Ir o contido principal

117. Andar co lobo na orella.

Un idioma preciso

En galego, ao falarmos de lobos podemos estarnos referindo a dúas realidades moi diferentes, tanto que ata as pronuncias dunha e doutra son distintas. Quen hoxe nos interesa aquí non é o mamífero carnívoro da familia dos cánidos (que debe lerse con -o- pechado), senón a 'porción arredondada e saínte de diversos órganos' (pronúnciese con -o- aberto), especialmente cando se manexa no ámbito da anatomía.

Nesta disciplina adoita definirse un lobo (LA: lobus;1 EN: lobe; PT: lobo; ES: lóbulo) como 'cada unha das partes máis ou menos diferenciadas anatomicamente nas que se divide un órgano, principalmente o fígado, o cerebro e o pulmón'; e coñecese como lóbulo (LA: lobulus; EN: lobule: PT: lóbulo; ES: lobulillo) o 'lobo pequeno ou a subdivisión dun lobo'.

O feito de que lóbulo nomee conceptos diferentes en castelán e galego vai provocar que atopemos contradicións á hora de nomear algúns termos anatómicos nos nosos dicionarios. E iso a pesar de que a presenza do latín podía facilitar a aplicación sistemática dun criterio á vez etimolóxico e harmonizador.

Así, mentres que o Diccionario galego de termos médicos (DGTM) fala de lobo cadradolobo cerebrallobo cuadriláterolobo frontallobo límbicolobo parietal ou lobo temporal (todos eles designados en latín como lobus), o Diccionario de psicoloxía e educación, editado pola Xunta de Galicia na mesma colección ca o anterior, fala neses mesmos casos de lóbulos.

Tampouco hai unanimidade á hora de determinar o nome que debe recibir a 'porción inferior carnosa da orella': lobo, como afirma o DGTM? Ou lóbulo, tal e como propoñen o Diccionario da Real Academia Galega e o Dicionario castelán-galego da mesma entidade?.

Na nosa opinión, débese intentar manter a correspondencia coas formas latinas, dado o seu carácter de lingua franca internacional á hora de designar conceptos anatómicos. Pero ademais, seguindo de preto o latín estamos harmonizándonos coas linguas do noso contorno, xa que todas elas -quitado o castelán- aplican en xeral esa mesma correspondencia coa fonte latina.

Por iso, propomos o emprego de lobo para os termos coñecidos como lobus en latín científico (os xa citados lobo cadradolobo cerebrallobo cuadrilátero, lobo frontallobo límbicolobo parietallobo temporal... E lóbulo cando corresponda con lobulus en latín (lóbulo do epidídimolóbulo hepáticolóbulo central do cerebelolóbulo semilunar2...).

E que facer coas nosas orellas? Pois vendo que o nome latino é lobulus auriculae, a forma galega máis acaída para nós é lóbulo; a pesar de nesta ocasión nin o inglés -que opta por lobe (earlobe) e non por lobule- nin o castelán (lóbulo no canto do esperable lobulillo) manteñen esa correspondencia etimolóxica.

 

 

----------------------------------

 

[1] Incluímos o latín entre as linguas das que ofrecemos información xa que en Anatomía (igual ca en Bioloxía) as nomenclaturas internacionais úsana como vehículo neutro co que elaborar unha denominación única para cada concepto.

[2] Esta denominación e a anterior aparecían no DGTM como "lobos", pero ao corresponderen ao lobulus centralis e o lobulus semilunaris latinos, pensamos que se deben recomendar formas con "lóbulo".

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.09.2024.