Ir o contido principal

123. Puzzles que son un crebacabezas.

Un idioma preciso

Como non só de traballo vive o ser humano (case escribo a "persoa humana), desta vez imos botarlle un ollo a algúns xogos de mesa, que tamén poden ter o seu aquel lingüístico. Fixarémonos nun grupo deles que teñen como obxectivo compor unha figura ou unha imaxe xuntando dunha forma determinada unha serie de pezas.

De forma xenérica, reciben o nome de crebacabezas (PT: quebra-cabeça; ES: rompecabezas; EN: puzzle; FR: casse-tête). Pero este nome tamén se lle aplica a un en particular, formado por cubos que se colocan uns ao pé dos outros, de tal forma que coas mesmas pezas é posible formar seis figuras diferentes -unha por cada cara do cubo.Pezas de puzle

Outro dos máis coñecidos é o formado por pezas planas ou con pouco volume, recortadas con formas irregulares que, encaixadas dunha forma determinada, forman unha imaxe ou un debuxo (EN: jigsaw puzzle; PT: puzzle; FR: puzzle). Se aínda non indicamos as denominacións de galego e castelán é porque as autoridades que establecen a norma lingüística nestas dúas linguas (e tamén as do catalán, por exemplo) recomendan solucións que merecen un comentario á parte:

  • En castelán, a Academia Española estableceu que puzle (si, con un só zeta) é un sinónimo de rompecabezas, pero non nos dá indicación ningunha sobre como denominar o tipo específico ao que agora nos referimos.
  • En galego, a Academia Galega establece que puzzle, é unha forma que debe evitarse, e recomenda crebacabezas no seu canto. Xa que logo, dous xogos comercialmente ben diferenciados compartirían denominación.

Na nosa opinión, propostas coma estas últimas son bastantes discutibles, pois afectan a precisión que debería manter unha comunicación semiespecializada como é a comercial. Con isto non estamos dicindo que deba ser puzzle o nome escollido para o 'xogo formado por pezas planas...', pero si que sería lóxico contar cunha denominación distinta de crebacabezas. Pero se puzzle é aceptado -con variacións gráficas mínimas- en portugués, francés, castelán ou catalán, non entendemos por qué hai que extremar o purismo en galego.

Por iso, neste caso concreto imos ignorar as recomendacións académicas e propor puzzle ou puzle como a forma máis adecuada de referirse en galego a ese xogo.

A esta listaxe podemos engadir moitos máis crebacabezas, pero limitarémonos a dous que tamén teñen o seu aquel lingüístico:

  • tangram (PT: tangram; ES: tangram; EN: tangram; FR: tangram), que consiste en intentar formar figuras diversas usando sete formas xeométricas resultantes da división dun cadrado. Neste caso, pensamos que o -m final debe manterse, xa que tamén se conserva nas linguas próximas. Aínda así, o uso dunha forma como tangrán, tampouco debería verse como un erro.
  • Os pentaminós (PT: pentaminós; ES: pentóminos ou pentaminós; EN: pentominoes; FR: pentaminos ou pentominos). Neste caso, a dúbida xurdiría á hora de optar entre "pentaminó" ou "pentominó". Pero o feito de que o prefixo de orixe grega penta- se manteña inalterado na práctica totalidade dos cultismos galegos que o inclúen (pentacordopentágonopentagramapentano...) lévanos a recomendar a primeira das posibilidades.
Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.09.2024.