Ir o contido principal

107. Encadernar con canas, garras, peites ou aneis

Un idioma preciso

Como ratas de biblioteca, seguimos esta semana entre libros e outro papelame para ver de determinar como debemos chamarlle (e como non) a este tipo de encadernación.

 

Trátase dunha variedade na cal as páxinas se unen por medio dun elemento plástico dotado duns dentes que se enrolan en círculo e que suxeitan o papel ao pasar a través duns buratos rectangulares previamente perforados neste.

 

Nos textos galegos reais emprégase de forma case unánime a forma castelá (encuadernación en/con canutillo), ata o punto de que propostas que apostaban por unha mínima galeguización –como o canutiño recollido no Léxico editorial– non acadaron difusión ningunha.

 

Aceptar como correcto en galego un castelanismo tan evidentes coma este, rematado nun -illo de orixe diminutiva, non sería un feito insólito, e amósano ben exemplos como barquillocaudillocuartillogranadillopalillo… Pero a inmensa maioría destes casos, e outros que poderiamos seguir citando, son palabras que tamén foron acollidas –cun significado idéntico ou moi semellante ao que teñen entre nós– por varias linguas do noso contorno, nomeadamente polo portugués.[1]

 

Non é ese o caso do canutillo. Para bautizar ese obxecto, as diferentes linguas optaron por fixarse nalgún dos seus trazos máis destacados e, asociándoo metaforicamente con outro obxecto da realidade que tamén os posúe, darlle o nome deste último.

 

  • O castelán (canutillo) e o catalán (canonet) parten da identificación do obxecto no seu conxunto cun canudo ou cunha cana.

 

  • En Portugal miran para a forma circular de cada un dos dentes enrolados e compárana cun anel, do que resulta anel plástico / anel de plástico;[2] ou fíxanse na súa colocación na lombada do produto encadernado, polo que empregan tamén lombada plástica. Porén, no Brasil triunfou a visualización dese conxunto de dentes como unha garra, de tal modo que o obxecto é coñecido como garra plástica.

 

  • Para os falantes de inglés eses dentes imitan máis ben un peite, así que a forma elixida para referirse a el é plastic comb.

 

Como vemos, a forma con que o castelán bautizou ese obxecto non se espallou a ningunha outra lingua.[3] Polo mesmo, deberiamos descartar adoptala en galego, tanto na súa forma literal (canutillo) como na súa versión agalegada (canutiño), e cumpriría propor unha alternativa que tivese posibilidades de callar no uso real.

 

Desde Termigal xa se lanzou de forma provisional canela (encadernación en/con canela), que retoma a metáfora da “cana”. Outras alternativas posibles recorrendo á mesma imaxe metafórica poderían partir de canudo (encadernación en/con canudo) ou de canoto (encadernación en/con canoto), aproveitando tamén neste último exemplo, o feito de que a variedade de enxerto que entre nós se coñece como enxerto de canoto corresponde ao injerto de canutillo do castelán.[4]

 

Terá que ser o tempo o que determine se algunha destas tres propostas chega a ter unha certa vida propia, pero calquera delas mellora significativamente o panorama actual.

Así que… o foro está aberto para recoller as opinións e os argumentos de quen queira contribuír a establecer un consenso

 

----------------------------------

 

[1] Nos dicionarios desta lingua podemos atopar barquilhocaudilhoquartilhogranadilhopalilho

 

[2] A mesma imaxe é a que se empregou en francés, onde obxecto se coñece como anneau plastique.

 

[3] Si o fixo esa mesma palabra en canto significante doutros conceptos. O Dicionario castelán-galego da RAG indícanos que canutillo é a forma adecuada de referirse en galego tanto a un ‘fío de ouro ou prata’ como a unha ‘doa de vidro alongada’. Pero isto non invalida a nosa argumentación anterior, porque eses dous obxectos tamén se coñecen en portugués como canutilho e –como xa indicamos en moitas ocasións– o feito de que unha mesma palabra apareza en dúas linguas non implica que todos os valores que teña nunha delas deban estenderse sen máis á outra.

 

[4] En teoría, é tamén posible reproducir con léxico galego calquera das outras metáforas –ou aínda desenvolver unha propia–, pero o grao de implantación real de canutillo fai improbable que unha denominación galega totalmente diverxente dela chegue a acadar un uso relevante.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.11.2023.