entre signos
- A presenza de puntos suspensivos fai desaparecer o punto final dunha oración.
A decisión aínda é prematura, talvez debiamos agardar... Agora ben, mañá ten que haber unha resposta.
- A coma pode aparecer xunto deles; pero só a continuación, nunca antes.
As universidades seguen producindo especialistas en dereito, filoloxía, medicina, historia, farmacia..., pero o mercado laboral está bloqueado.
- Os puntos suspensivos deben considerarse parte dos incisos en que aparecen, por iso se escriben antes ca o signo de peche de que se trate, ben sexa a paréntese, o corchete ou a raia.
A produción agrícola e gandeira de Galicia —leite, carne, patacas, pementos...— é dunha gran calidade.
Os dous puntos
Uso xeral
Empréganse para introducir nun texto unha cita, unha enumeración de elementos ou unha explicación do xa dito.
A conferenciante rematou o seu relatorio dicindo: “Foi unha grande honra para min contar cun auditorio tan selecto.”
Os traballos de concentración parcelaria comezarán polas seguintes parroquias: Goiriz, Bidueiros, Corbite e Trece.
En xeral, a palabra que vai a continuación escríbese con minúscula, pero nos exemplos anteriores xa se ve que non é sempre así. Se se transcribe un texto hai que manter as grafías do orixinal.
A Lei de normalización lingüística é clara: “O galego é a lingua propia de Galicia.”
Tamén se conserva cando despois dos dous puntos hai unha ou máis oracións independentes que comezan na liña seguinte.
Acordos da xuntanza:
1 Estudarase o problema de espazo nalgúns centros.
2 Flexibilizarase o horario das bibliotecas.
3 Analizarase a ampliación das residencias universitarias.
Na documentación en xeral
- Cos dous puntos pódense introducir conclusións, especificacións, aclaracións ou exemplificacións de algo dito anteriormente.
Acaba de licenciarse: é lóxico que estea contento.
Para este ano a Comisión marca dous obxectivos: o aumento das horas de emisión en lingua galega e a galeguización absoluta das tarefas administrativas.
- Na documentación xurídica e administrativa aparecen despois de formas como certifico, solicito, fago constar, ordeno, pido...
SOLICITO:
Que sexa admitida a miña inscrición no concurso-oposición a través do cal se van cubrir prazas de celadores/as no Servizo Galego de Saúde.
- Non poden aparecer nunca entre un verbo e os seus complementos ou un nome e os seus modificadores, aínda que estean constituídos por enumeracións.
*No Mesón do Xallas comemos: navallas, ameixas, ollomol e año; e saíunos moi ben de prezo.
*Os mariñeiros de: Cangas, A Guarda, Vigo e Moaña manifestáronse onte polas rúas da cidade.
Nas expresións numéricas
- Representan o signo matemático da división —tamén se pode empregar a barra diagonal (/)—, hai que deixar sempre un espazo en branco entre o signo e as dúas cifras que o acompañan.
493 058 : 49
4 000 : 20
O contacto entre signos
- A coma desaparece cando entra en contacto cos dous puntos.
Desta análise extráense dúas consecuencias principais, ademais doutras secundarias que mencionaremos: a obriga de someterse a un criterio de autoridade e a necesidade de coordinarse.
- Non se inclúen dentro de raias, parénteses, corchetes, comiñas ou signos de interrogación ou admiración que individualizan fragmentos dun texto, xa que non se consideran parte da oración que os precede.
Olalla comezou a falar —nese momento calou todo o mundo—: “Espero que sexades conscientes do que ides facer...”
Ao chegar amosounos a súa “humilde morada”: un pazo de cantaría cun xardín que chegaba á beira do río.
As parénteses
Uso xeral
Incorporan información adicional ou aclaratoria nun texto, para facer un inciso no seu discorrer natural. A relación que se establece entre o inciso e a oración na que se insire é máis feble ca de empregárense comas ou raias.
En 1985 (hai 20 anos) o Concello de Mondoñedo organizou por vez primeira un curso de verán.
Debemos limitar o seu uso, pois poden chegar a entorpecer a fluidez do discurso. Nese caso, as parénteses débense substituír por outros recursos expresivos, como as comas, ou unha variación na redacción. Así, nun exemplo como
Daniel Castelao (1886-1950) foi testemuña privilexiada dos sucesos da primeira metade do século xx, pola súa posición como intelectual (foi director literario de Nós), como investigador (realizou traballos para o Seminario de Estudos Galegos) e como político (foi elixido deputado polo Partido Galeguista).
Deben eliminarse parénteses para buscar unha redacción máis fluída.
Daniel Castelao (1886-1950) foi testemuña privilexiada dos sucesos da primeira metade do século xx, tanto pola súa posición intelectual como director literario de Nós, como polo seu labor investigador para o Seminario de Estudos Galegos ou polo seu traballo político como deputado do Partido Galeguista.
Na documentación en xeral
- Enmarcan a indicación da sigla que vai identificar unha institución determinada.
A Universidade de Vigo (UV) anuncia os mestrados que vai organizar durante o curso 2004-05.
- Acompañan o nome orixinal dalgún obxecto ou entidade, ou o título dun libro, á beira da forma traducida.
Recibiuse unha salutación da Universidade de Oxford (Oxford University).
Doou á Biblioteca Municipal unha edición de O vello e o mar (The old man and the sea), con anotacións do autor.
- Acompañan os números, letras ou asteriscos que se empregan nos textos como chamadas ou indicacións de notas, cando se traballa cuns medios técnicos que non permiten escribir eses signos en superíndice.
O Manual de linguaxe administrativa (1) vaise reeditar proximamente...
Nas expresións numéricas
- Prefírense as parénteses ao guión para separar os indicativos internacionais dos números de teléfono.
(34) 982 49 93 11
(31) 20 645 17 98
En enumeracións e citas
- Pódese usar paréntese de peche —tamén punto— despois das letras con que se ordenan os elementos dunha enumeración.
a) o presidente a. o presidente
b) o secretario b. o secretario
c) os vogais c. os vogais
- Empréganse para indicar o autor dun texto que se transcribe de forma literal.
Toda persoa que defenda a súa propia lingua sen agredir a ninguén ten a razón da súa parte. (Tilbert D. Stegmann)
O contacto entre signos
- Se entre parénteses vai unha oración independente, débese colocar o punto dentro delas, o que impide a presenza doutro a continuación. Se dentro das parénteses non hai punto, colócase ao final sen maior problema.
Os criterios de contratación priorizarán determinadas actividades. (Os e as especialistas en cantería e xardinería terán preferencia)
Hoxe toma posesión o novo presidente do Fondo Monetario Internacional (FMI).
- Non poden aparecer unhas parénteses dentro doutras. Para os incisos que ocasionalmente haxa que facer dentro delas pódese recorrer ás comas, ás raias ou aos corchetes.
- Conviven sen ningún problema cos signos de exclamación ou de interrogación. Estes irán dentro ou fóra das parénteses segundo afecten a toda a oración ou só ao inciso marcado con elas.
Antía Andrade segue sendo unha autora moi prolífica (sete libros neste ano!).
Como conseguir que asistan especialistas na materia (tal vez debería dicir nas materias)?
Os corchetes
Uso xeral
É moi semellante ao das parénteses —de feito ambos os dous signos serven para enmarcar aclaracións e datos necesarios— pero o alcance dos corchetes é moito máis restrinxido, pois unicamente engaden información ou marcan supresións en citas textuais.
Na documentación en xeral
- Empréganse para substituír as parénteses que se precisarían en bloques de texto que xa van entre parénteses.
Todas estas iniciativas (a convocatoria de novas axudas, a creación dun servizo de asesoría lingüística, a realización dunha nova enquisa [a última é de 2003], e outras que se propoñan) requiren un novo modelo de financiamento.
- Nas fichas bibliográficas inclúense entre corchetes aqueles datos que só se poden conxecturar.
Glosario de termos bancarios, Santiago, Xunta de Galicia, [1989].
En enumeracións e citas
- Introducen unha información complementaria, que non se atopa no texto orixinal, pero que facilita a súa comprensión.
“Neste día de festa [o 25 de xullo, Día de Galicia] podemos estar contentos, pero non darnos por satisfeitos.”
- Recórrese a eles para completar unhas iniciais.
A autoría parece clara: Á[lvaro] C[unqueiro].
- Os puntos suspensivos que indican a supresión dunha parte dun texto citado escríbense tamén entre corchetes.
“O lector atopará aquí unha detallada descrición da pesca e das artes empregadas, sen que falte un cumprido e documentado capítulo dedicado ás tarefas de conservación [...].”
- Marcan calquera modificación no texto orixinal, ou enmarcan a forma sic para sinalar un erro.
“Esta actitude debe ser controlada no futuro.” [O subliñado é noso.]
“Cando saíu da abitación [sic] non se despediu.”
O contacto entre signos
- Aplícaselles todo o dito verbo das parénteses, e o indicado antes sobre o punto e coma e os puntos suspensivos.
O guión
Uso xeral
É un trazo horizontal de pequeno tamaño (-), que se coloca entre dúas partes dunha palabra para separalas ou entre dúas palabras diferentes para relacionalas, sen deixar espazo entre elas.
intramuscular
galaico-astur
Na documentación en xeral
- É o trazo que vincula a segunda forma do artigo (lo, la, los, las) á palabra precedente, cando esta pertence a algún dos seguintes grupos. Lembramos que o seu uso é, segundo a normativa, opcional e só é obrigatorio tras a preposición por (vai polo mar) e tras o adverbio u (u-lo coche?).
— forma verbal distinta do participio, rematada en -r ou -s
Hoxe remata o prazo que se lle concedeu para presenta-la memoria.
— pronomes átonos nos, vos e lles en posición enclítica (despois do verbo
O representante dos traballadores entregóuno-lo seu proxecto de xestión integral.
— pronomes tónicos nós e vós
Vó-los catro presentastes esta solicitude fóra do prazo fixado.
— co adverbio interrog
U-los tempos de antano onde todo era máis sinxelo?
- Marca a partición dunha palabra ao final dunha liña.
A proposta deste equipo de traballo foi aprobada por una-
nimidade.
- Cando a forma que se parte leva xa de por si guión e cadra nel a partición, débese repetir o guión ao comezo da seguinte liña.
Chegaron por volta das dúas, cando xa se ía levanta-
-la sesión.
- Separa os dous compoñentes dunha palabra composta que non está consolidada como un todo único.
físico-química
maníaco-depresivo
xurídico-económico
- Marca unha relación de afinidade, de oposición, etc. entre dous ou máis elementos, que non chega ao nivel de asentamento necesario para formar unha palabra composta. (A barra diagonal [/] cumpre a mesma función.)
As relacións Administración-cidadanía só poden estar baseadas na igualdade e o respecto mutuo.
En expresións numéricas
- Separa os elementos das datacións que se escriben de forma abreviada. (Tanto neste uso como na indicación de períodos de tempo que se menciona no punto seguinte, a barra diagonal pode substituír o guión.)
19-05-68 25-12-84
- Expresa os intervalos que median entre dúas cantidades ou entre dous períodos de tempo.
páx. 154-94
(1945-1988)
- Este signo utilízase tamén cando o período se marca por medio de palabras e non de cantidades.
O Courel, xaneiro-marzo de 2005
A raia
Uso xeral
É un trazo horizontal de maior tamaño ca o guión (—) que cumpre unha función moi semellante á da paréntese, marca incisos ou intercalacións nun parágrafo. A vinculación do inciso co conxunto do texto é maior ca se se marcase con parénteses ou con corchetes, pero menor ca se fose entre comas.
A reunión celebrarase, se acode o 50% das persoas convocadas, o vindeiro día 26.
Por último —informou o presidente— imos dar comezo á votación.
No ano 1985 (hai 20 anos) o Concello de Mondoñedo organizou por vez primeira un curso de verán.
En enumeracións e citas
- Úsase para introducir cada un dos elementos que compoñen unha lista ou unha enumeración, déixase un espazo en branco entre a raia e a primeira palabra do parágrafo.
As solicitudes débense acompañar de:
— fotocopia do DNI
— certificado de empadroamento
— informe da Policía local
- Nas citas bibliográficas emprégase para evitar a repetición continuada do nome do autor cando varias das súas obras van unhas tras as outras.
LORENZO, X., O mar e os ríos, Vigo, Galaxia, Biblioteca Básica da Cultura Galega, 1982.
— A casa, Vigo, Galaxia, Biblioteca Básica da Cultura Galega, 1982.
— Os oficios, Vigo, Galaxia, Biblioteca Básica da Cultura Galega, 1983.
Nos diálogos
- É a forma en que se individualizan as intervencións de cada unha das persoas que falan. Neste caso non se deixa espazo entre a raia e o comezo do texto.
A continuación, a concelleira Lamela Pérez dirixiuse ao alcalde para dicirlle:
—Pero como pretende que lle deamos o visto e prace a este orzamento?
—Este orzamento supera en 150 millóns o que vostedes xestionaron o ano pasado, e sen recorrer ao endebedamento.
- Tamén se enmarcan entre raias os incisos que introducen a voz do narrador no medio dos diálogos.
—Este orzamento —respondeu o alcalde, señor Varcia Blanco, sen poder agachar o seu enfado— supera en 150 millóns o que vostedes xestionaron o ano pasado, e sen recorrer ao endebedamento.
O contacto entre signos
- O punto non se pode utilizar dentro dun inciso marcado con raias, pero si a coma, o punto e coma e os dous puntos.
“A proposta” —anunciou a voceira, sen disimular a súa ledicia— “foi aprobada por maioría absoluta.”
- A presenza do punto de final de parágrafo fai desaparecer a raia que ocasionalmente puidese ir diante del.
O número de persoas que estudan no campus de Ourense pasa xa dos 10 000 —son datos da propia Universidade.
- Se se trata dun punto e seguido pódese prescindir da raia en todos os casos, excepto nos incisos en diálogos.
O número de persoas que estudan no campus de Ourense pasa xa dos 10 000 —son datos da propia Universidade. Isto supón un aumento importante con respecto ao ano anterior.
—Este orzamento supera en 150 millóns o que vostedes xestionaron o ano pasado —respondeu o alcalde, señor Varcia Blanco, sen poder agachar o seu enfado—. E conseguimos chegar a tales cifras sen recorrer ao endebedamento.
- Antes da raia non pode aparecer ningún signo que indique unha pausa (coma, punto e coma, dous puntos...), pero si despois.
—Este orzamento supera en 150 millóns o que vostedes xestionaron o ano pasado —respondeu o alcalde, señor Varcia Blanco, sen poder agachar o seu enfado—; non me explico en que argumento se pode basear para criticalo.
- Non se debe recorrer ás raias, senón ás parénteses ou ás comas, para marcar un inciso dentro dun fragmento xa separado por raias.
As novidades deste curso —a tarxeta de fotocopiadora, que non precisa dos cartos en metálico; e os ficheiros automatizados, froito de dous anos de traballo— facilitarán o labor de quen utilice a biblioteca.
- As raias con que se marca o diálogo fan innecesario o uso das comiñas. Só resultan útiles para transcribir de xeito literal un diálogo completo; nese caso colócanse unicamente ao principio e ao final do fragmento.
Despois de implicárense mutuamente no delito, os dous acusados mantiveron a seguinte discusión:
“—Sempre souben que eras un miserable capaz de vender á túa nai con tal de saír inocente!
—Non mintas! Sabes moi ben que me obrigaches a entrar na casa!
—Eu? Que te obriguei eu? Eras ti o que querías roubar o cadro!”
As comiñas
Uso xeral
Empréganse para destacar unha palabra ou un conxunto de palabras por mor da súa orixe, das súas propiedades ou da súa función.
En principio, podemos escoller entre tres tipos: as latinas ou francesas (« ») e as inglesas, que se dividen en dobres (“ ”) e simples (‘ ’). Os dous primeiros tipos empréganse indistintamente, se ben son moito máis habituais as inglesas.
Pola súa parte, as simples aparecen fundamentalmente en dous casos:
- Para destacar palabras ou fragmentos dun texto que xa vai entre comiñas.
“A rapaza dixo ‘agora é tarde para iso’ ao saír pola porta”, afirmou a testemuña.
- Para sinalar que unha palabra ou secuencia se emprega para definir outra precedente.
É preciso lembrar que roxo significa en galego ‘de cor castaña moi clara, tirando a amarela ou algo máis escura’ e non é, xa que logo, sinónimo do castelán rojo.
Na documentación en xeral
- Serven para marcar diversos tipos de títulos:
— os dos capítulos ou apartados dunha obra
Castelao escribiu o “Adro” de Sempre en Galiza durante o ano 1935, no desterro de Badaxoz.
— os dos artigos en publicacións periódicas
O artigo “Algas mariñas. Un proveitoso recurso” lémbranos a riqueza natural da costa galega.
— os de traballos e documentos non publicados (teses, memorias de licenciatura, informes, estudos, proxectos de investigación...)
A súa tese “Estudo da poboación e dos hábitos dunha colonia de araos nas illas Sisargas” recibiu a máxima puntuación.
— os das coleccións editoriais
O Servizo de Normalización Lingüística editaba tamén a colección “Anexos d’O Cartafol”.
— os de conferencias, mesas redondas, relatorios e discursos
O congreso iniciouse coa conferencia “A acuicultura hoxe”.
— os de poemas, cancións e lemas
O autor intenta cuestionar a imaxe tópica de Rosalía de Castro partindo do poema “A xustiza pola man”.
Para esta campaña escollemos o lema “Vida sen tabaco”.
- Destácanse por medio delas as palabras ou expresións ás que se lles outorga un valor especial ou que se empregan cun dobre sentido ou con ironía.
No partido deste sábado conseguimos o “éxito sen precedentes” de recibir “só” seis goles.
- Débese evitar usar as comiñas nos casos para os que se aconsella a letra cursiva: títulos de calquera tipo de produtos culturais ou artísticos, nomes propios que individualizan distintas realidades, sobrenomes ou alcumes, nomes científicos e palabras que non se consideran normativas, ben pola súa novidade ou por provir de linguas estranxeiras, etc.
De todos os xeitos cando, pola razón que sexa, non se poida escribir en cursiva unha secuencia á que teoricamente lle correspondería, empréganse as comiñas para realizar a mesma función.
Presentouse onte o libro “O celtismo en Merlín e familia”.
- Tampouco se deben grafar con comiñas os nomes de simposios, congresos, cursos, disciplinas, bolsas e axudas; nin os de planos, programas ou campañas; nin os de edificios, monumentos ou terreos; nin os de empresas, institucións oficiais ou outro tipo de organizacións, como grupos musicais ou de teatro.
Congreso de Universidades Galegas e Latinoamericanas
Premio de Xornalismo Quinto Centenario
Axudas á investigación 2004–05
Plan de estradas de Galicia
Campaña de apoio a Bosnia
Pazo de Bendaña
Parque Rosalía de Castro
Pescanova
Instituto Galego da Vivenda e o Solo.
Os Diplomáticos de Monte Alto
En enumeracións e citas
- Úsanse nas transcricións directas dunha palabra ou dun fragmento oral ou escrito.
“Estes cen anos deben servirnos para mirar máis cara ao futuro que cara ao pasado”, dixo o presidente ao inaugurar a exposición.
- Dentro dun texto marcado con comiñas non pode ir ningunha cousa distinta do texto citado. Polo tanto, se queremos introducir un inciso de calquera tipo debemos pechar as comiñas antes de que empece e volvelas abrir unha vez que acabe.
“Nunca pensei”, afirmou o representante sindical, “que se puidese chegar a un acordo na primeira reunión.”
- Non se precisan comiñas naquelas citas que se presentan individualizadas nun parágrafo independente, normalmente cunhas características tipográficas (tipo de letra, tamaño, marxes...) distintas ás do documento no que se inscriben.
Nas liñas seguintes, o prologuista destaca a calidade do texto:
O seu autor [...] proporciona, ademais dun meritorio esforzo de análise e síntese, o seu coñecemento de estudoso e especialista na materia [...].
- É preferible non recorrer ás comiñas para indicar nunha enumeración en columna que unha palabra se repite. Podemos empregar outras formas de redacción ou repetir o elemento tantas veces como faga falta.
Consumo de material:
3 600 folios no mes de xaneiro,
2 400 no mes de febreiro e
5 100 no mes de marzo.
Consumo de material:
3 600 folios no mes de xaneiro,
2 400 folios no mes de febreiro e
5 100 folios no mes de marzo
mellor ca
Consumo de material:
3 600 folios no mes de xaneiro,
2 400 “ no mes de febreiro e
5 100 “ no mes de marzo.
O contacto entre signos
- Non se debe repetir o punto antes e despois das comiñas: colócase dentro ou fóra segundo corresponda e, no caso de que o poida levar nos dous sitios, só se emprega o primeiro deles.
Dixo que “a intervención sindical non foi suficiente”.
Dixo: “A intervención sindical non foi suficiente.”
- A coma, o punto e coma e os dous puntos van sempre detrás das comiñas.
Pronunciou o discurso “A universidade do século XXI”, no que defendeu a utilidade das humanidades.
Afirmou que as acusacións eran “unha falacia”; esperemos que sexa certo.
Ao chegar amosounos a súa “humilde morada”: un pazo de cantaría cun xardín que chegaba á beira do río.
- Os signos de admiración e de interrogación poden ir dentro ou fóra das comiñas, segundo o valor deles se circunscriba á parte entre comiñas ou se estenda a todo o fragmento.
Antes de rematar a sesión o presidente preguntou: “Alguén ten algunha obxección que facer?”
Cando pensa deixar de contestar a todo “estou en contra”?
A interrogación
Usos xerais
Tanto este signo coma o de exclamación teñen como finalidade marcar na escrita as diferentes entoacións que se lle poden dar a unha palabra ou conxunto de palabras.
En galego, a entoación interrogativa ou exclamativa márcase ao final do enunciado por medio dos signos ? e !, respectivamente. Para facilitar a lectura e evitar ambigüidades poderase indicar o inicio destas entoacións cos signos ¿ e ¡, respectivamente. Deben colocarse sen espazo en branco, tanto ao comezo como ao final do segmento ao que fan referencia.
Canto tempo se van paralizar as clases por mor dos exames de febreiro?
Na documentación en xeral
- A entoación interrogativa non ten por que afectar a unha oración completa. Por iso, só se debe marcar con signos o anaco que teña valor interrogativo.
O presidente, ou foi o secretario?, preguntou varias veces se estaban de acordo en aprazar a votación.
- Cando aparece o signo de peche entre parénteses (?) indica dúbida, estrañeza, ironía ou desconfianza con respecto á información precedente.
Afirmou que a masificación estaba a piques de deixar de ser un problema (?). Debería circular máis a miúdo por esa estrada.
- Non hai por que reduplicar a interrogación para salientar unha expresión. Se se quere conseguir este efecto pódese colocar á súa beira un sinal de exclamación.
Cantas veces hei ter que dicircho!?
En expresións numéricas
- Cando o signo de interrogación acompaña unha data indica que non hai seguridade sobre a súa exactitude.
O notario Pai Goterres (¿1380–1443?) aparece citado en moitos documentos galegos do arquivo do Concello de Santiago.
O contacto entre signos
- Non é posible colocar punto tras dun signo de interrogación, pero si coma, punto e coma, dous puntos ou comiñas.
Investigación?, profesorado?, masificación?...; cal é o maior problema?
Como ten previsto explicar isto?: se o número de contratos asinados cae nun 20% é que algo ocorre.
- O signo de interrogación e o de exclamación poden ir xuntos para facer énfase no contido da pregunta.
Cantas veces hei ter que dicircho!?
- Ás oracións interrogativas poden engadírselles matices de dúbida, de reticencia ou de vacilación que se marcan con puntos suspensivos. Estes irán antes ou despois do signo segundo o contido que achegan sexa aplicable só ao segmento interrogativo ou ao conxunto do texto.
Será certo o rumor de que o Parlamento vai organizar un concerto de Aninovo?...
Eu lin onte no xornal que non, pero se ti o dis...?
A exclamación
Uso xeral
Marca a entoación especial que provoca a manifestación de calquera tipo de sentimentos (alegría, tristeza, sorpresa, enfado, dor...).
Non te volvo avisar! Ou sentas ou marchas!
Aprobei! Xa son avogado.
Como me doe esta man!
A súa utilización réxese polas mesmas pautas que gobernaban o emprego da interrogación.
A barra diagonal
Uso xeral
Indica a existencia dunha relación de calquera tipo (de asociación, de oposición, de afinidade, de separación...) entre os elementos no medio dos cales se inclúe sen deixar espazo entre eles.
Parece que as relacións goberno/oposición entran nunha nova etapa despois deste Claustro.
A velocidade máxima autorizada é de 70 km/h.
Na documentación en xeral
- Serve tamén para separar a terminación do masculino da do feminino naqueles casos en que interese indicar as dúas.
Esta convocatoria está aberta a calquera profesor/ra que teña interese en obter a axuda.
- Algunhas abreviaturas moi concretas poden marcarse, ademais de cun punto, cunha barra. Sexa como for, non se debe estender esta dualidade de usos máis alá daquelas formas nas que xa é habitual.
c/ (conta)
c/c (conta corrente)
ch/ (cheque)
- Relaciona os dous elementos que forman un símbolo composto.
km/h (quilómetros por hora)
l/m2 (litros por metro cadrado)
- En documentos de tipo normativo serve para separar o seu número de orde do ano ao que corresponde.
Por mor da modificación da Lei de axuizamento civil, acordada pola disposición adicional quinta da Lei 29/1994...
- Separa tamén os versos dun poema cando se reproducen nunha mesma liña. Neste contexto cómpre deixar un espazo en branco antes e despois da barra.
Campanas de Bastavales, / cando vos oio tocar / mórrome de soidades. [...]
En expresións numéricas
- Separa o numerador e o denominador na representación das fraccións.
12/36
1/20
- Aparece tamén nas datacións expresadas por medio de números, tanto para sinalar día, mes e ano; como para marcar períodos de tempo (tamén se pode empregar o guión ou, para as datacións, o punto).
19/05/68
Abono para a temporada 2005/06
O contacto entre signos
- A barra diagonal e o punto non poden coincidir nunha mesma abreviatura.
x. ou x/
c. c. ou c/c
- A barra que separa versos ou a que equivale ao punto dunha abreviatura pode ir acompañada por calquera outro sinal ortográfico.
Abreviaturas como x/, t/, ch/... manteñen a barra en vez de substituíla polo punto.
O teito é de pedra. / De pedra son os muros / e as tebras. / De pedra o chan / e as reixas. [...]
Introdución
A lingua é, en moitos aspectos, o espello da sociedade que a emprega. Por iso, os trazos sexistas que se poden detectar no galego derivan dunha realidade que favoreceu —e nalgúns aspectos aínda favorece— a discriminación da muller.
A medida que en distintos ámbitos da sociedade van xurdindo iniciativas que tenden a modificar esa situación, tamén no terreo lingüístico aparecen propostas con paralelas intencións reformadoras.
Quen redacta un documento administrativo debe prestar especial atención a esta cuestión, pois o texto que está elaborando vaise interpretar como unha manifestación práctica da ideoloxía da entidade á que representa; especialmente se o fai desde un organismo oficial, pois nel débese sentir reflectido o conxunto da poboación (homes e mulleres). Neste último caso é inadmisible que a linguaxe administrativa perpetúe esquemas xa superados, nos que a figura feminina era discriminada, e que as leis condenan de xeito explícito.
Neste bloque vanse ofrecer unha serie de recomendacións para evitar este tipo de hábitos, orientadas fundamentalmente en dúas direccións:
- Por un lado, propóñense formas de denominar un grupo mixto que non pasen polo uso do masculino como xenérico, ben prescindindo das marcas de xénero, ben empregando simultaneamente as formas masculina e feminina.
Por exemplo, se se desexa evitar unha denominación como sala de profesores pódese empregar, ben sala de profesorado, ben sala de profesores e profesoras.
- Por outro, preséntase unha forma de feminino para designar as mulleres que exercen profesións tradicionalmente reservadas aos homes.
Por exemplo, empezan a ser comúns denominacións como médica, arquitecta ou xerenta para referirse a aquelas mulleres que remataron os estudos de Medicina ou Arquitectura, ou que se ocupan da xerencia dalgunha entidade ou institución.
De entre as posibilidades que se presentan será necesario ir escollendo a posibilidade máis apropiada segundo as particularidades do contexto en que se vai aplicar, xa que non todas serven indistintamente en todos os casos.
Xeitos de evitar as marcas de xénero
O máis normal é intentar substituír a unidade problemática por outra non marcada en relación ao xénero. Segundo as características da que se suprima, a nova forma pode ser moi distinta:
- En documentos abertos, nos que se deben deixar ocos en branco para encher co nome da persoa que os emite, as formas en masculino (o solicitante, nacido, domiciliado...) supoñen unha discriminación que se podería evitar cunha expresión xenérica como datos persoais.
Datos persoais: nome e apelidos ........., data de nacemento .........., domicilio ........
no canto de
O solicitante ............, nacido en ........., domiciliado en ...........
- Empregar persoa como xenérico evita ter que recorrer a substantivos masculinos para esa mesma función.
Anúnciaselles ás persoas interesadas que o vindeiro día 5...
no canto de
Anúnciaselles aos interesados que o vindeiro día 5...
• Tamén se pode evitar a masculinización dos cargos por medio de palabras de valor colectivo, pois teñen a propiedade de orientar a mensaxe cara ao propio cargo e non cara á persoa que o ocupa.
A presidencia da Deputación | no canto de | O presidente da Deputación |
Decreto da alcaldía | no canto de | Decreto do alcalde |
As secretarías dos centros | no canto de | Os secretarios dos centros |
As propostas do persoal | no canto de | As propostas dos traballadores |
Enquisa sobre o profesorado | no canto de | Enquisa sobre os profesores |
Algúns outros substantivos con valor colectivo aos que podemos acudir en momentos determinados son:
agrupación | cidadanía | corpo | persoal |
alumnado | colectividade | equipo | poboación |
asemblea | colectivo | grupo | veciñanza |
autoridades | comunidade | infancia | xente |
cadro de persoal | consello | mocidade | xuventude |
- En certos casos, unha unidade marcada con respecto ao xénero pode ser substituída por medio dun xiro perifrástico que habitualmente recorre a pronomes interrogativos ou indefinidos.
Quen presente a solicitude... | no canto de | O solicitante... |
As formas femininas de cargos, oficios e titulacións
Os cambios que se producen nunha sociedade acaban manifestándose na súa lingua; por iso non é estraño que a integración da muller no mundo laboral teña implicacións idiomáticas.
Oficios e postos de traballo que ata hai poucos anos eran masculinos por definición son desempeñados na actualidade por mulleres: hai que buscarlles, xa que logo, unhas denominacións profesionais que se adapten a esta nova situación.
Non se pretende aquí, nin moito menos, dar un conxunto de regras absolutas, posto que o uso é o único lexislador válido neste terreo. Ofrécese unicamente unha proposta harmonizada e non discriminadora, que parte de casos actualmente avalados polo uso, pero que non limita en absoluto evolucións posteriores neste terreo.
Así, faise unha distinción entre dous grandes grupos de denominacións segundo a forma en que marcan o feminino:
• Os que non modifican o substantivo
O xénero feminino indícase a través da flexión das palabras que o acompañan: o artigo ou o adxectivo.
— os rematados en –ar
o/a auxiliar
o/a titular
— os rematados en -al
o/a oficial
o/a vogal
— os rematados en -nte
o/a axudante | o/a docente | o/a estudante | o/a solicitante | o/a postulante |
o/a delineante | o/a ensinante | o/a intendente | o/a tenente | o/a viaxante |
— os rematados en -able ou en -abel
o/a contable
— os rematados en -ense
o/a forense
— os rematados en -a no masculino
o/a analista
o/a documentalista
o/a fisioterapeuta
o/a ordenanza
Os que si modifican o substantivo
Aínda que en moitos casos a forma do masculino é empregada para designar os dous sexos, é normal empregar o feminino sempre que estea vivo na lingua.
— as parellas que rematan en -o no masculino e en -a no feminino
administrativo/administrativa | colexiado/colexiada | médico/médica |
almaceneiro/almaceneira | contratado/contratada | mozo de servizo/moza de servizo |
arquitecto/arquitecta | emérito/emérita | numerario/numeraria |
asalariado/asalariada | encargado/encargada | técnico/técnica |
asociado/asociada | enxeñeiro/enxeñeira | voceiro/voceira |
avogado/avogada | fontaneiro/fontaneira | xardineiro/xardineira |
carpinteiro/carpinteira | funcionario/funcionaria | xubilado/xubilada |
catedrático/catedrática | interino/interina |
— as parellas que rematan en -e no masculino e en -a no feminino
xefe/xefa
mestre/mestra
O feito de que os rematados en -nte sexan, en xeral, invariables, ou que un feminino como conserxa resulte na actualidade estraño para os falantes amosan que esta pauta xeral non é válida en todos os casos.
Neste grupo de palabras rematadas en -e o uso convértese nun criterio decisorio fundamental, que xustifica a corrección ou incorrección dunha forma determinada.
— os rematados en -or, -z ou -an no masculino singular engaden un -a no feminino
profesor/profesora | monitor/monitora | calefactor/calefactora |
asesor/asesora | condutor/condutora | capataz/capataza |
tradutor/tradutora | pintor/pintora | gardián/gardiá |
xestor/xestora | operador/operadora |
Outros aspectos destacables
- Débese evitar, sempre que sexa posible, o emprego da palabra home en sentido xenérico, pódese substituír por persoas, seres humanos, humanidade ou outro substantivo colectivo.
Todos os seres humanos teñen necesidades afectivas
no canto de
Todos os homes teñen necesidades afectivas.
- Non se debe empregar a forma señorita para referirse ás mulleres solteiras: o tratamento feminino de respecto é señora, con independencia do estado civil.
- Os documentos pechados, que se dirixen a unha persoa concreta, deben personalizarse todo o que sexa posible e incluír formas de feminino ou de masculino segundo o sexo do destinatario.
- Os documentos abertos, dirixidos a persoas descoñecidas, réxense polas recomendacións feitas neste capítulo.
Presentación
Un problema co que se atopa a miúdo quen redacta un documento administrativo é a forma de facer referencia a si mesmo e á persoa a que se dirixe, sobre todo se non está familiarizado coas convencións deste tecnolecto.
Un dos trazos que caracterizan a linguaxe administrativa moderna é a superación da despersonalización e da falta de democratización que caracterizou épocas pasadas. A posta en práctica deste principio ten consecuencias neste apartado, tanto na mención do emisor do documento como na do seu receptor.
O tratamento do emisor
En xeral, a primeira persoa do singular (eu) será a máis empregada para mencionar a quen asina un documento, moito por diante das outras dúas posibilidades teóricas: a terceira persoa do singular (el, ela) ou a primeira persoa do plural (nós).
Esta escolla débese a que o eu axuda a constituír un estilo claro e directo, ao tempo que individualiza e identifica de xeito inequívoco o emisor.
Agora ben, en casos particulares pódese empregar calquera das outras dúas opcións.
- A terceira persoa do singular úsase:
— nas invitacións e nos saúdos
O feito de que se mencione o cargo antes do nome do emisor favorece o emprego desta forma.
O presidente da Fundación Castelao, don Xermán Currás Maio, comprácese en convidalo/la...
— en documentos producidos por un órgano colectivo
Algúns exemplos de resolución ou de informe recorren a ela para indicar que o contido que se transmite é responsabilidade dun grupo de persoas.
A Sección de Urbanismo do Concello informa que considera positiva a proposta formulada por...
— no anuncio ou na memoria
Neles, o emisor non é máis ca un transmisor de información que non ten responsabilidade ningunha sobre o contido do documento.
Comunícaselles ás persoas interesadas que a conferencia...
— na acta
O secretario do órgano que se reúne narra os feitos como se fose un espectador e non un participante, co fin de reforzar a imaxe de obxectividade e de imparcialidade.
A presidenta constitúe o tribunal coa ausencia da vogal Helena Ares Torres, o que non impide...
No convenio emprégase a terceira persoa do plural (eles, elas) xa que este documento debe ser asinado por dúas ou máis persoas.
- A primeira persoa do plural (nós) pode empregarse cando se lle quere dar relevancia ao colectivo dentro do cal o autor se integra. Con todo, é un uso en claro retroceso fronte á primeira persoa do singular ou á terceira persoa.
Tamén tenden a desaparecer fórmulas como ...o/a que isto subscribe..., ...o/a infraescrito/ta..., etc. que mencionan por medio dunha perífrase a persoa que asina o documento, o que só consegue recargar o texto sen achegar ningunha información nova.
O tratamento do destinatario
O mantemento do respecto —sen caer na humillación nin na coloquialidade excesiva— é unha das características clave da linguaxe administrativa moderna. Por iso, a forma habitual de mencionar o destinatario nos documentos vai ser o vostede, que ofrece un tratamento neutro e correcto, tan afastado da subordinación como da superioridade.
O emprego do ti restrínxese a aquelas comunicacións de tipo interpersoal nas que os interlocutores comparten un elevado grao de confianza e de intimidade.
O tratamento en función do cargo
O respecto que debe presidir a comunicación administrativa pode manifestarse, ademais de polo uso de determinadas persoas verbais, doutras maneiras. Pénsese sobre todo nos tratamentos, un conxunto de palabras ou sintagmas que se definen como ‘o título de cortesía que se lle dá a unha persoa pola súa dignidade, autoridade, cargo ou categoría social’.
Os máis xerais de todos eles, que se empregan con calquera tipo de cargos ou persoas, son don/dona e señor/señora. O primeiro ten que ir seguido polo nome propio do individuo, mentres que o segundo pode preceder tanto ao nome como aos apelidos.
Envieille tamén o documento a don Miguel Luaces Silva.
A señora Sara Pernas Antunes presentou emendas aos orzamentos.
A proposta da señora Pernas Antunes foi rexeitada.
O castelán emprega tamén unha forma de tratamento composta que combina as dúas que acabamos de ver (señor don ou señora doña), pero o galego prescinde dela por redundante.
Existen ademais outras formas de tratamento (os tratamentos protocolarios) que se aplican a determinados altos cargos da Administración, da Igrexa, ou do Exército, non ás persoas que ocasionalmente os ocupan.
A pesar de que o seu emprego está moi asentado na tradición administrativa, na actualidade téndese a prescindir deles, tanto por razóns sociolóxicas e de modernidade (a democratización das relacións administrativas, a claridade e a simplificación dos textos...), como por outras puramente normativas.
Polo tanto, este tipo de tratamentos non é obrigatorio en ningunha modalidade de documento, xa que o mantemento do respecto vén garantido polo emprego do vostede e de formas de tratamento xeral como don/dona ou señor/ra. Na práctica, só aparecen en documentos de protocolo máximo (invitacións, programas de inauguracións, saúdos...), nunca nos de carácter informativo ou narrativo; e unicamente nas comunicacións xeradas pola Administración. Polo tanto, nunca se lle poderán esixir a un escrito procedente da cidadanía.
En publicacións recentes vaise aínda máis alá e recoméndase explicitamente que quen escriba á Administración prescinda de tratamentos protocolarios nos documentos dirixidos a direccións xerais ou a órganos inferiores na escala xerárquica, e que empregue a forma xeral señor/ra.
Os tratamentos que corresponden aos cargos máis importantes das diferentes administracións son:
• Administración autonómica
— presidente/ta e conselleiros/ras da Xunta de Galicia (aplicable tamén aos conselleiros das comunidades históricas)
excelentísimo/ma señor/ra
Excmo./ma. Sr./Sra.
— conselleiros/ras de comunidades autónomas
ilustrísimo/ma señor/ra
Ilmo./ma. Sr./Sra.
— presidente/ta do Parlamento
excelentísimo/ma señor/ra
Excmo./ma. Sr./Sra.
— ex-presidente/ta da Xunta de Galicia
excelentísimo/ma señor/ra
Excmo./ma. Sr./Sra.
— parlamentarios/rias
ilustrísimo/ma señor/ra
Ilmo./ma. Sr./Sra.
Administración central e periférica do Estado
— xefe/xefa do Estado e o seu cónxuxe
a súa excelencia
a S. Exc.
— presidente/ta e ministros/tras do Goberno central
excelentísimo/ma señor/ra
Excmo./ma. Sr./Sra.
— delegados/das ou subdelegados/das do Goberno nas distintas comunidades autónomas
excelentísimo/ma señor/ra
Excmo./ma. Sr./Sra.
Administración educativa
— reitor/ra
excelentísimo/ma señor/ra..., reitor/ra magnífico/ca
Excmo./ma. Sr./Sra..., reitor/ra Mgfco./ca.
— vicerreitor/ra
excelentísimo/ma señor/ra...
Excmo./ma. Sr./Sra.
— decano/na
ilustrísimo/ma señor/ra
Ilmo./ma. Sr./Sra.
— vicedecano/na
ilustrísimo/ma señor/ra
Ilmo./ma. Sr./Sra.
— director/ra de escola universitaria
ilustrísimo/ma señor/ra
Ilmo./ma. Sr./Sra.
— subdirector/ra de escola universitaria
ilustrísimo/ma señor/ra
Ilmo./ma. Sr./Sra.
Administracións locais
— alcaldes/desas dos concellos da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e dos de máis de 100 000 habitantes
ilustrísimo/ma señor/ra
Ilmo./ma. Sr./Sra.
— presidentes/tas de deputacións
ilustrísimo/ma señor/ra
Ilmo./ma. Sr./Sra.
• Administración de xustiza
— presidente/ta, fiscais e maxistrados/das dos Tribunais Supremo e Constitucional
excelentísimo/ma señor/ra
Excmo./ma. Sr./Sra.
— presidente/ta, vicepresidente/ta e vogais do Consello Xeral do Poder Xudicial
excelentísimo/ma señor/ra
Excmo./ma. Sr./Sra.
— fiscal xeral do Estado
excelentísimo/ma señor/ra
Excmo./ma. Sr./Sra.
— presidente/ta, fiscal xefe e maxistrados/das do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
excelentísimo/ma señor/ra
Excmo./ma. Sr./Sra.
— presidente/ta das audiencias provinciais
excelentísimo/ma señor/ra
Excmo./ma. Sr./Sra.
— xuíces/zas de primeira instancia
ilustrísimo/ma señor/ra
Ilmo./ma. Sr./Sra.
— fiscais
excelentísimo/ma señor/ra
Excmo./ma. Sr./Sra.
• Administración militar
— capitáns xenerais, tenentes xenerais, xenerais de brigada e xenerais de división dos exércitos de Terra e Aire, así como almirantes, vicealmirantes e contralmirantes da Mariña
excelentísimo/ma señor/ra
Excmo./ma. Sr./Sra.
— coroneis dos exércitos de Terra e Aire, así como capitáns de navío da Mariña
ilustrísimo/ma señor/ra
Ilmo./ma. Sr./Sra.
— xuíces/zas militares
señoría, usía
Administración eclesiástica
— papa
santidade, a súa santidade
A.S.S.
— cardeais
eminentísimo/ e reverendísimo señor
Emmo. e Revmo. Sr.
— arcebispos
excelentísimo e reverendísimo señor
Excmo. e Revmo. Sr.
— bispos
excelentísimo e reverendísimo señor
Excmo. e Revmo. Sr.
— párroco
reverendo señor
— abadés/sa
moi reverendo/da padre/madre
Outros cargos
— presidentes/tas de colexios profesionais (de avogados, de médicos, de notarios...)
ilustrísimo/ma señor/ra
Ilmo./ma. Sr./Sra.
Quen decida empregar os tratamentos protocolarios na redacción dun documento debe ter en conta que:
- Non poden aparecer no corpo dos textos, só no encabezamento ou no final.
- Se unha persoa ten dous ou máis tratamentos en función dos seus cargos utilizarase o máis alto deles.
- O conxunto formado polo tratamento, o cargo e o nome da persoa organízase do seguinte modo:
— o tratamento correspondente segundo o cargo (as iniciais van en minúsculas na forma plena e en maiúsculas na abreviada)
— o nome da persoa a que se aplica
— o cargo en función do cal recibe ese tratamento
- Sepárase por medio dunha coma do nome da persoa.
…excelentísimo señor Miguel Paredes Velasco, presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Presentación
Os contidos que indican tempo poden aparecer nos documentos baixo as formas máis diversas (por medio de adverbios, de substantivos, de cifras...); pero neste apartado estudaranse algúns aspectos concretos que poden engadir dificultades ao proceso de redacción.
As datacións
Á hora de redactar un documento a indicación da data debe colocarse nun lugar onde destaque visualmente. Por esta razón, o normal é que apareza na súa parte final e despois do bloque da sinatura, tal como no primeiro exemplo, a pesar de que en certos casos admítense outras colocacións.
A)
Atentamente O director(sinatura) Xesús Morán CortizoO Barco de Valdeorras, 25 de outubro de 2005 |
B)
O Barco de Valdeorras, 25 de outubro de 2005 Estimada señora, |
C)
Reciba un cordial saúdo. O Barco de Valdeorras, 25 de outubro de 2005 O director(sinatura) Xesús Morán Cortizo |
Nalgúns exemplos concretos, como os documentos dos cidadáns (alegación, declaración, denuncia, petición, recurso e solicitude), o certificado ou a dilixencia, a data debe ir despois do texto pero antes do bloque da sinatura, pois nestes casos ten unha relevancia maior, que aconsella achegala á cerna do documento.
Por isto, SOLICITO: Que sexa revogada a miña exclusión e que se me inclúa no proceso selectivo. Noia, 8 de novembro de 2004 |
A redacción da datación debe ter en conta unha serie de particularidades:
- É mellor representala nun bloque separado ca dentro do texto, pois esta segunda opción dificulta moito a súa localización.
Noia, 8 de novembro de 2004 |
mellor ca
...asino este documento en Noia, o día oito de novembro de dous mil catro. |
- Non leva preposicións, nin En antes do nome do lugar nin a antes da datación propiamente dita.
*En Noia, a 8 de novembro de 2004 |
- As datacións poden representarse con cifras no interior de cadros e gráficos, ou en formularios dotados dun número limitado de ocos para incluír esta información. Existen dúas formas distintas de facelo:
— Para documentos que vaian empregarse en ámbitos internacionais, a norma ISO (8601-1988), aconsella fundamentalmente aplicar unha orientación decrecente (anos-meses-días), empregar catro cifras para os anos, dúas para os meses e dúas para os días e escribir seguidos os oito díxitos, ou senón separalos con espazos en branco ou con guións.
8 de novembro de 2004 --> 20041108, 2004 11 08 ou 2004-11-08 |
— Para documentos cun ámbito de difusión menor empréganse tamén os oito díxitos, orientados de xeito crecente e separados en bloques por puntos, barras diagonais ou guións.
8 de novembro de 2004 --> 08.11.2004, 08/11/2004 ou 08-11-2004 |
Os períodos de tempo
As horas
Para sinalar un momento concreto ou un período de tempo indicando a hora débense ter en conta os seguintes aspectos:
• As horas exactas poden representarse con letras ou con números.
Convocámolo para as nove da mañá do día 5 de marzo.
Convocámolo para as 9.00 horas do día 5 de marzo.
• As indicacións numéricas poden optar entre dividir o día en dúas metades de doce horas ou nunha soa de vinte e catro, aínda que o máis normal é empregar esta última.
Convocámolo para as 9 da mañá do día 5 de marzo.
Convocámolo para as 7 do serán do día 5 de marzo.
Convocámolo para as 9.00 horas do día 5 de marzo.
Convocámolo para as 19.00 horas do día 5 de marzo.
- Se na mención do momento hai que incluír fraccións de hora usaranse sempre os números.
Convocámolo para as 9 h 15 min do día 5 de marzo.
Neste caso, pódese optar entre diversas representacións gráficas, que posúen un grao de formalidade decrecente:
Convocámolo para as 9 h 15 min do día 5 de marzo.
Convocámolo para as 9.15 h do día 5 de marzo.
Convocámolo para as 9:15 do día 5 de marzo.
- A hora e as unidades menores (minuto e segundo) represéntanse por medio dos símbolos correspondentes:
hora: h
minuto: min
segundo: s
- As cantidades de tempo escríbense sempre con letra.
Agardamos na porta máis de dúas horas.
- Os horarios escríbense sempre con números.
As entrevistas desenvolveranse entre as 10.30 e as 14.00 horas.
Horario de abertura ao público: de 9.00a 14.00 horas.
Agora ben, tendo en conta que a comunicación administrativa se desenvolve en situacións formais, parece mellor respectar as seguintes pautas:
- Continuar a numeración a partir de 12 para marcar horas posteriores ao mediodía.
- Escoller como forma xeral de marcar unha hora calquera das dúas máis formais (9 h 15 min ou 9.15 h) reservando a terceira (9:15) para aqueles casos nos que a concisión adquira unha relevancia especial (horarios, cadros, gráficos, programas de actos...).
- Aínda que se indique unha hora sen fraccións, cómpre representar tamén os minutos, nese caso con 00.
A reunión rematou ás 20.30 horas.
A reunión rematou ás 20.00 horas.
Os días
Para os usos administrativos prefírense as denominacións máis habituais dos días da semana (domingo, luns, martes, mércores, xoves, venres e sábado) antes ca as formas tradicionais (segunda feira, terza feira, cuarta feira, quinta feira e sexta feira) xa que son as que coinciden coas das linguas do noso arredor e as que están máis estendidas.
Á hora de escribilas débense ter en conta os seguintes aspectos:
- Non levan letra maiúscula.
- As abreviaturas que corresponden a cada unha delas son:
Ao redor da indicación dos días pódense engadir algúns aspectos máis:
luns | non ten |
martes | mt. |
mércores | mér. |
xoves | xv. |
venres | ven. |
sábado | sáb. |
domingo | dom. |
- Existen unha serie de adverbios que permiten referirse a días anteriores ou posteriores a aquel no que se vive.
mañá (o día despois de hoxe)
pasadomañá (o día despois de mañá)
onte (o día antes de hoxe)
antonte (o día antes de onte)
trasantonte (o día antes de antonte)
- Dentro do período de 24 horas que constitúe un día (das 0.00 h ás 23.59) pódense individualizar diversos períodos de tempo (madrugada, mañanciña, serán, solpor…) tomando como base distintos criterios. Os máis empregados na comunicación administrativa son os seguintes:
a mañá (desde o amencer ata o mediodía)
o mediodía (as 12.00 horas)
a tarde (desde o mediodía ata o anoitecer)
o serán (parte da tarde comprendida entre o solpor e o comezo da noite)
a noite (desde o anoitecer ata o amencer)
a medianoite (as 0.00 horas)
a madrugada (parte da noite comprendida entre a medianoite e o amencer)
Os meses
Igual que ocorría cos días, coexisten tamén dúas ou incluso tres formas para denominar algúns meses (xullo/Santiago/o mes da sega). Sexa como for, e polo mesmo afán de harmonización que xa se indicou máis arriba, aconséllase empregar no ámbito administrativo os nomes máis habituais (xaneiro, febreiro, marzo, abril, maio, xuño, xullo, agosto, setembro, outubro, novembro e decembro).
Existe unha serie de particularidades que inciden na inclusión desta información nos textos e que é útil coñecer:
- Non levan letra maiúscula.
- As abreviaturas que lles corresponden son:
xaneiro: xan. | xullo: xll. |
febreiro: feb. | agosto: ag. |
marzo: mz. | setembro: set. |
abril: ab. | outubro: out. |
maio: (non ten) | novembro: nov. |
xuño: (non ten) | decembro: dec. |
No apartado que se dedica á abreviación explícase por que se ofrecen abreviaturas para formas como marzo ou xullo ás que, en teoría, non lles correspondería levalas.
- Nos casos en que se empregan cifras para indicar as datacións, os meses numéranse do 1 ao 12, normalmente con números arábigos, pero tamén poden aparecer con romanos.
8 de novembro de 2004 --> 08.11.2004 ou 08.XI.2004
Para determinadas cuestións trabállase con períodos de varios meses que reciben diversos nomes segundo a súa duración: bimestre (dous meses), trimestre (tres meses), cuadrimestre (catro meses), semestre (seis meses). Os adxectivos que corresponden a estes substantivos son bimestral, trimestral, cuadrimestral e semestral.
Os anos
A representación dos anos na documentación administrativa debe ter en conta as seguintes particularidades:
- Normalmente escríbense con números.
- Débese escribir a cifra completa.
- Non se deixa espazo nin se escribe punto entre uns números e outros.
Estudou a evolución do fenómeno entre 1950 e 1980.
De todos os xeitos existen algúns casos puntuais que non seguen este padrón.
- En contextos coloquiais, ou no nome de feitos que recollen o ano en que se celebraron como parte da súa denominación, é normal que só aparezan as dúas últimas cifras. Nestes casos, non se utiliza apóstrofo (’) diante da cantidade.
As corporacións locais asinaron este acordo no ano 98.
O Xacobeo 04 encheu Santiago de Compostela de peregrinos.
- Os períodos de tempo que se representan por medio de anos só empregan todos os díxitos cando inclúen un cambio de século.
A obra de Anxo Lavandeira (1859-1934) foi pouco coñecida...
Nos restantes casos, indícanse só as dúas últimas, ben do segundo deles ou ben de ambos, atendendo ao grao de formalidade do documento.
No período 1988-95 o persoal do estaleiro...
O curso 98-99 inaugurouse o 4 de outubro.
Igual que se viu no caso dos meses, tamén existen unha serie de denominacións que agrupan os períodos de varios anos segundo a súa duración: bienio (dous anos), trienio (tres anos), cuadrienio (catro anos), quinquenio (cinco anos), sexenio (seis anos), decenio (dez anos), milenio (mil anos). Os adxectivos correspondentes son bienal, trienal, cuadrienal, quinquenal e sexenal.
Outras indicacións de tempo
Existen unha multitude de formas, de sobra coñecidas, que expoñen contidos temporais. Aquí non se fará unha listaxe explícita senón que unicamente se comentarán algúns casos puntuais que presentan problemas ou particularidades no seu uso.
- con data de + artigo
Esta locución emprégase unicamente para referirse ao día en que se redactou ou se rexistrou un documento.
Recibimos o seu informe con data do 25 de maio.
Polo tanto, hai que evitar utilizalo para indicar o día en que algo ocorreu, imitando innecesariamente o castelán con fecha de. Este mesmo contido exprésase con moita maior naturalidade por medio da forma O día...
*Con data do 30 de maio terá lugar o encontro.
O día 30 de maio terá lugar o encontro.
- o... que andamos
Esta expresión serve para referirse a unha subdivisión temporal (normalmente anos ou meses) que está a transcorrer nese momento.
O día 8 do mes que andamos celebrouse a última reunión.
Como se pode ver, funciona como sinónimo de este..., e abrangue o valor da fórmula do castelán de los corrientes.
O día 8 deste mes celebrouse a última reunión.
El día 8 de los corrientes se celebró la última reunión.
- Para indicar que xa pasou tempo desde que ocorreu algunha cousa, o galego recorre ao verbo haber.
Hai seis semanas que non se reunía a comisión.
Porén, para falar do tempo atmosférico emprega o verbo ir.
Onte pola mañá ía moito frío.
Presentación
A información relacionada con este campo de contido pode aparecer en calquera punto dos documentos, tanto no corpo do texto coma en bloques independentes. A forma natural en que se presenta é o topónimo; pero os nomes de lugar adquiren tamén unha relevancia especial nas indicacións dos enderezos, tanto pola súa frecuencia como polas peculiares características gráficas con que se representan. Por todo isto, neste apartado teranse en conta eses dous casos especiais.
A toponimia
Un topónimo é un nome propio que designa unha entidade de poboación ou un lugar concreto.
En galego, o tratamento que se lles dá é distinto segundo denominen lugares situados no territorio administrativo de Galicia ou fóra del.
- Os topónimos galegos teñen que escribirse sempre coa forma da lingua propia, tal como se determina na lexislación vixente.
Agolada | O Pino |
A Pobra do Brollón | Santiago de Compostela |
As Nogais | Vilagarcía de Arousa |
Montederramo | Vilardevós |
• Cos topónimos non galegos pódense adoptar dúas posturas: respectar as denominacións da lingua que os creou, ou ben modificar aquelas que se escriben nun alfabeto distinto do noso (ruso, chinés, árabe...) ou outras que se foron adaptando en función da súa relevancia e da súa proximidade a nós.
Á hora de incluír os topónimos nun documento administrativo, débense ter en conta os seguintes aspectos:
• Cómpre distinguir claramente o topónimo, que —como nome propio que é— se escribe con maiúscula, do nome común de lugar que en certos casos pode aparecer á súa beira e que se grafa con minúscula.
o alto da Xesta
a rúa dos Paxariños
o viaduto de Cesures
a península do Morrazo
o monte Pedroso
- O topónimo debe de grafarse enteiro, sen reducilo por medio de abreviacións.
Cidade do Cabo e non *C. do Cabo
Irlanda do Norte e non *Irlanda do N.
O Barco de Valdeorras e non *O Barco
- A preposición contrae co artigo naqueles topónimos que o posúen.
Veu do Valadouro. e non *Veu de O Valadouro.
Vive na Habana. e non *Vive en A Habana.
Os enderezos
Á hora de incluír esta información nun documento débense ter moi en conta as peculiares características dos núcleos de poboación en Galicia. Moitas veces, sobre todo en formularios preconfigurados, aparecen exemplos como o seguinte:
Apelidos:..................................................................
Nome:.......................................................................
Rúa/praza/avenida:......................... núm..............
Concello:..................................................................
Provincia:................................................................
Este tipo de modelos son inadecuados para o noso medio, pois non recollen as características peculiares do hábitat rural, que conta con tres unidades fundamentais (lugar, parroquia e concello). Polo tanto, sería mellor cambiar a indicación Rúa/praza/avenida:, que só serve para ambientes urbanos ou semiurbanos, pola fórmula máis xenérica Con domicilio en...
Apelidos:...............................................
Nome:...................................................
Con domicilio en...................................
Concello:...............................................
Provincia:...............................................
Cando a persoa que escribe o documento ten que redactar o enderezo sen este tipo de guías, o problema desaparece, pero debe atender, pola contra, a outra serie de peculiaridades:
- Se se inclúe no corpo do texto, a información escríbese seguida e separada por comas, pero se aparece nun bloque independente distribuirase por liñas do seguinte xeito:
nome e apelidos
enderezo ou lugar
parroquia (se é do caso)
código postal e concello
provincia
- O nome da rúa sepárase con coma do número do edificio, e este do do andar. A letra do andar escríbese xusto a continuación do número.
- O código postal escríbese antes do nome do concello e non leva ningún espazo entre os seus cinco díxitos.
Eva Cadaval López, con domicilio no lugar de Vilouta, 6, Castelo, 27395 Cervo, Lugo...
Eva Cadaval López | Carme Sieiro Lubián |
Vilouta, 6 | Rúa dos Lagartos, 23, 4º b |
Castelo | 15703 Santiago de Compostela |
27395 Cervo | A Coruña |
Lugo |
Os nomes comúns que aparecen nos enderezos, ben sexan edificios, dependencias, núcleos habitados ou vías públicas, escríbense con bastante frecuencia en forma abreviada. Aquí inclúense só os casos máis habituais, pero aquí pódese consultar unha listaxe maior de abreviaturas.
aldea: al. | corredoira: corr. | instituto: inst. | servizo: serv. |
andar: an. | cuarto: cto. | ministerio: min. | travesa: trav. |
apartamento: apmto. | departamento: dpto. | negociado: neg. | travesía: trav. |
avenida: avda. | entrechán: entr. | parroquia: parr. | unidade: u. |
barrio: b. | entreplanta: entr. | polígono: pol. | urbanización: urb. |
carreira: carr. | estrada: estr. | praza: pr. | |
consellaría: cons. | facultade: fac. | provincia: prov. |
Presentación
Á hora de incluír nun documento contidos relacionados coa cantidade, o máis habitual é recorrer a calquera dos tipos de numerais (cardinais, ordinais, partitivos, multiplicativos, colectivos...) segundo o tipo de información que se queira transmitir. Existen tamén outras posibilidades, que se serven de adverbios, de locucións e frases feitas, de indefinidos, etc. pero aquí só se terá en conta este último grupo.
Os numerais
Os cardinais
Este tipo de formas emprégase para indicar unha cantidade sen achegar ningunha información suplementaria relacionada co contexto en que se integra (a súa orde, o seu valor en relación co conxunto, etc.).
Os números cardinais son invariables con respecto ao xénero, quedan á parte dúas excepcións:
- os números un e dous e os que os inclúen na súa formación
Merquei un coche e unha moto.
Viñeron dous amigos e dúas amigas.
Regaláronlle vinte e unha rosas por cumprir vinte e un anos.
- as centenas (douscentos/duascentas, trescentos/tas...), con excepción de cen
Douscentos homes e duascentas mulleres asistiron á reunión.
Cen homes e cen mulleres asistiron á reunión.
Este tipo de numerais pódese representar nos documentos con cifras ou con letras, se ben os casos en que se acode a unha forma ou a outra están bastante fixados polo uso. Así, gráfanse con números:
- as cantidades concretas máis grandes ca nove, especialmente en textos científicos, técnicos ou especializados
Os 15 primeiros animais reaccionaron ben ao experimento.
- as que posúen decimais
Hai unha media de 3,8 solicitudes por cada praza.
- as cantidades exactas, especialmente as moi elevadas
O ano pasado corrixíronse 9 875 páxinas.
- as que representan magnitudes dun sistema físico, se van seguidas do símbolo correspondente
É quen de andar a 8 km/h.
- as que se empregan nas matemáticas, na física, na química, na enxeñaría, etc. para indicar operacións, medidas, cantidades ou fórmulas
Diluiranse 2 gotas de alcol nese líquido.
Determina a raíz cadrada de 349.
- os números que van despois dun substantivo, os que forman parte dunha serie (días, meses e anos, textos legais, números de rúas, páxinas dun libro, puntos dunha orde do día...) e os que fan referencia a si mesmos
Naceu o 15 de marzo.
A páxina 5 estaba en branco.
A Lei 4/1994 foi moi beneficiosa para todos.
O punto 4 foi rexeitado por unanimidade.
Vive no 53 da avenida de Lugo.
Debuxou un 8 poñendo un 0 encima doutro.
- as enumeracións de cousas
Enviamos a cada unidade administrativa 10 carteis, 50 dípticos e 100 follas de inscrición.
Polo contrario, é normal que se escriban con letras:
- os números do 0 ao 9, excepto cando levan decimais, forman parte dunha enumeración ou dunha serie, representan magnitudes dun sistema físico ou fan referencia a si mesmos
Recibimos cinco libros a través do correo.
- as cantidades aproximadas, ou as que non representan realmente un valor determinado senón unha magnitude indefinida
A cidade de Lugo anda arredor dos cen mil habitantes.
Hai corenta mil persoas que o poden facer igual ca ela.
- as que indican duración temporal, excepto as idades das persoas
O conflito prolongouse durante trinta días.
Fago 28 anos a semana que vén.
- as que encabezan unha oración ou un parágrafo, as que forman parte de topónimos ou de frases feitas
Vinte persoas recibiron un premio extraordinario.
A rúa Dezasete de Maio está en obras.
Contou trinta e tres, a idade de Cristo menos un mes.
O comité avaliador estará formado por trece persoas.
- as que aparecen en informacións enunciativas
O comité avaliador estará formado por trece persoas.
Os ordinais
Estes números indican o posto que unha unidade calquera ocupa no interior dunha serie.
Ao revés do que ocorría cos cardinais, os ordinais si presentan flexión de xénero e de número. No entanto, nas formas compostas só se manifesta no último elemento.
primeiro/primeira/primeiros/primeiras
vixésimo cuarto/cuarta/cuartos/cuartas
Aínda que a lingua posúe formas ordinais, polo menos ata o 100, na práctica, a súa frecuencia de uso mingua moito nos números maiores ca 10.
É a oitava vez que lle ocorre.
Celebra o seu vixésimo cuarto aniversario./Celebra o seu vinte e catro aniversario.
Isto é máis evidente en certos casos, como os nomes de reis ou de papas, ou como as partes dun libro ou dun documento (artigo, páxina, capítulo, volume...). No primeiro caso, o ordinal convértese en cardinal a partir de 10; no segundo, dáse a posibilidade de alternar unha e outra forma de representación entre 1 e 10, pero a partir desta cifra dominan tamén os cardinais.
Afonso X (“Afonso décimo”)
Afonso XIII (“Afonso trece”)
Deixeino no capítulo 5º./ Deixeino no capítulo 5.
Infrinxiu o artigo 18 do regulamento.
Nos textos, os ordinais gráfanse máis veces con letra ca con cifras, pois desta maneira só aparecen os números de artigos, leis, decretos, etc., ou as partes dun libro, dun documento ou os números dos andares, usos nos que, como se viu, o cardinal podía ocupar o seu lugar.
O artigo 2º non o prohibe./ O artigo 2 non o prohibe.
Deixeino no capítulo 5º./ Deixeino no capítulo 5.
Vive no 5º.
Pola contra, escríbense con letra os que indican conceptos abstractos, números de congresos, asembleas ou outros actos semellantes, ou os que forman parte da denominación de eventos históricos relevantes.
Aprobou o exame a cuarta vez que se presentou.
Asistiu ás segundas Xornadas Internacionais de Bioquímica.
Este feito foi determinante na Segunda Revolución Industrial.
Os multiplicativos
A forma máis xeral de incluír esta información nun texto consiste en engadirlle a un cardinal calquera o substantivo veces.
Esta cidade é vinte e cinco veces máis grande ca a outra.
Fíxeno mil veces mellor ca ti.
Ademais, algúns números cardinais teñen formas específicas para indicar este contido. Trátase dunha palabra que pode funcionar como adxectivo ou como substantivo e que presenta flexión de xénero (-o para o masculino e -a para o feminino). O cardinal 2 ten ademais outra forma invariable que cumpre a mesma función.
2 dobre duplo/pla
3 triplo/pla
4 cuádruplo/pla
5 quíntuplo/pla
6 séxtuplo/pla
7 séptuplo/pla
De todas elas, só as correspondentes a 2 e 3 teñen un certo uso na lingua, xa que as outras pertencen a un nivel extremadamente culto e case non se empregan na actualidade.
Os partitivos
Serven para poñer en contacto dúas cousas ou magnitudes indicando que unha delas é x veces menor ca a outra.
Escríbense con letras, se exceptuamos as fórmulas científicas ou os textos altamente especializados, e fórmanse, en xeral, engadíndolle a terminación -avo ao nome do cardinal correspondente (vinteavo, corentavo...). De todos os xeitos, hai algúns que posúen unha forma especial:
- Os que corresponden aos cardinais 2 e 3 empregan as formas medio/metade e terzo, respectivamente.
Dividiron o traballo en dúas metades.
Tocáronlle dous terzos da recompensa.
- Os que corresponden aos cardinais que van do 4 ao 10 e os múltiplos de 10 (10, 100, 1000...) recorren ás mesmas formas ca os ordinais (cuarto, quinto, sexto, décimo, centésimo, milésimo, millonésimo...).
Un sétimo do persoal votou en contra da proposta.
As catro quintas partes do traballo son un plaxio.
A millonésima parte dun gramo desa substancia é mortal.
Non gañou por tres centésimas de segundo.
Os colectivos
Designan un conxunto formado por un número determinado de elementos.
Só se poden escribir con letras, e os máis frecuentes son:
par/parella (dúas cousas)
trío (tres cousas)
decena (dez cousas)
ducia (doce cousas)
quincena (quince cousas)
vintena (vinte cousas)
trintena (trinta cousas)
centena/cento (cen cousas)
milleiro/millar (mil cousas)
Cando se empregan en plural, pero nalgúns casos (par, ducia, cento) tamén en singular, poden deixar de representar o conxunto formado por un número de elementos determinado, e adquirir un valor aproximativo ou ponderativo.
Os milleiros de visitantes confirmaron o éxito da exposición.
Ducias de libros desaparecen todos os anos das bibliotecas.
Na porta da rúa dixéronse un par de cousas.
Expliqueille un cento de veces a solución.
Existen outros numerais colectivos que teñen un valor moito máis específico, como os vistos en 4.3 para designar períodos de tempo (bienio, trienio...), os que denominan colectivos musicais (cuarteto, quinteto...) ou ciclos relixiosos (novena).
Os indefinidos
Son un conxunto de formas que poden funcionar, segundo os casos, como adxectivos ou como substantivos, e que se caracterizan por faceren referencia a un número indeterminado de elementos, ou a unha cantidade ou grao indeterminado.
Como as particularidades que rexen o seu uso son en xeral coñecidas abondo, incluirase só unha listaxe dos indefinidos máis frecuentes, que se clasificarán en dous grupos segundo presenten ou non variación en xénero e número e aclararanse algúns casos dificultosos.
- Invariables
algo máis
alguén menos
cada nada
calquera ninguén
demais
A forma calquera emprégase tanto anteposta como posposta ao substantivo, e tamén nos casos en que non acompaña a esta forma.
Pódeo entregar calquera día./Pódeo entregar un día calquera.
Iso faino calquera.
Demais e máis son sinónimos nalgúns contextos.
Nós rematamos agora, os máis non sei cando o farán.
Nós rematamos agora, os demais non sei cando o farán.
• Variables
abondo/da/dos/das | certo/ta/tos/tas | pouco/ca/cos/cas |
algún/nha/gúns/nhas | demasiado/da/dos/das | todo/da/dos/das |
bastante/tes | moito/ta/tos/tas | un/unha/uns/unhas |
canto/ta/tos/tas | ningún/nha/gúns/nhas | varios/varias |
Ningún emprégase tanto anteposto como posposto ao substantivo que acompaña, e tamén cando non acompaña a esta forma.
Non atopamos ningunha persoa./Non atopamos persoa ningunha.
Non atopamos ningunha.
Presentación
En apartados anteriores viuse como as características xerais da linguaxe administrativa influían no tratamento que se lles daba a algúns aspectos lingüísticos concretos.
Así, a democratización da comunicación incide no uso das formas de tratamento persoal ou no das maiúsculas e das minúsculas, e favorece a aparición de formas de feminino para denominar cargos ocupados por mulleres; a personalización dos documentos obriga o emisor a asinar co seu nome e apelidos, e desaconsella o emprego de fórmulas impersoais, etc.
Do mesmo xeito, o obxectivo xeral que se sinalaba como a busca da claridade, só se pode acadar a través de modificacións na forma de redactar os documentos e na disposición da información.
A expresión debe ser sinxela, sen retoricismos baleiros nin falsamente elegantes, e concisa, de xeito que se evite a complexidade innecesaria na sintaxe ou no léxico. Estas condicións teñen que cumprirse sen provocar ningunha mingua na precisión que é imprescindible en calquera comunicación especializada.
O texto así redactado debe estruturarse de xeito claro, coherente e lóxico, seguindo na medida do posible o proceso de comprensión do lector e xerarquizando a información segundo a súa importancia.
O proceso de redacción
Non existe ningunha metodoloxía estable que garanta que o texto que se redacte segundo ela cumprirá as características que se acaban de sinalar, pero iso tampouco quere dicir que o proceso de redacción se poida encarar de calquera maneira.
Existe unha serie de pasos aceptados convencionalmente que favorecen que o texto resultante cumpra as características desexables. Os principais son:
Buscar as ideas que se van incluír no documento
Antes de empezar a escribir débense recoller todos os aspectos que se relacionan co tema central que se quere transmitir. Se esta revisión non se fai ao comezo do proceso pódese omitir algunha información importante, ou advertir a súa falta cando xa estea avanzado o proceso de redacción, o que obrigaría a comezar outra volta para darlle cabida ao novo aspecto na estrutura do documento.
Ordenalas e xerarquizalas
O paso seguinte consiste en organizar esas ideas de xeito que formen unha estrutura lóxica e coherente que poida ser facilmente comprendida polo lector.
Esta estruturación está condicionada pola finalidade coa que se redacta o documento. A información que se considera principal e secundaria, e a orde en que se inclúe non será a mesma nunha mensaxe de tipo informativo ca noutra que pretende convencer ao interlocutor.
Redactar o documento
No momento en que se sabe que unidades de información se desexa transmitir, e que importancia ten cada unha delas no conxunto do texto, pódese comezar o proceso de redacción.
No terreo administrativo existen algúns modelos de documentos que se especializaron na transmisión de determinadas mensaxes cunha finalidade comunicativa concreta (informes, solicitudes, denuncias...). Polo tanto, a estrutura que se elaborou no punto anterior ha ter unha correspondencia na fragmentación do texto, como se pode ver nos exemplos do volume a dos presentes criterios lingüísticos.
Pero se se deixan de lado casos coma eses, o texto como unidade de información conta cunha serie de subunidades que permiten reproducir con facilidade calquera estrutura de conceptos. Estas unidades son, en orde inversa ao seu tamaño:
— o apartado
Só aparece en textos moi complexos. Trata dun subtema que ten entidade e independencia abonda con respecto ao conxunto como para merecer un epígrafe propio.
— o parágrafo
É a unidade básica da redacción pois nel estrutúranse as frases necesarias para desenvolver unha idea completa con respecto a un só tema. A súa importancia é aínda maior nos textos breves xa que ao non existir apartados convértese na primeira subdivisión do conxunto de información que supón o texto.
Tendo en conta que a claridade é o obxectivo xeral, é conveniente que o parágrafo cumpra as seguintes condicións:
- Debe ter unha unidade de significado. Hai que evitar incluír no mesmo parágrafo dúas ideas totalmente distintas ou separar en dous dúas moi relacionadas.
- Debe tenderse á brevidade, pois os parágrafos longos esixen unha atención suplementaria para seren comprendidos; pero evitando caer no extremo oposto e facer un parágrafo con cada frase.
- Hai que poñer especial coidado na primeira e na última frase de cada parágrafo: son as que adoitan lerse con maior atención, polo que deben funcionar, respectivamente, como presentación e conclusión do tema.
— a frase
É a estrutura que acolle cada unha das ideas relacionadas que forman a unidade sinalada no parágrafo.
É imposible que un parágrafo sexa claro se non o son as frases que o integran, polo que á hora de redactalas débese ter en conta o seguinte:
- Non deben ser longas nin ter unha estrutura sintáctica complexa. Con iso só se consegue un estilo pesado e reflexivo que obriga a un grande esforzo de concentración.
- Tampouco se debe caer en excesos polo lado contrario e redactar frases telegráficas, que se entenden con moita facilidade pero que son moi difíciles de organizar nun conxunto maior ao carecer de conexións lóxicas.
- Os incisos (que achegan información complementaria que enriquece a frase) deben usarse con moderación, xa que se se multiplica o seu número a idea principal fragméntase en exceso e faise difícil de seguir.
- Sempre que sexa posible, débese empregar a orde natural da frase (suxeito-verbo-complementos).
Ademais disto, é posible indicar algúns hábitos de tipo morfosintáctico que sería conveniente evitar (ou polo menos dos que non habería que abusar), tendo en conta que inciden na aparencia final das frases e dificultan a comprensión dos parágrafos.
- Usar construcións impersoais ou pasivas, que deixan en lugar secundario a quen realiza a acción.
O reitor decidiu... | mellor ca
|
Decidiuse por parte do reitor... |
- Abusar do emprego de nomes no canto de verbos, o que favorece a impersonalización que acabamos de ver e provoca que a información sexa menos clara.
O alumnado comprendeu este fenómeno moi rapidamente
mellor ca
A comprensión deste fenómeno por parte do alumnado foi moi rápida.
- Suprimir elementos na redacción: poden ser os nexos que conectan palabras plenas ou frases entre si (preposicións, conxuncións...), os verbos que introducen un infinitivo, etc.
Achego un informe sobre... | mellor ca | Achego informe sobre... |
Só quero rematar dicindo que... | mellor ca | Só rematar dicindo que... |
Ademais dos aspectos vistos ata o de agora, importantes para redactar un texto claro e sinxelo, é preciso non esquecer outros que, se se ignoran, poden afastar a comunicación administrativa do nivel estándar culto en que debe moverse.
Entre os erros que afectan á morfoloxía e á sintaxe destacan:
- a ruptura da concordancia
A pesar de explicalo con detalle, a maioría votou en contra
mellor ca
A pesar de explicalo con detalle, a maioría votaron en contra.
- a indicación errónea dunha correlación ou a ausencia do segundo elemento
*Con esta proposta esperamos acadar, por unha parte o consenso necesario e tamén a colaboración da sociedade.
- a rotura de estruturas sintácticas ou de réximes verbais
Outros non afectan á gramática senón ao léxico ou ao sentido xeral do período, como por exemplo:
- o uso de construcións ambiguas
*No documento indicábase que había que presentar a información recollida con anterioridade.
- a presenza de construcións ou palabras que un autor repite de xeito continuo (os tics verbais)
*Polo tanto [...] Polo tanto [...]
- a abundancia de comodíns (palabras xenéricas que se empregan para encher un baleiro léxico cando o autor con coñece unha palabra máis precisa).
*Falou da lamentable situación dalgúns edificios da zona vella. Este tema (mellor “problema”) ...
Revisar o texto
Finalmente, é conveniente avaliar en conxunto o documento que se acaba de redactar para ver se recolle con exactitude a organización de ideas elaborada previamente, e se o fai respectando as características formais que deben presidir a redacción administrativa.
Presentación
Nunha sociedade como a actual, na que a transferencia de coñecementos se realiza de xeito continuo, e a unha velocidade impensable hai non moitos anos, é normal que as palabras que denominan os novos saberes circulen tamén duns idiomas a outros.
Este intercambio de léxico é un fenómeno constante ao longo da historia das linguas, pero a frecuencia e a intensidade que acadou nos últimos tempos fai que sexa necesario tomar algunhas medidas que o controlen e que apoien a pervivencia das formas propias.
Así, existe unha tendencia xeral a rexeitar as formas estranxeiras que teñan un equivalente en galego ou as que se poidan traducir con moita facilidade.
*chef > xefe de cociña
*compact disk > disco compacto
*container > colector
*cupo > cota
*feed-back > retroacción
*off the record > en privado
*playback > son pregravado
*western > película de vaqueiros
Posibilidade de adaptación
En todo caso, moitas palabras que proceden doutros idiomas acaban instalándose no galego, nomeadamente se este non posúe unha denominación propia para o concepto que entra ou se resulta complicado traducir a palabra importada, ben por estar moi asentada na lingua ou porque a tradución pode dificultar gravemente a súa comprensión.
Segundo os casos, pódese representar na escrita esa unidade estranxeira de tres formas distintas:
- •Adaptándoa totalmente á grafía ou á pronuncia galega.
casete (francés cassette)
clixé (francés cliché)
fútbol (inglés football)
líder (inglés leader)
parqué (francés parquet)
- Adaptándoa parcialmente ou sen adaptala, pero tratándoa como unha palabra galega no que se refire á acentuación.
géyser (inglés geyser)
médium (latín medium)
sándwich (inglés sandwich)
smóking (inglés smoking)
superávit (latín superavit)
- Destacando a súa estranxeiría por medio da letra cursiva e sen realizar sobre ela ningún tipo de adaptación, nin gráfica nin acentual.
bon vivant | know-how |
cluster | thriller |
dumping | way of life |
O uso é quen vai decidindo cal é o tratamento que se lle dá a cada unha das formas estranxeiras, e a continuación as institucións con poder normativo (no noso caso a Real Academia Galega) oficializan a escolla feita polos falantes, ou corríxena se con ela se contradín as regras internas da lingua. Esas decisións recóllense en dicionarios e outros repertorios léxicos e terminolóxicos, e é aí onde o usuario ten que buscar a forma que debe empregar nun contexto concreto.
Pero á hora de enfrontarse cunha palabra nova, sobre a que aínda non se tomou ningunha decisión, é o propio falante o que debe optar por unha das tres posibilidades de tratamento que se acaban de sinalar. Desde aquí aconséllase manter unha actitude ata certo punto purista, que potencie as solucións propias, sempre que iso non provoque problemas graves no proceso comunicativo.
As palabras que proceden do castelán reciben un tratamento máis restritivo, e só se aceptarán as que remiten a obxectos ou conceptos que foron denominados orixinalmente nesa lingua ou as que os idiomas do noso arredor integran sen ningunha modificación (banderilla, flotilla, guerrilla, armadillo, xerez...).
Os nomes de persoa
Non se traducen
• En xeral, os nomes de persoa non se traducen nin se adaptan, polo que conservan todas as características gráficas propias da lingua da que proceden.
Helmut Rilling Sebastião Salgado
Albert Einstein Jordi Pujol
Gerardo Diego
Agora ben, aqueles que proceden de idiomas que empregan un alfabeto distinto do noso (ruso, xaponés, chinés, árabe...) son adaptados de tal xeito que se intenta reproducir con letras galegas a pronuncia da lingua orixinal.
Aki-Hito Khomeini Mao Zedong Mikhaíl Gorbachov
Tradúcense
- Os nomes de divindades, personaxes mitolóxicas ou de lendas, así como os de personaxes literarias que acabaron entrando na cultura común.
Xehová san Xenxo Ulises
Rómulo Sansón o rei Artur
san Xosé Fausto A Cincenta
- Os nomes dos membros das familias reais, os dos papas, e os de figuras importantes da historia.
o rei Xoán Carlos I Virxilio
a raíña Isabel II Xoana, a Beltranexa
a princesa Margarida Afonso II
Xoán XXIII Nicolás Maquiavelo
Marco Antonio Rafael Sanzio
Os nomes de lugar
Non se traducen
- Como pauta xeral, os topónimos estranxeiros manteñen as denominacións da lingua que os creou.
La Línea de la Concepción Nürnberg
Castelló de la Plana Malmö
Philadelphia Reggio di Calabria
Seattle Rouen
En consonancia con ese criterio xeral, aconséllase tamén empregar a toponimia autóctona cando concorran dous nomes distintos; ben avalados por unha cooficialidade legal (por exemplo os topónimos vascos), ben debidos a unha serie de disputas políticas ou territoriais.
Donosti (mellor ca San Sebastián)
Hondarribia (mellor ca Fuenterrabía)
illas Malvinas (mellor ca illas Falkland)
O que se acaba de dicir non ten sentido cando só un dos nomes ten difusión. Nese caso empregarase o que é coñecido sen ter en conta a súa orixe.
Casablanca (mellor ca Dar-al Bayda)
Dublín (mellor ca Baile Átha Cliath)
- Cando o nome orixinal se escribe nun alfabeto distinto do noso (ruso, xaponés, chinés, árabe...) é necesario modificalo. Agora ben, esta modificación non é unha tradución, xa que se limita, ou a intentar substituír os caracteres estraños por aqueles dos propios que lle correspondan, ou a intentar reproducir no galego a pronuncia orixinal.
Ulaanbaatar Iemen Shangai
Sahara Volgogrado
Tradúcense
- A pesar do que se acaba de dicir, non se debe esquecer que en tempos pasados todas as culturas adaptaban ás particularidades da súa lingua (e en certa medida aínda o seguen facendo) os topónimos estranxeiros que empregaban con máis frecuencia ou que consideraban máis importantes. Por ese camiño, o galego conta hoxe cunha serie de nomes de lugar que posúen unha forma propia que debe manterse con independencia do criterio xeral.
A Habana Castela Nova Orleans
A Haia Cidade do Cabo Nova York
Alemaña Hamburgo Río de Xaneiro
Badaxoz Islandia Uruguai
Boloña Londres Xaén
Bos Aires Losana Xirona
Cando os topónimos adquiren aparencia de formas galegas, seguirán as regras acentuais desta lingua.
Tánxer Milán
París Múnic
- Os topónimos menores (rúa, porto, praza...)
illas dos Azores Barrio Latino de París
porto de Barcelona Muro de Berlín
praza de Tianammen
De todos os xeitos, non é raro atopar excepcións.
Central Park Chinatown
Downing Street Freetown
Fontana di Trevi
- Os accidentes xeográficos (monte, serra...) que se inclúen en topónimos.
Costa do Marfil Río de Xaneiro Serra Leoa
Novamente, as excepcións son habituais.
Port-au-Prince Puerto de Santa María
Os nomes de institucións, entidades públicas ou privadas e colectivos varios
Non se traducen
- os nomes de organismos e colectivos de titularidade privada (especialmente empresas), a non ser que a propia entidade establecera a dobre denominación.
Crédit Lyonnais British Airways
Electra del Jallas mesón La Anta
Cimentos de Portugal Caixavigo / Caja de Ahorros Municipal de Vigo
Fronte a estas, as denominacións de moitas entidades privadas sen vocación empresarial, e relacionadas co mundo da cultura, da educación, da política, da saúde e dos labores humanitarios (fundacións, partidos políticos, organizacións non gobernamentais...) si se poden traducir, como se verá máis abaixo.
- os nomes de grupos musicais, de teatro, etc.
Crowded House Bachaccademie
Siniestro Total Academie of St. Martin-in-the-Fields
Os Xutos e Pontapés Els Comediants
Soweto String Quartet Arte Livre do Brasil
Pola contra, non é raro que se traduzan algúns destes nomes, especialmente os das orquestras e outras formacións sinfónicas ou os dos ballets, sobre todo se o nome orixinal está nunha lingua moi afastada da nosa e se a tradución aclara o tipo de actividade que realizan.
Teatro Negro de Praga
Orquestra Nacional de Rusia
Orquestra e Coro da Radiotelevisión Española
Compañía de Ballet do Bolshoi
- os nomes de equipos deportivos
Manchester United Spartak de Praga
Phoneix Suns Boca Juniors
Racing de Santander
Porén, si se traducen, se lles corresponde segundo as pautas expostas máis arriba,
Olympique de Marsella Spórting de Xixón
Inter de Milán Torpedo de Moscova
e nalgúns casos xa asentados no uso, tamén os nomes comúns que aparecen nela.
Raio Vallecano Real Sociedade
Tradúcense
- os nomes de institucións e organismos públicos
Concello de París
Consello de Universidades
Ministerio de Defensa de Francia
Ministerio de Xustiza
Presidencia do Goberno
Xunta de Castela-León
Nos casos en que a tradución literal non aclare a función da institución, é moi habitual empregar o termo que na lingua propia designa a entidade ou a figura equivalente.
Parlamento federal alemán (para referirse á institución alemana denominada Bundestag)
Valedor do Pobo sueco (para referirse á institución sueca denominada Ombudsman)
Primeiro ministro británico (para referirse ao cargo británico denominado Premier)
De todos os xeitos, algúns nomes de institucións (Commonwhealth, Generalitat...) asentáronse no galego coa denominación que posúen na lingua orixinal, e así se manteñen.
- os nomes das seccións (departamento, unidade, servicio...) en que se organiza calquera institución ou entidade, tanto pública como privada
a Sección de Vendas de Firestone
o Departamento de Xenética da Universidade de Birmingham
a Dirección Xeral de Telecomunicacións, Información e Innovación da Comisión Europea
a Área de Persoal de Citroën
- os nomes de asociacións de calquera tipo (culturais, deportivas, científicas, humanitarias, empresariais...), e os de entidades privadas que non teñen vocación empresarial (fundacións, organizacións políticas ou sindicais, organizacións non gobernamentais...).
Asociación de Revistas Culturais
Asociación de Veciños de Tarifa
Asociación Internacional de Estandarización
Confederación Española de Organizacións Empresariais
Confederación Xeral do Traballo
Federación Internacional de Xadrez
Fundación Calouste Gulbenkian
Liga Norte
Mans Unidas
Médicos sen Fronteiras
Partido Laborista
Igual que se viu máis arriba, existen unha serie de nomes que se asentaron no uso diario cunha denominación estranxeira que manterán, contradicindo a pauta xeral.
Esquerra Republicana de Catalunya
Eusko Alkartasuna
Greenpeace
Medicus Mundi
Sinn Féin
- os nomes de institucións relacionadas co ensino (universidades, facultades, colexios, institutos...), coa cultura (museos, bibliotecas, centros da mocidade, salas de exposicións...) ou coa saúde (hospitais, postos de urxencias, ambulatorios...)
Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos
Casa da Mocidade do Concello de Sevilla
Facultade de Filosofía da Universidade de Nápoles
Hospital de Cruces
Instituto Universitario de Lingüística Aplicada
Museo do Prado
Universidade de Rennes II
Universidade do País Vasco
Universidade Pontificia de Salamanca
As actividades e os ciclos formativos e de investigación científica e técnica
Non se traducen
- Os títulos de discursos, conferencias, relatorios, seminarios ou outro tipo de actividades formativas ou de divulgación nas que interveña unha soa persoa
o discurso “Las organizaciones de partido”
o relatorio “A economia galega e a do norde de Portugal: diferenças e semelhanças”
a conferencia “The Microscopic and Macroscopic Equations of the Electromagnetic Field”
Se a lingua orixinal está moi afastada do galego ou é moi pouco coñecida neste dominio, débese colocar ao lado unha tradución o máis literal posible entre comiñas e corchetes.
“Was eigentlich ist Fachlexikographie?” [“Que é a lexicografía especializada?”]
Tradúcense
- Os nomes das materias e das disciplinas, dos estudos e dos ciclos de estudo
a materia Literatura Occitana Contemporánea da Universidade de Montpellier
os estudos de doutoramento en Física Nuclear da Universidade de Texas
o Curso de Especialización en Medicina Deportiva da Universidade Complutense de Madrid
- Os nomes das actividades formativas ou das reunións científicas (ciclos de conferencias, debates, mesas redondas, congresos, xornadas...) nas que intervén máis dunha persoa
a mesa redonda “As relacións comerciais entre os Estados Unidos e a Unión Europea”
III Xornadas Europeas da Pesca Fluvial
o simposio García Lorca, 100 Anos Despois
Os produtos culturais, artísticos e industriais
Non se traducen
- Os nomes que identifican os distintos medios de comunicación, tanto escritos (xornais, revistas e outras publicacións periódicas) como audiovisuais (radio e televisión)
Antenne 2 Nova Renascença. Revistra trimestral de cultura
Avui Paris-Match
Cadena SER Sky Channel
El País Televisió de Catalunya
Euskal Telebista Time
La Gazetta dello Sport
- Os títulos de libros, artigos, películas, pezas musicais ou obras de teatro, cando aparecen nun texto de carácter especializado ou moi formal, e non existe unha tradución ao galego
Crónica de una muerte anunciada, de Gabriel García Márquez
“The analysis of Linguistic Borrowing”, artigo de E. Haugen
Quiz show, de Robert Redford
Imagine, de John Lennon
Se están traducidos, pódese empregar a denominación orixinal ou a da versión galega.
A praza do Diamante
Retrato do artista cando novo
Foise co vento.
Parque Xurásico
- As marcas rexistradas e os nomes dos vehículos
pneumáticos Goodyear unha Honda Dominator
bolígrafos Paper Mate un Porsche Carrera
notas Post-it o tren Orient Express
refresco Seven up a nave espacial Challenger
Tradúcense
- Os títulos das obras pictóricas, escultóricas ou fotográficas
A Venus do espello, de Velázquez
Muller de ollos azuis, de Modigliani
O peite do vento, de Chillida
- Os títulos dos textos legais
Lei de axuizamento criminal
Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común
Se un mesmo título pode referirse a lexislación producida por diversos órganos, débeselle engadir á tradución a mención do organismo que a produce.
Resolución da ONU 34/1996, do día 23 de xuño
- Os títulos de libros, artigos, películas, pezas musicais ou obras de teatro, cando aparecen nun texto de carácter estándar non especializado.
Se se trata dun traballo traducido ao galego, normalmente emprégase esta versión.
A praza do Diamante
Foise co vento.
Parque Xurásico
Retrato do artista cando novo
Se non existe tradución ao galego óptase entre calquera das tres posturas seguintes:
- Mantense a denominación orixinal se non foi traducida por ningunha das linguas do noso arredor.
Blade runner
Finnegan’s wake
West Side Story
- Faise unha versión galega do título orixinal, se o resultado non difire moito do nome con que se coñece habitualmente.
“O diario de Ana Frank”
“Os mundos de Sofía”
“O paciente inglés”
- Se a tradución literal galega do título orixinal difire moito da denominación con que a obra é coñecida, faise unha versión galega do título habitual.
Nestes dous últimos casos, pódese acompañar a versión galega do título orixinal do traballo.
The english patient (“O paciente inglés”)
- Os nomes das exposicións, das feiras, dos festivais e doutros eventos que sirvan para dar a coñecer, promocionar ou difundir algún produto ou algunha técnica
III Feira da Ensaimada de Mallorca
Salón do Estudante de París
Exposición Universal de Lisboa
Festival de Cine de Venecia
- Os nomes dos premios, das condecoracións e doutros galardóns, exceptuando os nomes propios que poidan aparecer
Palma de Ouro do Festival de Cine de Cannes
Balón de Ouro
Medalla Fields
Raqueta de Ouro e Diamantes
- As competicións, especialmente as deportivas, que levan á consecución deses premios
XXV Festival de Eurovisión
Volta Ciclista ao País Vasco
Aberto de Australia de tenis
Campeonato do Mundo de Xadrez
De todos os xeitos, a tradición asentou no galego a denominación da lingua orixinal como forma de referirse a algunhas competicións.
Tour de Francia
Giro de Italia
Ryder Cup
Introdución: Por que citar?
Para preparar calquera traballo é necesario que consultemos información xa dispoñible, xa publicada, é dicir, que o documentemos. Pero cando utilizamos esa información allea (un artigo, un libro, unha web, etc.) ao redactar o noso propio texto, tanto si incluímos frases literais coma se resumimos unha idea ou a parafraseamos, debemos declarar de onde a tomamos, é dicir, habemos de citar a fonte, a procedencia
Hai que poñer polo tanto citas das fontes ao longo do texto, e tamén referencias dos traballos e bibliografía a pé de páxina ou ao final do documento.
Para facelo dun xeito coherente debemos utilizar un dos formatos ou estilos recoñecidos. Para iso pode axudarnos un xestor de referencias bibliográficas.
RefWorks é a aplicación recomendada pola Biblioteca da USC, pero hai outras de software libre: Mendeley, Zotero,..
Que son referencias bibliográficas e que son as citas?
Unha referencia bibliográfica é unha descrición sucinta e estruturada dun documento, neste caso, do documento citado. A referencia identifica de forma inequívoca o documento en cuestión e infórmanos dalgunhas das súas características fundamentais, por exemplo: autor, título, data, editorial, lugar, URL, páxinas, formato, etc.
Ex: García Rubio, M. Paz. 1995. Alimentos entre cónyugues y entre convivientes de hecho. Madrid : Civitas.
Unha cita bibliográfica é a remisión, chamada ou vínculo que establecemos no noso texto ás ideas, frases ou documentos alleos. A cita é a técnica ou procedemento pola que enviamos ao lector á fonte de onde tomamos a información prestada. Na práctica, pode tratarse de números, asteriscos, notas, claves entre parénteses, calquera forma de remitir ao documento citado, con ou sen reprodución de fragmentos literales.
Ex: (García Rubio 1995).
Os xestores de referencias bibliográficas
Son ferramentas informáticas que permiten crear, manter, organizar, compartir e dar forma ás referencias bibliográficas de artigos de revista, libros ou outro tipo de documentos a partir de distintas fontes de información (bases de datos, revistas, páxinas web, etc.).
Igualmente crearán citas e bibliografías nos documentos de traballo cun formato normalizado (ISO 620, APA, MLA, Vancouver, etc.).
RefWorks é a aplicación recomendada pola Biblioteca da USC, pero hai outras de software libre: Mendeley, Zotero, etc.
Titoriais Refworks para aprender a usalo coas distintas bases de datos bibliográficas e catálogos.
Como facer bibliografías. Os diferentes estilos
Existen diversos estilos para referenciar, para facer bibliografías, optar por un ou outro é unha decisión importante e para tomala debemos ter en conta:
- A) a disciplina científica obxecto da investigación,
- B) as prescricións establecidas pola institución, entidade, revista onde se estuda, fai o traballo ou se publicará a obra.
En todo caso, no traballo debe mencionarse o estilo escollido e manterse sempre coherente durante o traballo.
Cadro cos estilos máis usados por disciplinas, acceso ás súas normas e exemplos de uso:
Multidisciplinar |
||
Ciencias Sociais |
||
Ciencias Biomédicas |
||
Lingüística, Filoloxía |
||
Química |
||
Enxeñaría, Tecnoloxía |
||
Económicas. Ciencias sociais |
||
Económicas, humanidades |
||
Física |
Algúns exemplos coas diferenzas
As diferenzas entre un e outro estilo consisten en:
- o uso de MAIÚSCULAS ou minúsculas no autor,
- a posición do ano de publicación,
- a puntuación e o uso de comillas no título,
- a inclusión ou non da data de publicación.
Estilo ISO:
VILLARES PAZ, Ramón. “Variacións sobre a “Gallaecia” e a fronteira do Miño”. Grial: revista galega de cultura, vol. 53, n. 206 (2015), p. 12-19. ISSN 0017-4181
Estilo MLA:
Villares Paz, Ramón. “Variacións sobre a “Gallaecia” e a fronteira do Miño”. Grial: revista galega de cultura 53/206 (2015) : 12-19.
Estilo APA:
Villares Paz, Ramón (2015). Variacións sobre a “Gallaecia” e a fronteira do Miño. Grial: revista galega de cultura, 53 (206), 12-19.
Como citar. 6 cousas que debes ter en conta
- Se a autora ou o autor forman parte ou non da túa frase:
Algúns autores destacan a resistencia da universidade ao cambio (Sorensen 2003);… pola contra, Tapia Jiménez (2007) sostén que as institucións de ensino superior son… - Se inclúes un texto literal e xa que logo debes citar a páxina:
“As universidades cambiaron ao ritmo dos tempos” conclúe Sánchez Gil (1999, p. 140) no seu estudo. - Se hai máis ou menos autores, etc.
Neste traballo seguimos o método de aproximacións sucesivas (Lexner, Kichner e Johnson 2009).
Maxwell et a o. (2008, p.80) manteñen que “A educación superior é polo xeral bastante elevada”, así que… - Se unha mesma cita hai máis dunha referencia escríbense todas separadas por un punto e coma:
…van estudar a semántica das regras de integridade temporal (Sistac 1994; Martin 2000) - Se a obra se referencia na bibliografía encabezada polo título, será éste de xeito abreviado o que figure na cita.
… ao longo daqueles anos estudados (Catalogue of courses on Nuclear Energy, 1961). - Tamén podes numerar o que queiras citar e poñer a referencia a pé de páxina ou ao final do documento.
Para ver como se cita nos distintos estilos podes visitar a páxina da Universidad de la Laguna
Como ordenamos as referencias?
As referencias da bibliografía utilizadas para facer o traballo ordénanse alfabeticamente. Colócanse, normalmente, ao final do traballo, despois dos anexos.
Pero tamén podes numeralas e ligar as citas que fuches colocando ao longo do texto coas referencias bibliográficas.
Ligar a cita á referencia bibliográfica
Pódelo facelo de dous xeitos:
1. Numeración única
Ordenamos as referencias bibliográficas por orde alfabética e dámoslle unha numeración consecutiva. As citas no texto terán así a numeración da referencia á que queremos ligalas. Poderán, por tanto, aparecer numeracións repetidas se citamos unha mesma referencia varias veces.
2. Numeración continuada
A diferenza do sistema de numeración única, as distintas citas dun mesmo recurso reciben números diferentes, segundo a orde na que aparecen no texto. As referencias poden así ser de recursos citados anteriormente.
A bibliografia resultante aparece ordenada numericamente segundo a orde de aparición no texto das citas corresponentes (independentmente de se estas son do mesmo recurso ou non).
Exemplo:
Tamén é imprescindible dicir que a investigación con agroecosistema, case por definición, ten que ser feita en finca de agricultores, xa que “é imposible duplicar nun campo experimental os solos, malezas, insectos e organismos do agroecosistema” (6).