Ir o contido principal

106. Signaturas e sinaturas

Un idioma preciso

Nestes días en que acaba de abrir na capital de Galicia unha biblioteca seica pioneira, pode ser un bo momento para botar un ollo sobre un termo do ámbito da biblioteconomía, que nos adoita dar algún problemiña aos usuarios galegos.

 

Trátase do nome que debemos empregar para referirnos ao ‘código formado por números e letras que se emprega para identificar un documento concreto e indicar a súa localización no interior dunha biblioteca’. Tendo en conta que en castelán é coñecido como signatura topográfica (ou simplemente signatura), é frecuente ver textos galegos nos que se emprega sinatura, recorrendo de forma equivocada a esta palabra, que entre nós designa unicamente a ‘ acción de asinar’ ou o ‘conxunto de trazos que unha persoa emprega para asinar’.

 

Contribúe a complicar máis as cousas a Real Academia Galega cando no seu recente Dicionario castelán-galego propón que para referirnos a ese concepto usemos… catalogación!![1] Esta proposta é dificilmente aplicable xa que esa mesma palabra vénse empregando para designar o ‘conxunto de operacións bibliotecarias necesarias para a descrición completa dun documento, tanto a nivel formal (tamaño, tipo de portada, número de páxinas…) como conceptual (clasificación por materias…) e para a asignación dun código alfanumérico que o identifique, dando como resultado final un rexistro bibliográfico’.

 

Na nosa opinión, intentar empregar a mesma denominación para un proceso complexo e para unha das actividades que o compoñen (que é o que nos recomenda a RAG) provocaría unha excesiva ambigüidade no discurso e un alto rexeitamento entre os usuarios. Por iso, teremos que pensar nalgunha posibilidade alternativa, e ver qué camiños tomaron as linguas do noso contorno pode ser unha boa forma de comezar:

 

 

  • En francés apostan pola reutilización dunha denominación preexistente (cote, que o portugués calca e adapta ata transformala en cota.

 

  • En inglés recórrese a paráfrases que describen bastante ben o concepto como call number ou shelf mark.

 

En principio, o galego podería optar tanto pola primeira como pola terceira destas vías.[2] Nun dos casos, recoñeceríase signatura como un cultismo incorporado directamente desde o latín,[3] do mesmo xeito que se fixo con signatarioconsignarconsignatario… e outras que manteñen o -gn- do signum orixinario. No outro, habería que crear algún neoloxismo formal que reflectira as características básicas do concepto: exemplos en teoría acaídos poderían ser código de catalogaciónclave de catalogación ou código identificativo.

 

Se temos en conta que na documentación galega a forma signatura ten unha presenza ben abondosa, o máis razoable parece optar por esta alternativa, e evitar a creación de novas denominacións que moi dificilmente chegarían a callar no uso real.

 

----------------------------------

 

[1] A entrada en cuestión di o seguinte:
signatura s.f. [...] 3. (de un libro o documento) catalogación. La signatura del libro constaba de dos letras y tres números. A catalogación do libro constaba de dúas letras e tres números.

 

[2] A importación do galicismo, quer directamente, quer a través do portugués, parece máis complicada xa que os valores de cota en galego están afastados de máis do concepto que aquí estamos tratando como para xustificar unha extensión desa denominación.

 

[3] Evidentemente, isto non interfire na conveniencia de empregar sinatura para designar a acción de asinar.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.11.2023.