Ir o contido principal

101. Touros bravos no Courel?

Un idioma preciso

Hai poucas semanas descubrín, lendo algunhas revistas de viaxes, que en Galicia, especialmente nos Ancares e no Courel contamos con dehesas de espectacular beleza. E paréceme ben raro porque as veces que estiven pola zona non vin nin touros bravos, nin porcos ibéricos nin paisaxes parecidas a esta.[1]

Se nos paramos a pensalo, que se empregue un mesmo nome para dous ecosistemas que intuitivamente percibimos como tan diferentes, parece un pouco raro, non si? O que pasa é que neste caso, a etimoloxía xogou unha mala pasada.

Tanto o castelán dehesa como o galego devesa proceden do latín defe(n)sa e, posiblemente, nalgún momento do pasado, designaron o mesmo concepto, pero hoxe é evidente que non:[2]

  • Unha dehesa é unha superficie con árbores máis ou menos dispersas e un estrato herbáceo ben desenvolvido, na que se eliminou en gran parte o estrato arbustivo. Ten orixe agrícola e gandeira, e dedícase fundamentalmente á gandería extensiva ou semiextensiva, de forma que o gando aproveita non só o pasto senón tamén os gromos e os froitos das árbores. (“Nomenclátor básico de pastos en España”).
  • devesa galega pode referirse a realidades parcialmente diferentes segundo as zonas, pero trátase sempre dun bosque mesto (nalgúns puntos é sinónimo de fraga) poboado de especies que foron medrando espontaneamente, case sempre de propiedade comunal, e do que se aproveita fundamentalmente a leña, o estrume e, en menor medida, o pasto.

Porén, o parecido formal puido máis e fixo que, desde o século XIX ata a actualidade, moitos dicionarios e vocabularios galegos establecesen a equivalencia entre as dúas denominacións. Pero tamén é posible atopar materiais, tanto do pasado como do presente, que critican por escrito esa suposta identidade:

  • Hai xa máis de 150 anos, un pequeno glosario de voces, frases y locuciones gallegas, especialmente de agricultura, indicaba que “a las bouzas cuando no son muy grandes ni pobladas, las denominan en Salnés devesas, parece que por la semejanza de sonidos que tiene esta voz con el vocablo castellano dehesa, esta debía ser su traducción; mas en Galicia no se conocen los pastos y terrenos a que en ambas Castillas, La Mancha, Andalucía, Extremadura y otras provincias del Reino llaman dehesas. Son estos predios rústicos unas heredades abiertas, a pasto tieso para el ganado, especialmente el lanar; y las devesas unas pobres robledas de estrechos límites”.
  • E hai só dous anos o Dicionario século XXI da lingua galega –despois de definir devesa como “bosque atlántico ou fraga emprazada nunha aba moi pendente e orientada ao norte”– anota que “na lexicografía galega tradicional identificouse incorrectamente a palabra galega devesa coa española dehesa, designando as dúas realidades completamente distintas, xa que a palabra española fai referencia a un terreo extenso poboado de árbores de baixa densidade, en xeral pechado e adicado a pastoreo”.

Se –como xa debeu quedar claro– non debemos empregar devesa e dehesa como equivalentes, precisamos unha denominación coa que facer referencia a este segundo concepto.

Unha posibilidade sería intentar construíla aproveitando unha forma propia do galego, acompañándoa dun cualificativo que restrinxa o seu ámbito de designación. Esta parece ser a aposta do xa citado Dicionario século XXI, que propón o emprego de campa arborada.[3]

Outra vía é importar a denominación pola que ese ecosistema se coñece nas zonas en que existe. Esta práctica, moi frecuente nas áreas da ecoloxía e a bioxeografía,[4] permitiríanos elixir entre incorporar o castelán dehesa ou o portugués montado.

Como xa dixemos, calquera das tres potenciais solucións parécenos preferible a manter a confusión actual; pero posiblemente a introdución das denominacións alleas ocasione menos problemas, por evitar as potenciais ambigüidades que se lle poderían apoñer a campa arborada, e por tratarse dun procedemento neolóxico xa aplicado con outros conceptos do mesmo ámbito.

Se temos que priorizar agora entre dehesa e montado, pensamos que as razóns lingüísticas (aproveitar a contribución do portugués sempre que sexa compatible coa estrutura do galego) deben pesar máis ca as pragmáticas (a forma castelá é moito máis coñecida), polo que montado é a nosa recomendación.



 

----------------------------------

[1] É xusto dicir que, en contrapartida, seica tamén se poden atopar devesas en Estremadura, nas que se produce un saborosísimo xamón.

[2] Ao meu modo de velo, é un caso parello ao de arroyo (ES) e arroio (GL), que entendo que designan dous tipos de cursos de auga diferentes, aínda que o Dicionario castelán-galego da RAG insista en identificalos.

[3] Aínda que non o afirma explicitamente, na entrada devesa –despois de facer a observación que indicamos máis arriba– remítese a campa; e nela vemos que campa arborada se define exactamente coas mesmas palabras coas que se caracterizaba a dehesa na voz devesa (“Terreo extenso poboado de árbores de baixa densidade, en xeral pechado e adicado a pastoreo”).

[4] Actualmente, falamos en galego de erg (importado do árabe), de taiga (do ruso), de tundra (outra vez do ruso), de sabana (do taíno –u nha lingua amerindia– e a través do castelán), etc.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.09.2024.