Ir o contido principal

103. Esvaróns nas estradas: o aquaplaning

Un idioma preciso

As chuvias e os temporais destes últimos días provocaron que conducir polas estradas fose toda unha aventura e que houbese que andar con pés de la para non ter desagradables incidentes.

Á parte de árbores e pólas caídas, refachos de ventos, sarabiadas… un dos percances máis perigosos cos que houbo que lidar provocárono as bolsas de auga na estrada. Ao circular sobre unha pode acontecer que os pneumáticos do vehículo non dean drenado o volume de líquido necesario para manter o contacto co asfalto e esvaren sobre el, provocando así que o condutor perda totalmente o control da súa máquina.

Este fenómeno coñécese habitualmente polo seu nome inglés –aquaplaning–, tanto entre nós, como nas linguas do noso contorno. Pero ocorre que en case todas elas as autoridades que fixan/orientan o estándar léxico tenden a desaconsellar á utilización de anglicismos rematados en -ing[1]; por iso se documentan en paralelo propostas alternativas que defenden a súa adaptación gráfica ou morfolóxica ás características da lingua receptora. Así atopamos aquaplanagem ou hidroplanagem para o portugués, hidroplaneo[2] para o español, hidroplanatge para o catalán, aquaplanage ou hydroplanage para o francés…

Como xa apuntamos noutro momento, as autoridades académicas galegas tamén manifestan unha prevención semellante fronte aos anglicismos en -ing. Así, no VOLG, só se recollen catro (cámpingfootingleasing e smóking),[3] e rexéitanse explicitamente dous (*dóping e *antidóping); e desde o Termigal aconsellan nun artigo desta publicación recorrer a pontismobalsismotorrentismo ou surfismo para evitar puentingraftingcanyoning e surfing respectivamente.

En coherencia con esta pauta perceptible no estándar galego, pensamos que no posible debe evitarse o emprego do aquaplaning inglés, e que unha forma como hidroplanaxe,[4] construída en paralelo a hidroaviónhidrocarburohidrodinámicahidrometeorohidrosoluble… é unha alternativa preferible. Ademais, no caso de manter o anglicismo, este debería acentuarse graficamente segundo as regras do galego (aquapláning).

 

----------------------------------

[1] Véxanse, como exemplo, as opinións da Real Academia Española sobre footingjoggingraftingdopping ou casting; ou os debates sobre o uso dalgunhas destas denominacións en portugués.

[2] Esta forma emprégase maioritariamente nas variedades do español americano.

[3] Ademais, en dous deses catro exemplos recoméndase acentualos graficamente segundo as pautas ortográficas do galego.

[4] Preferimos esta forma antes ca a encabezada por acua-/aqui- (acuaplanaxe/aquiplanaxe) xa que este formante tende a participar en compostos que teñen como segundo formante un cultismo importado do latín (acuícolaacuiculturaacuíferoacuifoliáceo…) e non unha palabra galega autónoma.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.11.2023.