Ir o contido principal

116. Outros efectos da crise: hipotecas subprime

Un idioma preciso

Desde hai xa uns meses -e os que nos quedan!- todos andamos feitos medio expertos en economía, e falamos das subas e baixadas do IPC, do risco de estagflación1 ou das estratexias de titulizacióndas entidades bancarias como se entendéramos algo. Outro dos termos que adoptamos case como cotiáns é o de "subprime", especialmente falando das "hipotecas" ou dos "créditos subprime".

Con ese nome (subprime mortgage) faise referencia a unha forma de crédito hipotecario xurdida nos Estados Unidos, dirixida a clientes a priori pouco solventes (chamados coloquialmente "ninjas"), a os que se lles esixía como única garantía de pagamento a vivenda que se hipotecaba, e que pagaban a cambio unha maior taxa de xuro.

A denominación inglesa xustifícase polas características do sistema estadounidense de cualificación de préstamos. Alí coñécese como prime rate a taxa de xuro á que os bancos lles prestan diñeiro aos seus mellores clientes; xa que logo, as hipotecas que se contratan con taxas próximas a esa son as prime mortgages, e as que non acadan as condicións para chegar a ese nivel englóbanse nas subprime mortgages.

Cando os efectos provocados polo non-pagamento masivo deste tipo de préstamos hipotecarios chegaron ata nós, a palabra inglesa viaxou no mesmo lote. De feito, se o miramos a nivel puramente cuantitativo, é con moito a denominación principal en galego e en todas as linguas veciñas. Pero se imos un pouco máis alá teremos que recoñecer que á hora de integrala presenta dous problemas: un puramente conceptual, pois o seu significado non é en absoluto deducible a partir da súa forma; e outro formal, xa que grafía e pronuncia non se corresponden.2Hipotecas de alto risco

Probablemente por isto, nesas mesmas linguas tenden a xerarse denominacións alternativas, que utilizan palabras propias e que intentan describir o concepto partindo de trazos como o nivel de risco ou a calidade. Así, en portugués podemos atopar mencións a hipotecas/créditos hipotecários de alto riscode baixa qualidade ou lixo; en castelán a hipotecas de alto riesgohipotecas de baja calidad ou hipotecas basura; en francés a prêts hypothécaires à haut risqueprêts hypothécaires à risque, etc.

Esta mesma tendencia tamén pode detectarse en galego, onde documentamos mencións a hipotecas lixohipotecas de risco ou de alto risco ou a hipotecas de baixa calidade.

Neste momento é moi difícil saber se o concepto vai desaparecer coa mesma velocidade coa que chegou ou se se vai instalar finalmente entre nós. No caso de que ocorra isto último, tampouco se pode adiviñar se o vai facer coa forma subprime ou se algunha das denominacións alternativas vai acabar suplantándoa. Na nosa opinión isto último sería o desexable.

A mellor das candidatas sería posiblemente hipoteca de alto risco, tanto por razóns cuantitativas (alta presenza en galego e -con denominacións paralelas- nas linguas veciñas) como cualitativas (é a que mellor describe no nivel estándar da lingua o concepto que designa).3

A nosa proposta sería, xa que logo, evitar na medida do posible o emprego de subprime, substituíndoo por algunha das denominacións alternativas que temos ao noso dispor. Hipoteca de alto risco parece a mellor para textos formais e técnicos, pero hipoteca lixo pode ser moi útil noutro tipo de documentos dado o seu alto valor expresivo.

----------------------------------

[1] Aínda que a forma máis presente nos documentos reais é "estanflación", aquí empregamos a recomendada polo Vocabulario de economía, da Universidade de Vigo, avalada ademais pola súa concordancia coa práctica totalidade das linguas europeas.

[2] En realidade, nin unha nin outra razón imposibilitan por si mesmas a incorporación directa dese estranxeirismo ao galego (un exemplo como software, é a mellor proba). Pero si é certo que a dificultan e fomentan a aparición de alternativas.

[3Hipoteca lixo percíbese como coloquial en exceso para aparecer con naturalidade en determinados tipos de documentos técnicos (artigos científicos, informes económicos...). Hipoteca de baixa calidade parece apuntar cara ás características intrínsecas desta, cando o relevante en todo caso serían as características (a 'calidade', se se quere) de quen as subscribía. E hipoteca de risco mantense nun plano bastante xeral ao non cuantificar ese "risco", como dando a entender que existirían outras hipotecas que non terían asociado risco ningún.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.09.2024.