Ir o contido principal

108. Uns xogos “para olímpicos”

Un idioma preciso

Aínda que só sexa polas moitas novas destes últimos días é difícil ignorar que estamos achegándonos a un conflitivo verán olímpico.

 

O evento máis importante e o que máis atención vai atraer son os Xogos da XXIX Olimpíada,que se desenvolverán en Beijing entre o 8 e o 24 do vindeiro mes de agosto. O nome oficial deste conxunto de competicións deportivas achéganos tamén a unha polémica lingüística, que poderiamos verbalizar así: ¿podemos empregar Xogos Olímpicos e Olimpíada para referirnos aos eventos deportivos, ou a segunda destas formas debe designar unicamente o período de tempo que transcorre entre dous Xogos Olímpicos?

 

Aínda que a denominación institucional aposta pola segunda das alternativas, na práctica en portuguéscastelánfrancésinglés ou galegoOlimpíada pasou tamén a designar a celebración deportiva.

 

Pero aínda que os Xogos Olímpicos (ou Olimpíadas, como acabamos de ver) de Beijing sexan o evento máis importante non ha ser o único. Na capital chinesa tamén van ter lugar entre o 6 e o 17 de setembro os Paralympic Games: unha competición paralela aos Xogos Olímpicos e destinada á atletas con discapacidades físicas.

 

O nome xurdiu como un acrónimo formado por para[plegic] e [o]lympic, xa que nos seus comezos só competían atletas con esta discapacidade; pero a participación se abriu a outras variedades de limitacións físicas, cambióuselle o significado á denominación, pasando a explicarse como a unión da preposición grega para e o substantivo olympics, cun sentido aproximado de “xogos olímpicos paralelos”.

 

As linguas románicas adoitan referirse a eles como Juegos ParalímpicosJogos Paralímpicos ou Jeux Paralympiques.[1] Segundo isto, parece que a forma máis acaída en galego –e de feito é a máis frecuente– debería ser Xogos Paralímpicos.

 

Pero resulta que esa unión entre para- e a palabra a que se solda, pola cal esta última perde a primeira vogal, é insólita en galego[2] –e tamén en castelán e portugués, se nos guiamos polas voces que critican ese uso[3]. Na realidade, o máis frecuente é que as dúas vogais se conserven (paraepilepsiaparaestatalparainfecciónparaoccipitalparaoperatorioparauretra…) ou que sexa o -a final de para- o que desapareza (parencefaliaparelectromíaparodontiteparoftalmíaparorgánicoparovariteparoxítono…).

 

Enfrontámonos, pois, a un dilema: se buscamos a harmonización coas linguas do contorno parece que deberiamos apostar por paralímpicos; pero esta forma entra en conflito coas pautas habituais de formación de palabras en galego, que nos orientarían cara a paraolímpicos ou parolímpicos.

Na nosa opinión é preferible respectar estes padróns non-escritos (e empregar Xogos Paraolímpicos ou Xogos Parolímpicos) antes ca buscar igualarse cos usos doutras linguas, especialmente cando estes, aínda que maioritarios, tamén reciben críticas no mesmo sentido que indicamos aquí.

 

----------------------------------

 

[1] En realidade, Jogos Paralímpicos é a forma maioritaria unicamente en Portugal xa que no Brasil domina Jogos Paraolímpicos. E en castelán, Juegos Paraolímpicos ten tamén unha presenza significativa, aínda que menor.

 

[2] Só a atopamos nalgúns casos en que para- se une a unha palabra que comeza por es- (paraspasmoparaspecíficoparasplénicoparasteatoseparasternal…)

 

[3] Aínda que, desde o punto de vista normativo, en castelán a RAE xa emitiu sentenza.

     

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.11.2023.